novembro 16, 2009

Feijoo en Barcelona, impresións dunha visita


O pasado sábado 14 de novembro, aproveitando a convención nacional do PP na cidade de Barcelona o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo pasou polo Centro Galego de Barcelona. Nunha primeira parte dese encontro coa comunidade galega de Barcelona Feijoo ofreceu, ao meu entender, un discurso aos presentes recorrente aos tópicos. Relembra a súa nenez nos Peares para dicir que vivía nunha provincia (Ourense) e ía á escola noutra (Lugo), e así sinalar que o importante non son as partes senón o todo. Trátase de unir, esa é a miña idea de Galicia, afirmaba diante dun auditorio propicio a este tipo de verbo populista. Dicía Feijoo: “Galiza ten tres aeroportos pero o importante non é cal dos tres uses senón se o destino é Galicia”, claro que digo eu que usar un o outro tamén dependerá de se vas á Mariña Luguesa ou ao Condado, por poñer un exemplo). “Galicia ten tres universidades pero hai só unha universidade galega“, claro que digo eu que tamén de xeito individual e especializándose poden cumprir unha función complementaria. Alén do populismo empregado, do cal son unha mostra as anteriores frases, o peor é cando Feijoo comete erros de coñecemento dos datos estatísticos básicos e tamén dos históricos referentes á realidade do país. Por exemplo, acertou cando dixo que en Galiza hai 2 millóns 700 mil habitantes pero errou cando dixo que había 400 mil galegos fóra da Galicia territorial (Sr. Feijoo son eses 400 mil multiplicados por 3) ¡Ai a diáspora galega, esa gran descoñecida! Outro erro, neste caso histórico, cando situou o achado do restos do Apóstolo no século VI. De calquera xeito ao tipo de público asistente o que lle chega e esa mensaxe de “eu son un dos vosos”, nacín nos Peares e estou aquí para unir a todos os galegos, os de dentro e os de fora, somos coma os “Irlandeses ou como os Xudeus” (¡ que máis quixeramos ! ). Electoralismo puro e duro, baleira mensaxe de país. E claro como nós en Barcelona non lle podemos votar fíxose acompañar doutro Alberto (Fernández Díaz) representante do PP no concello de Barcelona. Na segunda parte da visita Feijoo reuniuse con representantes das entidades e asociacións de Catalunya. Ás preguntas relevantes non respondeu ( ¿Ten pensado poñer en marcha unha Institución para a promoción exterior da Cultura Galega ?, ¿Para cando unha Delegación Institucional da Xunta en Barcelona e noutras cidades clave da diáspora galega ?) e aproveitou outras para espertar os aplausos dos máis reaccionarios: ¿se hai convenio para que os rapaces dos Institutos de Catalunya poidan estudar, nunha materia de libre elección, o galego,  pensan cumprir o convenio respecto do catalán nos Institutos Galegos ?: os nenos galegos deben estudar antes inglés ca catalán. Unha resposta que ninguén pon en cuestión, pero a pregunta obviamente non era esta. Novamente o Sr. Feijoo botaba man do populismo que tanto alimenta á nosa xente. No medio do rebumbio un sentía un profundo estrañamento, calado e sen saber que dicir.

novembro 03, 2009

Hai un galego en Santa Coloma



O tópico di que hai un galego na lúa, pretendendo recoller o feito de que case podes atopar un en calquera lugar: velaí que tamén hai un na trama de corrupción de Sta. Coloma de Gramanet. Chámase Manuel Dobarco Touriño, un pontevedrés que emigrou a Catalunya nos anos sesenta dende o municipio de Cotobade. Ao parecer Dobarco traballou primeiro na Seat, como moitos outros conterráneos, pero segundo lemos na prensa destes días, axiña se incorporou ao sindicato, supomos que guiado pola súa vocación ao servizo público (isto dígoo porque llo teño escoitado a moita xente cando tentan explicar porque son sindicalistas ou políticos), e do sindicato guindouse ao concello de Santa Coloma.

