decembro 31, 2008

Hai cousas que no se venden

Ao parecer tan mal corren estes tempos de crise que algunha xente prefire vender a súa liberdade e a dos seus por uns poucos cartos. Enteirámonos estes días de fin de ano dando voltas por algún xornal dixital galego da seguinte nova: algúns centos de cidadáns letóns pídenlle ao multimillonario ruso Román Abramovich -propietario entre outros do club inglés de fútbol Chelsea- que merque o seu país ¡Vaiche boa, Vilaboa! Letonia é unha das chamadas repúblicas bálticas, xunto con Lituania e Estonia; un país que acadara a independencia despois da I guerra mundial (agosto de 1920), para ser de novo anexionada vinte anos máis tarde á Unión Soviética (xuño de 1940). Co caída do muro e o bloque comunista obtivo novamente a independencia (agosto de 1991). Trátase dun país co dobre da extensión galega (uns 60000 qmts2) e un chisco menos de poboación (2 millóns 300 mil). Non deixa de ser rechamante que un país masacrado ao longo da súa historia polos imperios veciños dominantes (alemáns e rusos) e despois de dezasete anos de soberanía recuperada dispoña dunha minoría, aínda que sexa pouco significada, que desexe volver á escravitude dependente dun amo poderoso ¿Será se cadra o síndrome do colonizado?, ou ¿será que os cartos son máis aprezados cá dignidade? ¿Terán presentes estes señores en demanda do amo Abramovich a ringleira de letóns que deixaron a súa vida para que eles fosen homes libres? Un comentario á noticia dicía: ”que pouco amor propio teñen estes letóns, calquera diría que son galegos...”. Pensei que o comentario era esaxerado e dixen para min que os galegos non venderiamos dese xeito o noso país. Pero despois púxenme a botar contas e analizando polo miúdo: litoral estragado polo urbanismo exacerbado, louseiras e canteiras nos espazos naturais, lingua e culturas propias deturpadas, etc. Pensei que en Galiza, como en Letonia ou calquera país do mundo, hai xente disposta a vender a dignidade ao mellor ofertante. E pensei que hai no fondo de todo isto unha constante e latente batalla ideolóxica que cómpre librar: “Hai cousas que non se venden. Non teñen prezo”. A liberdade dos cidadáns dun país, entre as primeiras.

decembro 14, 2008

Recuperar a soberanía enerxética

Poucos países do mundo dispoñen de excedentes enerxéticos. Galicia é un deles. O problema, porén, é que o propietario dese valioso excedente é unha man allea. O valor dos recursos galegos, ou cando menos unha parte de el, desa materia primeira extraída do territorio galego, debería revestir na economía e no desenvolvemento propios. Mais non é así. E porque non é así dicimos que Galicia segue a estar, dende o punto de vista económico, colonizada. E sabemos, dende os tempos de Marx, que a base material, a economía, soporta calquera outro mundo. De xeito que a colonización se estende dende o xermolo económico deica o ámbito político, social e cultural. Cantas veces nos temos e nos teñen preguntado pola feble conciencia de seu do pobo galego. Velaí o cerne desa febleza: unha economía en grande medida de explotación sen retorno. Soubemos do berro español cando Catalunya (Gas Natural) se quixo facer co control de Endesa. ¿Qué será de nós?, laiábanse os Pizarro e compañía que foron quen de montar unha movida financeira e empresarial de “Santiago y cierra España” para que os cataláns non se fixesen co control enerxético español. Agora sabemos que os de Gas Natural lle botaron o ollo a Fenosa, que controla e xestiona a maioría do excedente enerxético de Galicia. A compañía de orixe galega leva xa máis de vinte anos con sede en Madrid, arestora está en mans do accionista maioritario, ACS (que é o mesmo que dicir Florentino Pérez). Os de Gas Natural andan detrás de mercar a participación galega (ao redor dun 10% entre Caixanova e Caixa Galicia) xa que, segundo se di nos medios, xa pactaron un prezo de compra pola parte do accionista maioritario. O valor do excedente enerxético galego pasará de mans madrileñas a catalás e os galegos a velas vir mentres chega o soado e suposto estatuto de nación. Xa pode haber mil estatutos que sen soberanía enerxética a nación estará, perdón pola expresión: Ben escarallada!

