abril 28, 2015

Galeano, in Memoriam

Agora que o escritor, xornalista e axitador de consciencias uruguaio Eduardo Galeano nos deixou, permítome recuperar aquí a refeita dun texto publicado hai anos neste Blog adicado a el. Dicía entón que caera nas miñas mans o “Libro dos Abrazos” Débolle o achado a Martí Aviñoá, compañeiro e colaborador do programa de radio “Galiza algo máis” que se emite na emisora de http://www.sants3radio.cat/ da cidade de Barcelona os sábados de 5 a 6 da tarde. Neste libro de curtas profundas achei referencias directas a Galicia, e tamén reflexións aplicables a ese país de noso que constantemente se autoagasalla con esquecemento e colonialismo invisible. 

O río do esquecemento. Deste xeito titula Galeano unha das súas curtas reflexións. Fai mención nela a que nunha ocasión visitara Galicia e contáranlle o motivo polo cal as tropas romanas non quixeran, nun primeiro contacto, travesar o río Limia (Lethes): o medo a perder a memoria, non saber quén es nin de ónde vés. Os galegos, que emigrados en latinoamérica poñían os nomes das súas aldeas e lugares de orixe aos seus negocios, di Galeano, despois de ficar sorprendido coa numerosa toponimia latinoamericana dos nomes das tabernas e bares, “de volta na súa terra de orixe nunca esqueceran nada. Nin cando marcharon, nin cando volveron; nunca esqueceran nada. Agora tiñan dúas memorias e tiñan dúas patrias”. Debe ser certo iso de que os galegos temos dúas, e tres, e até máis patrias. Somos uns saudosistas dos lugares onde moramos e que co tempo fican atrás. A todos os levamos en parte no corazón. Se cadra é o panteísmo ancestral que corre polas nosas veas quen nos fai estimar a terra vivida. Mágoa que só entedamos da nosa condición única cando estamos eso que se di, como tópico, "lonxe da terra".

Colonialismo invisible. Como latinoamericano Eduardo Galeano entende ben de colonialismos. “O colonialismo visible mutílate sen disimulo: prohíbeche dicir, prohíbeche facer e prohíbeche ser. O colonialismo invisible, en troques, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza: convéncete de que non se pode dicir, non se pode facer, non se pode ser”. En Galicia tradúcese nesa esa voz interior que di: non se pode dicir nin facer en público en Galego, non se pode ser, por riba de todo e antes que nada, Galego. Ese colonialismo invisible, ese colonialismo interior, é a nosa gran doenza contemporánea, arestora e de novo instalada na máxima institución que dirixe o noso destino. Pasaron os séculos dende a súa chegada e non nos damos desfeito del.