maio 12, 2012

Paz Andrade en Sant Martí de Provençals

O pasado 4 de Maio a Fedelcat (Federación de Entidades Galegas en Catalunya) celebrou o Día das Letras Galegas 2012 cun acto institucional na sede do distrito de Sant Martí de Provençals, o segundo máis poboado dos dez que compoñen a cidade. O acto central, no Salón de Plenos do distrito, era a conferencia que, baixo o título de “O Galeguismo emprendedor de V. Paz Andrade e a crise da nación-cultura Galega no espello da Catalunya actual”, pronunciaría o profesor-investigador de Filoloxía galega na Universitat de Barcelona e presidente do Foro Cívico Galego de Barcelona Camilo Fernández Valdehorras. Coa presenza e presidencia no acto de Eduard Freixedes i Plans, rexedor do distrito, e de Domingo Balboa, presidente da Fedelcat, Camilo Valdehorras disertou ao redor da figura social, política e literaria de Valentín Paz Andrade a quen este ano está adicado o Día das Letras. O profesor Valdehorras debullou a polifacética figura de Paz Andrade, un home que exerceu con éxito, proxección e pegada social as múltiples actividades nas que se implicou. Soubemos que foi un importante xurista que axudou ao desenvolvemento da industria pesqueira de Vigo, mesmo dirixindo a revista Industrias Pesqueras (1942), e sendo un dos impulsores e vicepresidente (1960) do grupo industrial Pescanova que se converteu na primeira compañía armadora europea con buques conxeladores. Iniciárase na súa etapa formativa no movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919), sendo daquela colaborador no xornal Gaceta de Galicia. Con posterioridade fundaría e dirixiría o xornal o galeguista Galicia, entre 1922 e 1926, ano en que foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera. Á caída da ditadura presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), que constituía o núcleo do galeguismo en Vigo e que se integraría no Partido Galeguista (1931), do que foi dirixente e secretario (1934). Participou tamén na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931). Co estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura Franquista padeceu desterros e encarceramentos diversos debido aos seus artigos e posicións políticas. Coa recuperación da democracia formou parte da Xunta Democrática e da Comisión dos dez, na que foi firme defensor da condición de nacionalidade histórica para Galicia na constitución española de 1978. Unha idea abranguía o pensamento e maila acción política de Paz Andrade, a do vencello entre galeguismo e progreso, idea da que foi impulsor e exemplo, fundando empresas de éxito que levaban na marca a identidade do País. A Galicia impulsada, proxectada e arelada por Paz Andrade fica hoxe, en comparanza coa Catalunya contemporánea, en crise social, demográfica, económica e identitaria. Os datos amosados na conferencia son neste senso demoledores. Ningún galego consciente é alleo á crise nacional na que se encontra o país. No percorrido polas letras de Paz Andrade, Camilo Valdehorras nos levou, no remate do acto, ao Pranto Matricial: O que todo galego choraría. Título dun poema e unha realidade para os tempos contemporáneos de Galicia. Aínda que a vida e exemplo deste senlleiro galeguista convidan a erguerse, máis unha vez, e seguir co noso camiño de liberación nacional.