decembro 01, 2008

Dionisia, unha estrela que alumea no ceo de Bos Aires

Tarde do domingo 30 de novembro. No correo electrónico recibimos unha mensaxe que comeza co fatídico anuncio: “Morreu Dionisia”. Escribe dende a cidade de Bos Aires, Débora Campos, autora do blog dos fíos invisibles. Eses fíos que se tecen, teceron e tecerán ao redor da alma galega dende a diáspora consciente da capital do país austral, Arxentina. Tan lonxe e tan cerca. Dionisia López Amado (Cedeira 1928- Bos Aires 2008), salientable integrante das Nais da Praza de Maio, fundadora da comisión de Familiares e Desaparecidos Españois durante a dictadura militar. Co seu pano branco na cabeza reivindicaba xustiza. Procurou ao longo de máis de 30 anos ao seu fillo Antonio desaparecido, fotógrafo e membro do Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT). Para ela estaba ausente, non morto. Mentres hai memoria non se perece. Axudou a moitas outras familias de desaparecidos dende 1978 até hoxe. Dionisia era das que levaba na frente unha estrela e no bico un cantar. A estrela da dignidade e mailo canto da liberdade. Está claro que para nós Dionisia non morreu, forma parte da historia da conciencia cívica de Arxentina, de Galiza e da humanidade. Tal e como lemos no correu remitido pola nosa amiga Débora dende a outra beira do atlántico: “Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis cunha chea de órganos. É un compromiso.” Maila tristeza da perda sentimos a ledicia da morte vencida porque nos decatamos que Dionisia vive en nós. E ademais vémola cal estrela que alumea o ceo Bonaerense.

novembro 04, 2008

Galego, Portugués ?

Interesantísimo artigo de Joaquim Pinto da Silva, como el mesmo se define, un galego portucalense do Porto mesmo, que plantea a cuestión política de cómo lle imos a chamar ( e qué facer ao cabo) coa lingua común de alén e aquén minho. Sen dúbida unha cuestión de futuro que dende xa esixe unha resposta.

outubro 22, 2008

Digo Vietnam e basta (Viaxe ao país dos ananos)

Digo Vietnam e basta, de Celso Emilio Ferreiro
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de nápalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
terror de terra, crime,
lume, lava,estoupido,
verdugo e mortandade en masa.

Digo gas abafante.
Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,chuvia,
amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,mineral,
trampa,lobo, caimán, polaris,
cóbrega,miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.
Apenas digo nada.

Digo Vietnam i está xa dito todo
cunha soia palabra.

Pra abranguer a vergonza do mundo,
digo Vietnam e basta.

outubro 15, 2008

Unha vez máis os lusos arrexúntanse a España

Xa teño denunciado aquí neste blog en diversas ocasións, que o lusismo e mailo españolismo cabalgan xuntos niso de frear o reencontro entre a Galiza autonómica do estado español e mailo Norte de Portugal (ámbas as dúas parte da Gallaecia e Galiza histórica) . Si, teñen lusos e españois medo do rexurdir da vella Gallaecia, berce da lingua e culturas galego-portuguesa. Enteirámonos hoxe de que os Portugueses (mellor ditos os lusos) rexeitaron apoiar a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués diante da UNESCO. Máis do mesmo.

outubro 14, 2008

¿Por qué non se poden invar vagalumes nos mercados financeiros?

Quixen saber cántas entradas referenciaban en internet a esta bitácora dos vagalumes que se invan e o resultado foi (despois de entrar na páxina do buscador google e escribir “Invando vagalumes”, premendo a continuación buscar), a estarrecedora cifra de “un total aproximado de 1640 para invando vagalumes”. Descubrín que o señor google non contara ben (cousas da tecnoloxía que tamén se trabuca) e deducín que estabamos a falar de cen e algo, se cadra chegaban as duascentas entradas. Para mín seguía sendo unha cifra estarrecedora. A conclusión á que cheguei é que a rede das bitácoras de internet (o blogmillo) funciona, e moito mellor cós mercados financeiros. E funciona penso que pola combinación de dúas cousas: a tecnoloxía e, sobre todo, a ilusión xenerosa ¿ Quen verte contidos gratuítos en internet ? O que xenerosamente quere partillar a súa experiencia, anécdota, cita erudita, lingua, historia, etc, cos outros interesados da rede en tales cousas. E líganse as bitácoras unhas as outras nun exercicio de vencello telemático de aparencia case infinita. E por iso os mercados financeiros nunca funcionarán como o blogmillo, porque se ben teñen a tecnoloxía ao seu servizo cómpreslles esa xenerosidade básica necesaria para que calquera cousa humana marche ben. Os mercados aliméntanse da cobiza imparable que impera na lei do beneficio como valor exclusivo. As bitácoras aliméntanse do amor. Si, o amor de querer ser con alguén máis. A única experiencia que pode fuxir do imperativo do lucro egoísta. Por iso tamén eu tomei das verbas da miña avoa ágrafa unha palabra enxebre, invar, que fose símbolo da súa fala rica e lembranza do meu amor polos nosos, os devanceiros desa Galiza que arestora se espreguiza do longo sono na noite longa. Os vagalumes apegáronse por enxebreza normativa e cacofonía necesaria.

outubro 02, 2008

¿ Alguén viu a man invisible?

