maio 01, 2006

Fanático

Falei nesta lingua na que escribo e alguén me chamou “fanático”. Quixen falar nesta lingua en calquera lugar e circunstancia e non fun comprendido. Pareceulles estraño. Quixen facer vida normal con estas palabras e olláronme de arriba a abaixo, cal becho raro. Disque quixeron saber a qué partido político votaba por falar e comportarme de tal xeito. Alguén me chamou “fanático” porque non cambiei para a lingua que el estaba a falar. E digo eu, ¿por que non cambiaba el para a miña se as dúas son igual de “oficiais”?. Si, eles non cambian, mantéñense na súa, pero os fanáticos somos nós. Somos nós os raros. Aquí non hai conflito, din. Este é un país pacífico. Ímonos levar ben. Un consello, sobre todo non se vos ocorra dicir que se están a violar os vosos dereitos lingüísticos porque daquela diranvos que estades “pasados”, que todo iso son discursos de mitin político electoral ou, se cadra, que aínda estades a voltas co Marxismo. Porque, iso si, aínda que descoñezan por completo ao Marxismo, a maioría destes dos que vos estou a falar téñenlle auténtica xenreira a todo aquelo que cheire a Marx.

Ningún comentario: