outubro 11, 2016

Medios dominantes, propaganda do poder





A directora do voceiro A Micro Pechado de ERGAC, Helena Domínguez, presentaba o pasado 26 de Xaneiro, na Facultade de Xornalismo da USC, a súa tese de doutoramento baixo o título: “A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa”. Sabemos, dende os tempos en que Helena se incorporou a ERGaC, hai algo máis dunha década, do seu interese polos movementos sociais e mailos medios alternativos. Daquela procurou seguir o movemento ocupa aquí en Cataluña ao tempo que seguía de preto os xornais Novas da Galiza e A Peneira, e todo sen deixar de banda os estudos académicos de xornalismo, seguindo os cursos de doutoramento na UAB, onde se encargaba tamén de distribuír este voceiro. 

 Xa de volta a Galiza e facendo un traballo de investigación no 2013 sobre os medios alternativos, decátase de que os entrevistados se queixan do tratamento que os medios hexemónicos están a proxectar sobre o independentismo, e decide facer deste tema a súa tese, concretándoa sobre o tratamento que estes facían e farían sobre Resistencia Galega, movemento independentista que xusto naquel momento fora definido como terrorista por un tribunal español. Deste xeito que Helena, tal e como é prescriptivo nunha tese, segue unha metodoloxía científica confrontando 800 textos dos xornais ABC e La Voz de Galicia fronte a Novas da Galiza. Sen capacidade para ampliar a máis xornais o estudo, a autora afirma: “o resultado non variaría máis que nos matices porque hai, na prensa dominante, unha liña moi definida con respecto ao tema da que ninguén sae”. Resultado: funciona nos medios o chamado “modelo propaganda” que definira Chomsky, e que supón varios filtros que permean o contido dos mesmos facendo que desempeñen un rol propagandístico a favor do goberno. No caso de Resistencia Galega hai unha herdanza das dinámicas creadas en corenta anos de cobertura do conflito vasco, de xeito que mesmo chega a ser instrumentalizado polos actores da prensa dominante para criminalizar e desacreditar o nacionalismo galego. 

Cremos que é moi necesario saber que nos medios hexemónicos imperan a falta de respecto á presunción de inocencia, as atribucións erróneas de accións violentas ou terroristas e a falta de rigor nos datos á hora de estabelecer xuízos, sobre todo nestes días que vén de saír da prisión Arnaldo Otegi, despois de cumprir algo máis de seis anos de cadea cando a súa posición ideolóxica dende 2004 era claramente a prol da paz e a vía política para defender a independencia de Euskadi, chámaselle a isto criminalización de ideas políticas: ata cando presos políticos nos cárceres españois, tamén os de Resistencia Galega ? Grazas Helena por deitar luz co teu traballo de tese sobre como os grandes medios funcionan como instrumentos de propaganda a favor das exclusivas ideas do goberno e do aparello do estado.



xaneiro 15, 2016

“Imos pouco a pouco porque imos lonxe”



“Imos pouco a pouco porque imos lonxe”, a CUP dixit mentres asistiamos 
ao dobre fracaso do intento de investidura de Artur Mas. 

Eran as primeiras semanas de novembro. Os votos favorables dos Cupeiros andaban caros. Non estaban en disposición de se vender por un prato de lentellas. O xornalista Enric Juliana defíneos con acerto como os “fraticelli”, os da austeridade franciscana, inmellorable ética para calquera político. Antes do episodio da investidura falida no Parlament, o grupo de Junts pel Sí vírase forzado, pola propia presión da CUP, a aprobar unha resolución na que se declaraba o "inicio da creación do estado catalán independente en forma de república", coa que os grupos independentistas pretendían encetar o proceso de ruptura co estado. Trátase de nove puntos que recollen en esencia, e coas correspondentes consecuencias, o recoñecemento dunha única soberanía, a que emana do pobo catalán, neste caso representado no Parlament de Catalunya, onde a maioría independentista é, a todas luces, ben clara ( 72 vs. 63). Non se acatarán as ordes das institucións españolas, particularmente as do TC. 

Nese intre alguén se puido preguntar: onde estaban as medidas sociais da ruptura ? E velaí que, antes de presentala a votación, se lle engadiu un necesario anexo de medidas sociais, coas que se pretenden dar resposta con carácter urxente á pobreza enerxética e ao problema da vivenda, e a medio-longo prazo garantir a sanidade, educación e liberdades públicas. De xeito inmediato a ser presentada e aprobada no Parlament foi tamén suspendida polo TC, previo recurso do goberno central. Estaba a dar comezo o xogo. Fracasada a investidura de Mas encetáronse as labazadas aos Cupeiros, acusados de seren traidores e atranco do “Procés”. Presión externa e mesmo nalgún caso interna para os que no teñen présa, lembremos: ”imos pouco a pouco porque imos lonxe”. Itaca sempre espera, hai tempo. Fagámolo si, pero sobre todo fagámolo ben : “Independència, Pobresa Zero, Prou Corrupció”, tres eixos para superar a tripla crise: nacional, socioeconómica e institucional. 

Con estas saíron os Cupeiros aos medios para dicir que "agora non son tan contundentes", deixando a porta aberta a unha posible investidura dun candidato de Junts pel Sí, xa veremos si mesmo será ou non Mas, e que deberá ser sometido a aprobación nunha xornada de debate nacional nos finais deste mes de novembro. Os que estades a ler este análise nos postremeiros días do ano pensade que foi escrita o 20N, cumpríndose corenta anos do pasamento de Franco, morte na cama do ditador que artellou a reforma do réxime teledirixida polo sucesor que el mesmo designara, el- Rei. Alguén que foi quen de aproveitar o seu-Reino para dotarse dos poderes e renome necesario para a practica dunha corrupción impune coa que encheu as súas alfándegas e as dos acólitos do novo réxime. Arredarse dese Reino e institucións podres na procura de fundar ex-novo unha república social, “de e para” as clases populares. Velaí o horizonte político dos Cupeiros que nós compartimos tanto para este pobo de Catalunya como para o noso de orixe, Galiza, e tamén para todos os pobos do mundo, porque o mellor dos mundos posibles será aquel no que todos os pobos se poidan gobernar sen seren sometidos nin á vontade nin aos intereses de ningún outro.  

setembro 25, 2015

Manifesto Meridiano do Foro Cívico Galego de Barcelona


Os membros do Foro Cívico Galego de Barcelona (FCGB) participantes no acto a prol da soberanía de Catalunya, celebrado o 10 de setembro na Plaça Sòller de Barcelona (#AdianteCatalunya) e presentes tamén na manifestación da Diada, “Via Lliure de la Meridiana”, queremos manifestar o seguinte:

1) Galiza foi e segue a ser unha colonia do Estado do Reino de España. No século XXI, o Partido Popular e as súas elites-satélite procuran manter este status a través da práctica de políticas clientelares que nos negan o que é noso na Nosa propia Terra e nos empurran a marchar lonxe dela. Os emigradores bótannos fóra, si! Mais, ás veces, lémbranse de nós, enfeitizados, e son quen de viaxar aos diferentes lugares de acollida pra vixiar a marcha dos seus negocios e intereses. E así foi como o 12 de setembro de 2015, no Saló del Tinell de Barcelona, unha grea de membros do neofranquismo e do neofraguismo do PP visitáronnos para declarar que seguen a conspirar sobre como vampirizar o sangue dos emigrantes zugándolles o único que non son quen de pisparlles sen a súa vontade: o voto.

2) Na devandita xuntanza, estes garantes da “unidad de España” confabuláronse para seguir a afogar a vida dos pobos das Hespañas, e a súa auténtica biodiversidade e pluralismo: nacional, cultural, lingüístico e económico, por medio da intimidación e da propaganda anticatalá. Mesmo na súa quenda o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como voceiro, advertiu que “Catalunya está metida en un tenebroso túnel sin salida porque está en la ilegalidad”. Namentres el dirixe, raposeiro, dende a “autonosúa” constitucional, o afundimento de Galiza na miseria moral, na anomía identitaria, na ruína económica e na intemperie histórica.

3) Trátase dos mesmos que pretenden que os que nos definimos e sentimos galego-cataláns nos manteñamos no gueto galego-español, construíndo así valados na sociedade catalá, coa pretensión de perpetuarnos como servos do estado imperial que destruíu e destrúe a nosa identidade de orixe, a galega, e a nosa identidade de acollida, a catalá. En consonancia co exposto, queremos denunciar as declaracións do actual presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, (“Es una obligación que te imponen cada día: o eres unionista o eres independentista. La palabra que nadie dice, pero que todo el mundo piensa es “sobráis”), declaracións que nos avergoñan como galego-cataláns ao facerse carrete de transmisión das mentiras ideolóxicas dos seus mentores do PP. Asemade, denunciamos que se instrumentalice de xeito tan ruín o CGB, a entidade máis veterana da comunidade galega en Catalunya, póndoa ao servizo dos adversarios tanto da liberdade e identidade catalás como dos cidadáns galego-cataláns que facemos parte activa, orgullosa e responsábel desta sociedade que nos soubo acoller.

Por todo o devandito, o Foro Cívico Galego de Barcelona declara a súa oposición á política electoralista, oligárquica e imperial do Partido Popular en Catalunya pois ren do que din e fan aquí, como alí onde gobernan, é verdadeiro, honesto, nin xusto. Polo que, como galego-cataláns, manifestamos, meridianamente: Non no noso nome!

Barcelona, 21 de setembro de 2015

FORO CÍVICO GALEGO DE BARCELONA - rngredaccion@gmail.com
32 asinantes: Camilo Fernández, Celso Díaz, Montserrat Cachafeiro, Suso Mon, Francisco Castro, Antonio Argibay, Xosé Fernández, Lorena Lorenzo, Mercè Pinyol, Xosé Carlos Fernández, Iolanda Tosar, José López, Antón F. Escuredo, Rosa Alvarez, Jose A. González, Jénnifer Alfonso, Judit Jané, Andreu Roig, Rosario Uriach, Francesc Solá, Jesús Jané, Xoel González, Violeta Roig, Marta Carbonell, Sergi Jané, Lluc Roig, Tamara Díaz, Ismael Calvet, Xiana Díaz, Silvia Rotger, Anna Mas e Paula Ventura.

agosto 29, 2015

Ruído de Trens


O pasado 5 de Xuño presentouse na Facultade de Filoloxía (UB) Ruído de Trens, primeiro poemario da autoría de Eduard del Castillo Velasco, membro e colaborador de ERGaC, e que recibe edición pública grazas a ter obtido no 2014 o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Cómpre non esquecer que o devandito é extensión dun outro co que gañara o III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Xa que logo, son dous tribunais os que confirman a cualidade deste traballo literario.

A presentación correu a cargo da profesora Sabela Labraña, quen iniciara a Eduard na alfabetización da lingua galega hai xa máis dunha década na mesma UB – Tempus Fugit ! -, e que a carón dela contou coa presenza física do autor -arestora domiciliado en Compostela- e dun inesperado hóspede, o fillo duns meses do poeta que o acompañou na cirimonia durmindo envurullado nunha tea sobre o seu peito.

O poemario que mesmo o autor encadra nos poemas de amor antóllasenos percorrendo tamén, e non en menor grao, outros espazos: a identidade, o paso do tempo, ... valla senón como proba un botón: “Entregarnos é a única saída. / Aceptar con fervor que hai que ir morrendo, / que é o decoroso a vida e o pracer”. Tal é cando se entende o amor en senso amplo, apertando ás outras dimensións presentes e necesarias da existencia, como non pode ser doutro xeito. Unha apreciación esta que no prólogo de Ruído de Trens, o crítico Isaac Lourido resolve como: “tensión entre a nostalxia do lugar que non existe ( orixe, pertenza, identidade ) e a propensión conflituosa e reconfortante do amor”. No mesmo prólogo e nunha outra apreciación apuntada polo crítico, refírese a como o autor “opta polo tránsito e os corpos, que é tanto como dizer pola inestabilidade e a carne”. Velaí, que outra cousa habita nas nosas vidas máis que o tránsito, o decorrer dunha vida corpórea que escoa entre as fendas do tempo. O home / A muller diante do río imprevisible, inestable do decorrer da vida e do tempo. Porque en Ruído de Trens as palabras estoupan na procura dunha realidade transitoria e carnal que endexamais serán quen de apreixar – perquè la paraula mai arriba a copsar del tot allò que esdevé! -.


A Eduard Velasco, agora co nome literario, acompañámolo na presentación ao redor dunha cincuentena de amigos e coñecidos que puidemos descubrir que Ruído de Trens é unha enorme boa nova para a lingua e cultura de Galiza, nembargantes vén de ircorporarse a elas de xeito público e notorio alguén que, sen ter a orixe nos territorios e familias nadas no país, é quen de coñecer no fondo, tanto no campo como na academia, o respirar dos días de Galiza, cal é dicir, o sentir, pensar, expresar e amar da súa cultura incardinada na vida das persoas do pobo, as mesmas que habitaran o lugar-territorio, a Casa de Cereixa, convertido agora en espazo literario dun amor que dá pé a uns poemas reveladores de “que a natureza / - por sorte para todos-/ segue a estar por riba da cultura/ á marxe do aparato co que visitamos a existencia”. Eduard imprímelle a estes poemas de Ruído de Trens a elegancia da métrica, do léxico, do dominio dunha liguaxe ricaz que eleva os estouridos das palabras á súa máxima expresión. Porque el, que di non ter aldea, ten xa moitas aldeas e forma parte, de corazón e con toda a súa bagaxe, da Nación dos galegos. Excusádeme o repetido: Boa nova para Galiza e a súa literatura! Benvido Eduard, sexa ésta tan só a primeira.

maio 31, 2015

Alguén así é o Deus en que eu creo

Velaí o título dunha das últimas publicacións do teólogo galego Andrés Torres Queiruga. O libro publicado pola editorial Galaxia en 2012 veu ás miñas mans grazas ao agasallo do benquerido amigo Eduard del Castillo Velasco, catalán de orixe e poeta en lingua de noso. Recollo nesta primeira entrega unha reflexión que nos achega Queiruga neste ensaio e que, eu penso,  todo cristián que se teña por tal debería entender e asumir: velaí a contradicción entre a infinita misericordia de Deus e os milagres ( ou favores que Deus concedería). Si, acotío pregámoslle a Deus para que nos manteña fóra do mal ( físico, material, espiritual ),  interpretando deste xeito a relación entre Deus e nós de maneira transaccional; vimos a dicirnos: se eu rezo e prego, se eu son un bon cristián que cumpre coa túa lei Señor, espero, en troques, que ti me protexas. Velaí unha maneira de enfocar a fe, e maila práctica relixiosa desta derivada, de xeito errado se non temos en conta un dos elementos centrais da súa esencia: a súa infinita misericordia,  o amor infinito e incondicional que profesa por cada un dos seus fillos por igual e sen diferencias. Porque entendamos, alguén que ama sen límite e a todos por igual non pode concederlles favores a uns ( repartirlles prebendas ) e non aos outros. Xa que logo, a maneira de pensarmos a Deus e a súa intervención na vida de noso e na historia da humanidade debe ser radicalmente diferente. Él está pero non intervén senón que soporta. Constatamos que o mal está presente na natureza e na sociedade, habendo mal natural colectivo (inundacións, terremotos,...), mal natural individual (eivas, doenzas, ...), mal social tamén individual e colectivo (violencia, guerras, crimes, ...) este último causado en xeral no exercicio da propia liberdade humana e o primeiro polos propios límites da realidade natural. Recollo aquí as palabras de Queiruga, no mencionado ensaio, verbo da peliaguda cuestión teolóxica exposta: "Xusto porque Deus nos quere e nos respecta, ten que soportar que aos seus fillos e fillas lles pase todo isto (¿ non o fan tamén o pai ou nai humana, que non queren afogar aos fillos cunha superprotección que non lles permitiría ser ?). Pero sopórtao connosco e contra o mal, animándonos, apoiándonos, envolvéndonos en sentido e esperanza". Só engadir, tamén alguén así é o Deus en que eu creo.

