Recoméndase ler primeiro o "Carnestoltes vs Antroido I"
A Clariña vai a unha escola de nome Magoria, o mesmo que ten o lugar onde vivimos no distrito de Sants de Barcelona. É unha pequena escola de barrio onde se mesturan nenas e nenos de moitas e diversas orixes e linguas. Iso si, na escola comparten unha cousa todos (e todas): a lingua catalá. O que une a esas nenas e nenos de países múltiples, con relixións diversas e mesmo con diferente cor de pel, é o feito de que na escola para entenderse e comunicarse entre eles fan servir a lingua do país onde viven. E iso, téñoo por seguro, fai que se sintan iguais e vencellados uns cos outros. O idioma catalán é o espazo comunicativo onde se están a formar as súas conciencias de persoas. Endexamais esa lingua halles ser cousa allea, ben pola contra serálles íntima e propia mesmo cando non sexa a lingua materna ou paterna. Pero ademais de serlles unha lingua familiar e propia, percibirana tamén como lingua de cultura e de prestixio porque: ¿que máis prestixio para un idioma que ser o centro do sistema educativo do país? Mellor dito: ser o centro do sistema educativo do país onde ese idioma naceu. Porque, digo eu, ¿quen dixo iso de que os idiomas non teñen un territorio natural ? ¿É que acaso non ten cada lingua un lugar de seu, ese espazo onde xermolou aínda que despois fose desterrada?
Ningún comentario:
Publicar un comentario