setembro 18, 2006

No Pazo de Trasalba,...


Seguimos coa sesión da Clariña en diversos lugares do país. Este de agora é moi recomendable. Estamos na casa museo Pazo de Trasalba, residencia durante longo tempo do mestre Ramón Otero. O lugar onde está a Clariña é precisamente a galería do Pazo que foi deseñada por Castelao. A combinación de cores - verde enriba da pedra- e outros elementos fan da galería unha das pezas sublimes deste Pazo. Non deixedes de visitalo se tedes vagar. Velaí un texto recollido que eu tamén firmo: "Serán as terras vizosas de Trasalba e os contactos humanos alí desenvolvidos os que fagan descubrir a Don Ramón as esencias profundas da cultura tradicional e as que o poñan en contacto coa lingua, paisaxe e sensibilidade galega. A casa de Trasalba e os seus contornos paisaxísticos axúdannos decisivamente a mellor entender o pensamento oteriano e constitúese como un dos referentes simbólicos do noso pasado recente"

setembro 08, 2006

A Clara coa vaca de Breogán


En Santiago, visitando a exposición Nazón de Breogan, a Clariña posa xunto a ese icono animal de Galicia: a vaca. Supoñemos, dado que non dicía de quen era que se trataba da vaca do mesmísimo Breogán. Ora ben, teríanos parecido mellor que para isto fose unha Rubia galega, sempre máis enxebre ca de pintiñas, disque chegada de Suíza. Todo e que ¿Suíza non existía en tempos de Breogán? Entón, ¿de quen é a vaca?

setembro 02, 2006

Forno de pan en Ancares


Velaí o que cabe neste forno dunha casa labrega de terras Ancaresas. Son 14 fogazas e 1 empanada. Foron amasando na artesa, metade de centeo e metade de trigo. Ben amasado para que a masa no quede lelda. O pan aínda esta branquiño e o forno xa está roxado. Para roxar un forno precísanse ademais da leña seca de xesta ou uz unhas puxas, que serven para acender o primeiro lume. O pan deberá ser sacado ao seu tempo e seguro, ben seguro, que estará boísimo.