xaneiro 24, 2008

Fundación Castelao: vinte metros cadrados para o gran persoeiro galego


A nova que publica o xornal A Peneira non ten perda. É sintomática do país: Fundación Castelao: vinte metros cadrados para o gran persoeiro galego. Preguntámonos: ¿ cómo a figura política máis importante no que atinxe á defensa dos dereitos nacionais de Galiza; é dicir, á defensa de Galiza como pobo pode acharse en tan cativa situación e condición ?

xaneiro 14, 2008

As primarias en Nova Inglaterra


Cuestións laborais leváronnos estes días por terras de Nova Inglaterra (New England). Preguntaranse os lectores ónde queda ese lugar. Pois ben, chámanlle deste xeito ao conxunto de estados dos EEUU localizados no recuncho noroeste do país. Son eles: Connecticut, Maine, Massachusetts, New Hampshire, Rhode Island e Vermont. As primeiras colonias de norteamérica fórono de ingleses protestantes que sentíndose perseguidos se estabeleceron nestes lares no século XVII. Foron estas colonias as primeiras que anos máis tarde, a finais do XVIII xa medradas e asentadas, amosarían a súa ambición de independencia da coroa británica. Xa no século XIX, sendo EEUU un país independente, tiveron un papel salientable no movemento de abolición da escravitude, sendo tamén o lugar onde agromarían as primeiras obras das nacentes literatura e filosofía americanas e onde ademais de ser pioneiros da educación pública tamén o foron da revolución industrial. Non estraña que estados como os de Massachusetts leven escrito nas matrículas dos automóbiles: “the Spirit of America”. A familia Kennedy que tanto representou na política dos EEUU durante o século XX tamén tiña o seu asentamento en Massachusetts, neste caso formando parte da importante enxurrada migratoria de irlandeses católicos que fuxían da fame e da represión inglesa do XIX. No tocante ao político son estes estados proclives ao partido demócrata: Al Gore gañou no 2000 en todos eles agás en New Hampshire e no 2004 John Kerry fíxoo en todos. Velaí a importancia das eleccións primarias (aquelas que decidirán quén ha ser o candidato da cada un dos dous partidos) que se celebraron a semana pasada neste estado de New Hampshire. Pola banda demócrata Hillary Clinton con 39% e Obama con 36% foron os máis votados, e pola banda republicana McCain con 37% e Romney con 31%. Particularmente interesante será a loita que manterán Clinton e Obama (este último viña de gañar no estado de Iowa, lindante con Nova Inglaterra, con 38% por 28% de Clinton). O país parece decidido a pechar o derradeiro ciclo republicano –cun resultado nefasto no político, social e económico- para entrar nunha nova xeira demócrata. A min gústame Obama porque o seu discurso apunta a priori cara a transformacións de fondo sobre o xeito en que USA debe ser xestionada interior e exteriormente nos vindeiros anos, pero os compañeiros de traballo lembráronme que hai unha lei determinante naquel país e, xa que logo, naquelas eleccións: the money low. Gaña quen máis cartos recada durante a precampaña. Segundo iso Clinton debería ser a gañadora. O resultado terémolo en seis meses: muller ou home de cor. En calquera caso unha novidade para aquel país. Iso si, non perdamos de vista aos republicanos que coido poderían contar cunha oportunidade se Guliani volve tomar posición na carreira electoral.