maio 29, 2006

Delmi Álvarez. Galegos na diáspora.

Dende estes vagalumes da rede convídovos a que coñezades o magnígico e rigoroso traballo fotográfico de Delmi Álvarez, un galego de Vigo afincado en Latvia (Letonia). Podedes aprezalo na súa web http://www.delmialvarez.com que contén, entre outros moitos, un traballo fotográfico sobre os galegos e galegas no mundo: a Galicia da diáspora contada a través da fotografía. Parabéns para Delmi Álvarez.

maio 28, 2006

Antonio Placer, un chanteur Gallicien

Convidámosvos a coñecer a este cantautor galego afincado en Francia

Il chante ou a chanté en Galicien, Castillan, Catalan, Français, Provençal, Portugais, Italien, Sarde, ou en langage imaginaire.

Musicien autodidacte, il est issu d’une tradition orale hispanique nourrie du fruit des anciens et dans laquelle « l’Artiste est un serviteur de la Vie ». Né en Galice (Espagne), Antonio Placer vit depuis vingt ans en terres grenobloises où il compose et crée une musique vivante, poétique, ni tout à fait hispanique, ni tout à fait française, fruit de la semence des différentes cultures qui l’habitent, atlantiques et méditerranéennes. Depuis 1993, Antonio Placer fabrique et présente ses créations, ses chansons, en France et à l’étranger.

Para máis detalles
http://www.antonioplacer.com

Cousas simples a facer pola lingua


Rei de Copas http://reidecopas.blogspot.com vén de propoñer 7 cousas simples a facer pola lingua (http://reidecopas.blogspot.com/2006/05/algunhas-cousas-simples-que-podemos.html)
1. Falar galego con naturalidade, sen facer diso unha bandeira nin unha doutrina.
2. Fuxir dos tópicos sobre segundo as formas quen pode ou non expresarse en galego.
3. Pedir con amabilidade e firmeza que a documentación da nosa vida estea redactada na nosa lingua. Mantérmonos na lingua na nosa vida cotiá.
4. Agasallar libros en galego aos nosos amigos e coñecidos.
5. Evitemos as discordias innecesarias.
6. Dirixámonos aos candidatos do noso concello e amosémoslles a nosa preocupación ou satisfacción, segundo sexa o caso, pola estado da lingua.
7. Participemos na vida cidadá en galego.
Dende aquí unímonos a estas recomendacións de Rei de Copas.

maio 19, 2006

Dolmen de Dombate

Vindo de Ponteceso, entrados xa no concello de Cabana de Bergantiños e de camiño a Laxe desvíamonos cara ao lugar chamado chan de Borneiro. A desviación é xustificada: queremos facerlle visita ao Dolmen de Dombate (www.dolmendombate.com) que é no noso universo: o Dolmen. Ao chegarmos aprezamos a carpa negra metálica que cubre e imposibilita a visión ampla e distante do Dolmen. Máis tarde saberemos, por comentario do guía, que esta carpa está aí dende 1990, ano no que se quixeron protexer da destrución solar ás pinturas que hai no interior. Agora, segundo tamén afirma o guía, a metálica rede negra está a estragar máis cá protexer, xa que fai que se conserve unha alta humidade no interior que desfai tanto ou máis cós raios do Sol. Todo en si unha metáfora do país. Aínda estamos á espera de que o novo goberno tire de enriba a negra tea de arames enferruxados na que o país ficaba aferrollado. De momento non hai resposta.

maio 13, 2006

Carnestoltes vs Antroido II - Lingua desterrada

Recoméndase ler primeiro o "Carnestoltes vs Antroido I"

A Clariña vai a unha escola de nome Magoria, o mesmo que ten o lugar onde vivimos no distrito de Sants de Barcelona. É unha pequena escola de barrio onde se mesturan nenas e nenos de moitas e diversas orixes e linguas. Iso si, na escola comparten unha cousa todos (e todas): a lingua catalá. O que une a esas nenas e nenos de países múltiples, con relixións diversas e mesmo con diferente cor de pel, é o feito de que na escola para entenderse e comunicarse entre eles fan servir a lingua do país onde viven. E iso, téñoo por seguro, fai que se sintan iguais e vencellados uns cos outros. O idioma catalán é o espazo comunicativo onde se están a formar as súas conciencias de persoas. Endexamais esa lingua halles ser cousa allea, ben pola contra serálles íntima e propia mesmo cando non sexa a lingua materna ou paterna. Pero ademais de serlles unha lingua familiar e propia, percibirana tamén como lingua de cultura e de prestixio porque: ¿que máis prestixio para un idioma que ser o centro do sistema educativo do país? Mellor dito: ser o centro do sistema educativo do país onde ese idioma naceu. Porque, digo eu, ¿quen dixo iso de que os idiomas non teñen un territorio natural ? ¿É que acaso non ten cada lingua un lugar de seu, ese espazo onde xermolou aínda que despois fose desterrada?

maio 12, 2006

A Clariña da man de Avelino Pousa

Verán de 2005
Nesta foto fica presente a terra presente con máis de 80 anos de diferenza. Longa vida a Avelino e venturoso futuro para Clariña. Así o desexamos. E no entanto, Galiza andara na procura dos vieiros da liberdade.

Carnestoltes vs Antroido I

Cada mañá, despois de espelir o sono, a Clariña ergue a súa conciencia de case cinco anos e unha vez vestida, lavada, peiteada e almorzada, sae á rúa cara á súa escola colléndose da miña man de pai. A cidade, a esas horas, está xa esperta de máis, e cruzar as rúas convértese nun exercicio que cómpre facer con máxima precaución. A Clariña ten esa lección ben aprendida e aperta a miña man no momento de cruzarmos. No traxecto de casa á escola sempre hai conversa. Papi –di dende a súa pequena estatura-, sabes que onte estivemos buscando o carnestoltes. E ¿atopástelo?, pregunto eu. Si, si, estaba no patio de primaria cos nenes grandes. Despois vén cando eu lle explico que no noso país, aló onde os carballos falan, ao carnestoltes chamámoslle antroido –aínda que ben non sexan a mesma cousa, penso para min-. Entón ela coa súa garimosa e pequena voz di: ¡Ah, antroido!.

maio 01, 2006

Fanático

Falei nesta lingua na que escribo e alguén me chamou “fanático”. Quixen falar nesta lingua en calquera lugar e circunstancia e non fun comprendido. Pareceulles estraño. Quixen facer vida normal con estas palabras e olláronme de arriba a abaixo, cal becho raro. Disque quixeron saber a qué partido político votaba por falar e comportarme de tal xeito. Alguén me chamou “fanático” porque non cambiei para a lingua que el estaba a falar. E digo eu, ¿por que non cambiaba el para a miña se as dúas son igual de “oficiais”?. Si, eles non cambian, mantéñense na súa, pero os fanáticos somos nós. Somos nós os raros. Aquí non hai conflito, din. Este é un país pacífico. Ímonos levar ben. Un consello, sobre todo non se vos ocorra dicir que se están a violar os vosos dereitos lingüísticos porque daquela diranvos que estades “pasados”, que todo iso son discursos de mitin político electoral ou, se cadra, que aínda estades a voltas co Marxismo. Porque, iso si, aínda que descoñezan por completo ao Marxismo, a maioría destes dos que vos estou a falar téñenlle auténtica xenreira a todo aquelo que cheire a Marx.