outubro 11, 2016

Medios dominantes, propaganda do poder





A directora do voceiro A Micro Pechado de ERGAC, Helena Domínguez, presentaba o pasado 26 de Xaneiro, na Facultade de Xornalismo da USC, a súa tese de doutoramento baixo o título: “A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa”. Sabemos, dende os tempos en que Helena se incorporou a ERGaC, hai algo máis dunha década, do seu interese polos movementos sociais e mailos medios alternativos. Daquela procurou seguir o movemento ocupa aquí en Cataluña ao tempo que seguía de preto os xornais Novas da Galiza e A Peneira, e todo sen deixar de banda os estudos académicos de xornalismo, seguindo os cursos de doutoramento na UAB, onde se encargaba tamén de distribuír este voceiro. 

 Xa de volta a Galiza e facendo un traballo de investigación no 2013 sobre os medios alternativos, decátase de que os entrevistados se queixan do tratamento que os medios hexemónicos están a proxectar sobre o independentismo, e decide facer deste tema a súa tese, concretándoa sobre o tratamento que estes facían e farían sobre Resistencia Galega, movemento independentista que xusto naquel momento fora definido como terrorista por un tribunal español. Deste xeito que Helena, tal e como é prescriptivo nunha tese, segue unha metodoloxía científica confrontando 800 textos dos xornais ABC e La Voz de Galicia fronte a Novas da Galiza. Sen capacidade para ampliar a máis xornais o estudo, a autora afirma: “o resultado non variaría máis que nos matices porque hai, na prensa dominante, unha liña moi definida con respecto ao tema da que ninguén sae”. Resultado: funciona nos medios o chamado “modelo propaganda” que definira Chomsky, e que supón varios filtros que permean o contido dos mesmos facendo que desempeñen un rol propagandístico a favor do goberno. No caso de Resistencia Galega hai unha herdanza das dinámicas creadas en corenta anos de cobertura do conflito vasco, de xeito que mesmo chega a ser instrumentalizado polos actores da prensa dominante para criminalizar e desacreditar o nacionalismo galego. 

Cremos que é moi necesario saber que nos medios hexemónicos imperan a falta de respecto á presunción de inocencia, as atribucións erróneas de accións violentas ou terroristas e a falta de rigor nos datos á hora de estabelecer xuízos, sobre todo nestes días que vén de saír da prisión Arnaldo Otegi, despois de cumprir algo máis de seis anos de cadea cando a súa posición ideolóxica dende 2004 era claramente a prol da paz e a vía política para defender a independencia de Euskadi, chámaselle a isto criminalización de ideas políticas: ata cando presos políticos nos cárceres españois, tamén os de Resistencia Galega ? Grazas Helena por deitar luz co teu traballo de tese sobre como os grandes medios funcionan como instrumentos de propaganda a favor das exclusivas ideas do goberno e do aparello do estado.