setembro 29, 2011

¿ Celebremos Galiza e Catalunya respectando España ?

( O artigo foi feito para o 25 de xullo, Día da Patria Galega, a foto tomada na celebración da Diada Nacional de Catalunya, o 11 de setembro )

Moitas veces cando as lingua-culturas non plenamente recoñecidas, marxinalizadas, tentamos ben que se celebre, ben que se faga recoñecemento do noso, sentimos as voces externas que censuran de embiguista este comportamento. Decatámonos de que, en xeral, aqueles que nos censuran son os mesmos que celebran o seu con normalidade. Velaí a actitude do colonizador dominante: salientar o seu e desprezar aos que sobreviven baixo o seu poder. Dende as culturas asoballadas non debemos caer no mesmo erro respecto á nosa consideración das culturas dominantes.

O día que isto escribo, 18 de xuño, o español celebra o seu día, chamado día E, no que, entre outras actividades, se leva a cabo unha choiva de palabras e a selección dunha delas. Todo isto se fai cun despregue de medios de tal magnitude que abrangue a maior parte do planeta a través dos 78 Institutos Cervantes distribuídos en 44 países dos cinco continentes – acaso alguén dixo que o español non está subvencionado? E a min paréceme ben que por parte do estado e da cidadanía español-falante así se faga. Do mesmo xeito que, entendo, lles debería parecer ben que nós fagamos a celebración da lingua galega, neste caso de xeito dabondo máis humilde en medios e capacidades xusto un mes e un día antes: 17 de maio. Un día e ano que cada vez adicamos a unha figura das nosas letras; desta tocoulle a Lois Pereiro, posuidor dunha suxerinte e inquietante voz poética.

A nosa festa das letras parte da consciencia de que as nosas capacidades son menores, pero non así a dignidade e altura do que celebramos, porque unha lingua-cultura non se mide nin polo orzamento do que dispón, nin polo número de persoas que abrangue, senón pola consciencia, a paixón e o amor dos seus celebrantes. Vén aquí a conto, se me permitides, a parábola cristiá: "Onde dous ou tres se reunen no meu nome, alí estou eu no medio deles" (Mt 18,20). Xa que logo, habémonos seguir xuntando; a vindeira, o 25 de xullo, para celebrarmos a lingua-cultura política, o día da nación política necesaria da que precisamos para consolidármonos como país na súa plenitude. Ese mesmo día tamén se celebra o patrón das Españas, e aínda que en parte concibido de xeito contrario aos nosos intereses habémolo respectar, entre outras cousas, porque aspiramos tamén a ser respectados na reivindicación e celebración da nosa patria.