decembro 31, 2008

Hai cousas que no se venden

Ao parecer tan mal corren estes tempos de crise que algunha xente prefire vender a súa liberdade e a dos seus por uns poucos cartos. Enteirámonos estes días de fin de ano dando voltas por algún xornal dixital galego da seguinte nova: algúns centos de cidadáns letóns pídenlle ao multimillonario ruso Román Abramovich -propietario entre outros do club inglés de fútbol Chelsea- que merque o seu país ¡Vaiche boa, Vilaboa! Letonia é unha das chamadas repúblicas bálticas, xunto con Lituania e Estonia; un país que acadara a independencia despois da I guerra mundial (agosto de 1920), para ser de novo anexionada vinte anos máis tarde á Unión Soviética (xuño de 1940). Co caída do muro e o bloque comunista obtivo novamente a independencia (agosto de 1991). Trátase dun país co dobre da extensión galega (uns 60000 qmts2) e un chisco menos de poboación (2 millóns 300 mil). Non deixa de ser rechamante que un país masacrado ao longo da súa historia polos imperios veciños dominantes (alemáns e rusos) e despois de dezasete anos de soberanía recuperada dispoña dunha minoría, aínda que sexa pouco significada, que desexe volver á escravitude dependente dun amo poderoso ¿Será se cadra o síndrome do colonizado?, ou ¿será que os cartos son máis aprezados cá dignidade? ¿Terán presentes estes señores en demanda do amo Abramovich a ringleira de letóns que deixaron a súa vida para que eles fosen homes libres? Un comentario á noticia dicía: ”que pouco amor propio teñen estes letóns, calquera diría que son galegos...”. Pensei que o comentario era esaxerado e dixen para min que os galegos non venderiamos dese xeito o noso país. Pero despois púxenme a botar contas e analizando polo miúdo: litoral estragado polo urbanismo exacerbado, louseiras e canteiras nos espazos naturais, lingua e culturas propias deturpadas, etc. Pensei que en Galiza, como en Letonia ou calquera país do mundo, hai xente disposta a vender a dignidade ao mellor ofertante. E pensei que hai no fondo de todo isto unha constante e latente batalla ideolóxica que cómpre librar: “Hai cousas que non se venden. Non teñen prezo”. A liberdade dos cidadáns dun país, entre as primeiras.

decembro 14, 2008

Recuperar a soberanía enerxética

Poucos países do mundo dispoñen de excedentes enerxéticos. Galicia é un deles. O problema, porén, é que o propietario dese valioso excedente é unha man allea. O valor dos recursos galegos, ou cando menos unha parte de el, desa materia primeira extraída do territorio galego, debería revestir na economía e no desenvolvemento propios. Mais non é así. E porque non é así dicimos que Galicia segue a estar, dende o punto de vista económico, colonizada. E sabemos, dende os tempos de Marx, que a base material, a economía, soporta calquera outro mundo. De xeito que a colonización se estende dende o xermolo económico deica o ámbito político, social e cultural. Cantas veces nos temos e nos teñen preguntado pola feble conciencia de seu do pobo galego. Velaí o cerne desa febleza: unha economía en grande medida de explotación sen retorno. Soubemos do berro español cando Catalunya (Gas Natural) se quixo facer co control de Endesa. ¿Qué será de nós?, laiábanse os Pizarro e compañía que foron quen de montar unha movida financeira e empresarial de “Santiago y cierra España” para que os cataláns non se fixesen co control enerxético español. Agora sabemos que os de Gas Natural lle botaron o ollo a Fenosa, que controla e xestiona a maioría do excedente enerxético de Galicia. A compañía de orixe galega leva xa máis de vinte anos con sede en Madrid, arestora está en mans do accionista maioritario, ACS (que é o mesmo que dicir Florentino Pérez). Os de Gas Natural andan detrás de mercar a participación galega (ao redor dun 10% entre Caixanova e Caixa Galicia) xa que, segundo se di nos medios, xa pactaron un prezo de compra pola parte do accionista maioritario. O valor do excedente enerxético galego pasará de mans madrileñas a catalás e os galegos a velas vir mentres chega o soado e suposto estatuto de nación. Xa pode haber mil estatutos que sen soberanía enerxética a nación estará, perdón pola expresión: Ben escarallada!

decembro 01, 2008

Dionisia, unha estrela que alumea no ceo de Bos Aires

Tarde do domingo 30 de novembro. No correo electrónico recibimos unha mensaxe que comeza co fatídico anuncio: “Morreu Dionisia”. Escribe dende a cidade de Bos Aires, Débora Campos, autora do blog dos fíos invisibles. Eses fíos que se tecen, teceron e tecerán ao redor da alma galega dende a diáspora consciente da capital do país austral, Arxentina. Tan lonxe e tan cerca. Dionisia López Amado (Cedeira 1928- Bos Aires 2008), salientable integrante das Nais da Praza de Maio, fundadora da comisión de Familiares e Desaparecidos Españois durante a dictadura militar. Co seu pano branco na cabeza reivindicaba xustiza. Procurou ao longo de máis de 30 anos ao seu fillo Antonio desaparecido, fotógrafo e membro do Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT). Para ela estaba ausente, non morto. Mentres hai memoria non se perece. Axudou a moitas outras familias de desaparecidos dende 1978 até hoxe. Dionisia era das que levaba na frente unha estrela e no bico un cantar. A estrela da dignidade e mailo canto da liberdade. Está claro que para nós Dionisia non morreu, forma parte da historia da conciencia cívica de Arxentina, de Galiza e da humanidade. Tal e como lemos no correu remitido pola nosa amiga Débora dende a outra beira do atlántico: “Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis cunha chea de órganos. É un compromiso.” Maila tristeza da perda sentimos a ledicia da morte vencida porque nos decatamos que Dionisia vive en nós. E ademais vémola cal estrela que alumea o ceo Bonaerense.