maio 06, 2015

"Eu imbo, que non teño dentamia"

Arredados dos centros a nosa vida transcorre nas marxes, onde nada se decide e todo é marxinal ( Hai que ter presente que a felicidade habita nas marxes !!). Só dispoñemos do tempo que pasa e non deixará de pasar. O tempo xusto que mide coa mesma vara a nosa estancia "marxinal" e aqueloutra "central". Se cadra imos camiño de algures ou, se cadra, mesmo de ningures ( Ten algún sentido a historia ?) Nese espazo do ren abrimos a boca para invar (ou imbar) os vagalumes que a noite ha parir na escuridade. Esas luciñas de esperanza que escintilan no medio do baleiro e do orballo da noite. As luciñas da esperanza para unha palabra, unha palabra perdida na boca dunha anciana ancaresa que partiu para o alén a finais do século pasado deixándonos esta estraña e anterga herdencia: unha palabra, botada no ar, dita para quen se queira facer con ela. "Eu invo (ou imbo), que non teño dentamia". E agora nós, tirados pola fonda voz que a proferira botámola a andar neste imprevisible mar telemático para que non sexa esquecida. Xa que logo, convidados quedades a invar (ou imbar), mesmo que sexan vagalumes. Serán, se cadra, esas vellas da noite as que agochen a resposta deste misterio que chegado aos nosos días aínda non dixo a súa derradeira palabra.

abril 28, 2015

Galeano, in Memoriam

Agora que o escritor, xornalista e axitador de consciencias uruguaio Eduardo Galeano nos deixou, permítome recuperar aquí a refeita dun texto publicado hai anos neste Blog adicado a el. Dicía entón que caera nas miñas mans o “Libro dos Abrazos” Débolle o achado a Martí Aviñoá, compañeiro e colaborador do programa de radio “Galiza algo máis” que se emite na emisora de http://www.sants3radio.cat/ da cidade de Barcelona os sábados de 5 a 6 da tarde. Neste libro de curtas profundas achei referencias directas a Galicia, e tamén reflexións aplicables a ese país de noso que constantemente se autoagasalla con esquecemento e colonialismo invisible. 

O río do esquecemento. Deste xeito titula Galeano unha das súas curtas reflexións. Fai mención nela a que nunha ocasión visitara Galicia e contáranlle o motivo polo cal as tropas romanas non quixeran, nun primeiro contacto, travesar o río Limia (Lethes): o medo a perder a memoria, non saber quén es nin de ónde vés. Os galegos, que emigrados en latinoamérica poñían os nomes das súas aldeas e lugares de orixe aos seus negocios, di Galeano, despois de ficar sorprendido coa numerosa toponimia latinoamericana dos nomes das tabernas e bares, “de volta na súa terra de orixe nunca esqueceran nada. Nin cando marcharon, nin cando volveron; nunca esqueceran nada. Agora tiñan dúas memorias e tiñan dúas patrias”. Debe ser certo iso de que os galegos temos dúas, e tres, e até máis patrias. Somos uns saudosistas dos lugares onde moramos e que co tempo fican atrás. A todos os levamos en parte no corazón. Se cadra é o panteísmo ancestral que corre polas nosas veas quen nos fai estimar a terra vivida. Mágoa que só entedamos da nosa condición única cando estamos eso que se di, como tópico, "lonxe da terra".

Colonialismo invisible. Como latinoamericano Eduardo Galeano entende ben de colonialismos. “O colonialismo visible mutílate sen disimulo: prohíbeche dicir, prohíbeche facer e prohíbeche ser. O colonialismo invisible, en troques, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza: convéncete de que non se pode dicir, non se pode facer, non se pode ser”. En Galicia tradúcese nesa esa voz interior que di: non se pode dicir nin facer en público en Galego, non se pode ser, por riba de todo e antes que nada, Galego. Ese colonialismo invisible, ese colonialismo interior, é a nosa gran doenza contemporánea, arestora e de novo instalada na máxima institución que dirixe o noso destino. Pasaron os séculos dende a súa chegada e non nos damos desfeito del.