novembro 02, 2011

A Aldea Global Galega (AGG) nas ondas catalás


(Artigo publicado no número 173 da revista Tempos Novos, Outubro 2011)

Precisa Galicia, como identidade e lingua-cultura diferenciada, ter unha maior proxección alén do territorio de seu ? Aínda máis, precisa como cultura e identidade en construción, recibir as achegas doutros pobos e culturas do mundo? Responder de xeito afirmativo a calquera destas dúas cuestións leva implícita unha outra: que capacidades pode ou debe aproveitar para isto? Unha delas, se cadra a máis potente e tamén a máis desaproveitada, é a diáspora galega. Moito se ten falado da devandita e pouco, polo que me consta, estudado na súa complexidade e amplitude, sobre todo no que atinxe á súa realidade contemporánea (1). Ben seguro que se a Galiza territorial tivese unha maior conciencia de seu incluiría no currículo escolar o estudo da súa diáspora, arestora unha gran descoñecida. Necesario se temos en conta que os pobos sen memoria de seu teñen moitas dificultades para afrontar o futuro con garantías da man dun proxecto propio.

A actual Aldea Global Galega (AGG) é diversa e complexa. En Catalunya habita un anaco da mesma, sendo os Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC - http://www.ergac.org/) un dos arquipélagos que conforman esa AGG. Fundados a comezos dos noventa por un grupo de emigrantes que pretendían en grande medida recrear o mundo do territorio natal e da crianza ao redor dos costumes e do folclore, foise transformando pouco a pouco nunha entidade ao redor da cal se vinculan persoas de orixes, identidades e culturas múltiples, que manteñen algún vencello coa realidade e/ou a cultura galegas, e que comparten a idea-sentimento de que unha boa maneira, entre outras, de arrequecer a sociedade de acollida, neste caso a catalá, é achegarlle os contidos e creacións propios da identidade e da lingua-cultura de Galiza. Programas radiofónicos (arestora tres na cidade de Barcelona), e un voceiro bimensual ( A Micro Pechado ) onde a través das linguas propias se estabelece un diálogo coa vontade de crear un espazo senlleiro (galegocatalán / catalangalego) onde a sociedade catalá reconstrúe a súa identidade coa achega única dunha cosmovisión galeguizada. No canto do asimilismo despersonalízante e do gueto reaccionario, ERGaC propón para as dúas culturas que se encontran, catalá e galega, o valor engadido da integración á par recollida no seo dunha identidade múltiple sen complexos. O modelo é, así o cremos, extensible a outros espazos onde a lingua-cultura galega entra en contacto coas outras da sociedade de acollida.

Pero a diáspora galega non só pode e debe ser ferramenta de proxección da lingua-cultura galega, senón tamén lugar de recreación e recuperación de Galiza entendida como a lingua-cultura que conforma un espazo universal propio, unha Aldea Global Galega (AGG), que se arrequece en calquera recuncho do planeta a través da súa interacción co resto de linguas e culturas do mundo. Ao cabo a identidade non se define polo espazo territorial ou a vinculación étnica ao mesmo, senón pola voluntaria adhesión á identidade construída ao redor da lingua-cultura común.

Mágoa que escaseen, por non dicir que sexan inexistentes, as políticas culturais da Galicia metropolitana na dirección de proxectar e promover unha auténtica e potente AGG, perdéndose deste xeito unha das grandes oportunidades da Galiza contemporánea para abandonar o embiguismo territorial que segue a fornecer unha ideoloxía a miúdo provinciana e colonizante.

(1) O estudo máis interesante e completo que coñecemos sobre a diáspora galega contemporánea: “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (I)”;Caderno de pensamento cívico n.2 da revista reNOVA GALIza editada polo Foro Cívico Galego de Barcelona. Xullo 2006.