Comezaba o soño catalán de Dobarco. E facemos suposición, que non ficción, e imaxinamos que Manuel, pasiño a pasiño, á galega, pondo un pé aquí e outro acolá, facendo un favorciño por aquí e servindo un lacón ou unha mariscada acolá ( ¡ Cántos favores lles deben algúns galegos á gastronomía patria ! ), foi mellorando a súa posición para facerse finalmente coa concellería de urbanismo de Sta. Coloma, unha cidade que, para que teñan unha idea, arestora ten 117 mil habitantes; é dicir, como Ourense ou Lugo (vaia que pequena non é, así que os cartos se moven). Como concelleiro de urbanismo exercía a presidencia de Gramepark SA, a empresa municipal de promoción inmobiliaria que o xuíz Garzón sitúa como matriz dunha trama de corrupción inmobiliaria. Esta semana pasada, despois de sete anos de investigación e escoitas a altos cargos do municipio, a chamada operación Pretoria tomaba corpo cando o xuíz ordenaba a detención de nove políticos vinculados a PSC e CIU, e entre eles estaba o noso conterráneo Manuel Dobarco Touriño, para quen, de confirmarse as acusacións, debeu rematar o seu particular “soño catalán”.

Madeira de líder. Seguindo co noso exercicio de suposición, que non de ficción, cremos que Manuel non se debeu sentir nunca como un máis na súa comunidade de orixe emigrada á Catalunya industrial e desenvolvida, pola contra entendeuse como alguén dos chamados a representar e liderar aos seus conterráneos (aos paisanos, como diría el) no tecido asociativo que os galegos manteñen na sociedade catalá. Velaí que, alén da política municipal, Manuel é tamén –cando menos até hoxe- secretario do “Centro Cultural e Social Airiños dá Nosa Galicia” da mesma cidade na que exercía de concelleiro. ! Que maior prestixio para os de “Airiños da Nosa Galicia” que ter un directivo con tal cargo no concello! (ademais, xa se sabe, sempre pode caer algo). Ao parecer na tal entidade andan abraiados coa detención: "Simpático, humilde, de total confianza e moi boa xente", leo na prensa a opinión dos compañeiros da entidade verbo de Dobarco Touriño. Visto o furado de Gramepark SA (coido que da orde de 85 millóns de €) non sei se eu opinaría o mesmo.

Amizades perigosas. Como dicían nos debuxos animados ( ¡ quen nos dera facer uns con toda esta xentiña!), non se vaian que aínda hai máis. Pois ben o señor Manuel Dobarco Touriño ademais de secretario da antedita entidade “Cultural e Social” galega “Airiños da Nosa Galicia” sita en Santa Coloma é tamén secretario xeral da Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat) cuxo actual presidente, Ernesto Lagarón, fórao durante os dezaseis anos da PAX Fraguiana da Federación de Entidades Galegas en Catalunya (Fedelcat). Aconteceu que co defunto bipartito chegou tamén a alternancia á chamada Federación: Lagarón e compañía foron destronados. Aguantaron mecha até que chegou o salvador: Nuñez Feijoo. Sen posibilidade inmediata de asaltar o poder da Fedelcat en maio deste ano fundaron a Aegalcat, e catro días máis tarde da súa fundación trouxeron nin máis nin menos que ao mesmo presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, para que lles santificara o “chiringo” (supoño que aos lectores todos estes cogomelos de asociacións e federacións galegas en Catalunya lles lembran iso que precisamente reivindican os da Aegalcat no seu ideario fundacional: dar presenza ao feito galego; é dicir: ao minifundismo, o localismo, o clientelismo, o caciquismo, aos poderiños particulares, etc.). Velaí que primeira viaxe do presidente da Xunta de Galicia a Catalunya estivo marcada polo encontro con ese sector de galegos que fan de Galicia o seu negocio particular. Non visitou o presidente Nuñez Feijoo aos que están a traballar de xeito desinteresado pola lingua, a cultura e a presenza dunha Galiza digna no seo da sociedade catalá. Algúns dos galegos que residimos en Catalunya constatamos, con moita mágoa, que exista un grupo de conterráneos interesados en arrogarse para o seu propio beneficio a representatividade de Galicia, reproducindo para isto as lamentables estruturas que a veñen atrancando secularmente, e que lonxe de sumar e cohesionar, poñendo por riba o interese da comunidade, fagan a guerriña pola súa conta guiados única e exclusivamente polos seus cativos particulares intereses; e que sexan estes, aínda por riba, os que teñan o apoio institucional da Xunta que preside Nuñez Feijoo. Temos entendido que Manuel Dobarco Touriño e Ernesto Lagarón comparten dende hai tempo amizade, así como de certo comparten presidencia e secretaria na Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat), preguntámonos si non compartirán algo máis; e tamén si Nuñez Feijoo, despois do acontecido en Santa Coloma, seguirá deixándose fotografar con Lagarón e compañía. Habemos ver.