abril 21, 2011

Ser ou Ter: Prazas de Touros e Centro Comerciais.


Disque cada tempo ten os seus templos, espazos onde a xente acode a celebrar os ritos. Hoxe o rito por excelencia chámase consumo, e os templos centros comerciais. A que outrora fora a Praza de Touros das Arenas de Barcelona é agora un moderno e xenuíno centro comercial. Hai trinta ou corenta anos nese espazo a xente dábase cita para experimentar as sensacións e sentimentos que nela espertaba o enfrontamento entre un home, o toureiro, e un animal, o touro de lida. Un rito convertido en espectáculo que recreaba en parte o home que tivemos que ser nun tempo anterior, cando a loita contra o animal era central na subsistencia. Un rito, o taurino, ao que só lle pode recriminar, ao meu entender, o sufrimento co que se asoballa ao animal durante a lida, nin tan sequera a morte que tamén se dá, por mor das esixencias subsistenciais humanas e outras non tan necesarias pero si para os mercados, en moitas e variadas especies en moitos e diversos lugares.

No rito do consumo celébrase o inmediato posuír, a merca do obxecto que debería producir a satisfacción e o benestar da necesidade –real ou creada- cumprida. No rito da lida celébrase o inmediato sentir: as sensacións e sentimentos que producen a expectación diante do risco mortal, en combinación coas formas estéticas, da lida do home fronte á besta. Sentir, que como ben podemos entender, vai máis vencellado a Ser ca Ter. ¿Ter ou Ser? (To Have or to Be?), título do ensaio onde sobre as diferenzas psicolóxicas e psicosociais de ambos os dous conceptos reflexionara aló polo 1976 Erich Fromm. Arestora o rito do consumo reempraza calquera outro rito, tamén o da lida dos touros; é o rei e señor de todos os cerimoniais, unha celebración constante amparada no mito da felicidade fornecida pola lóxica do posuír. Velaí o nacemento dun novo home para o quen o centro da súa vida xira ao redor das cousas que poida mercar; ao redor do que poida posuír. Ao novo home cúmprenlle novos templos: velaí os centros comerciais.