Foi Adam Smith(1723 -1790), filósofo e economista escocés, quen de xeito metafórico empregara o termo “man invisible” para describir o, segundo el, papel perfecto que ten o mercado libre na asignación de bens na economía. Fixérao no máis coñecido dos seus libros: “Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións”. Segundo Smith existe unha orde natural aplicable á economía que consiste en deixar que o propio mercado sexa quen de distribuír os seus bens entre os axentes (produtores, traballadores e consumidores). Deixar que actúe a “man invisible” do mercado que non ten outra norma máis que o mercado mesmo. Velaí a suma regra de Smith e do liberalismo económico identificado como neoliberalismo neste século XXI. A cuestión é que nestes días de derrube das maiores entidades financeiras do epicentro do mercado libre, os EEUU, andámonos a preguntar se alguén viu a man invisible de Smith porque non apareceu por ningures. Tan desaparecida está a devandita man que o goberno Bush suplicou ante o congreso federal a posta en marcha dun plano insólito de intervención pública no sistema financeiro dos USA. Sen o seu plano Bush agoira un 2009 “de dor e dificultades”. Caralluda a herdencia do George para o seu país: unha guerra interminable e unha economía en creba. No “Far West” Galaico o discurso do presidente Touriño afonda no panglossianismo autocomplacente tan típico do lugar: podemos estar contentos pois recibiremos 2020 millóns de euros do estado para o 2009. É o discurso oficial que di que está moi ben se pensamos que é un 8% dos orzamentos do estado para un país que representa en xente pouco menos do 7% do estado ¿Reparastes algunha vez na porcentaxe de peixe, leite, carne, madeira e enerxía eléctrica que achega Galiza ao estado ? Seguen a darlle unha pouca vianda vella á vaquiña que ten os tetos en Madrid. E iso que Quintana dixera aquelo de “a vaquiña polo que vale”. Namentres a “man invisible” segue agochada. A ver quen é o espilido que a atopa !

setembro 29, 2008

Sodes pois uns imperialistas fracasados

Achego no meu blog un artigo de Salvador Soutullo Carolo, publicado no xornal Galicia-Hoxe onde comeza citando aquela tremenda estrofa de Castelao do Sempre en Galiza:
"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal, e falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os tribunais de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes pois uns imperialistas fracasados".

Non debe haber peor cousa que dicirlle aos protagonistas dun imperio que este foi un fracaso, ¿ non si ?

¿ Estaremos no comezo da fin dos EEUU? Di Soutullo, "Algo está a pasar no planeta. Un fantasma percorre o mundo: o fantasma da liberación nacional dos pobos oprimidos. Este imperio tamén se ha de converter nun imperialista fracasado." ¿ Serán os EEUU tamén uns imperialistas fracasados ?

setembro 17, 2008

L'éclat dans l'abîme

O máis internacional dos nosos escritores contemporáneos, Manolo Rivas, anda a colleitar éxitos coa súa última novela, Os libros arden mal, traducida ao Francés co título de L'éclat dans l'abîme. Alegrámonos moito pola nosa literatura pero sobretodo por Manolo que é un traballador da lingua e a cultura galegas, e ademais unha excelente persoa. Agora o debate que se abre é outro como apuntan en vieiros: "ao fío do excelente recibimento da obra de Rivas en Francia, o escritor e xornalista Santiago Jaureguízar abriu un debate no seu blog sobre a necesidade de que os autores e institucións galegas realicen unha proposta unitaria para o Premio Nóbel ao redor de Manuel Rivas, no canto de Xosé Luís Méndez Ferrín, de quen considera que a súa obra non ten a suficiente proxección internacional".

setembro 11, 2008

No Cav Day

Os italianos progresistas viven tempos de tristura e escuridade. Non pode ser doutro xeito, goberna “il cavallieri”. Para combater a desidia deste tempo infausto que lles toca sufrir, os italianos progresistas organizaron estes días pasados de verán un día de festa, unha “Diada”, que dirían nestas terras que habitamos. Trátase do “No Cav Day”. Algo así como o día sen “il cavallieri”. Mágoa que no tempo da Pax Fraguiana non se celebrasen estas xornadas, o ben que o teriamos pasado nun No Fraga Day. Todo e que cómpre dicir que se vive moito mellor no “Fraga never more”. Na Piazza Navona de Roma, onde é alcalde o filofascista Gianni Alemanno, xuntáronse escritores, actores, intelectuais. Ese tipo de xente que tanto lle gusta á dereita. Que lle pregunten senón a Don Aznar. Intelectuais e actores van saíndo ao escenario. Sabina Guzzanti, actriz de teatral e televisiva de sátira social fala. E faino sobre aqueles que a acusan de moralista dicindo que ela non é tal, que nunca entrou nin entrará a valorar a vida sexual de ninguén. Ao parecer “il cavallieri” decidiu que a ministra de “pari opportunitá”, é dicir de igualdade de oportunidades (algo así como un ministerio para procurar a igualdade e paridade entre o home e a muller) fose unha ex miss e ex modelo presuntamente amante de “il cavallieri”. Vin fotos da devandita en internet e certo que a señorita, ou señora, está coma para que lle agasallen un ministerio, se ben comparto a derradeira das frases que Sabina Guzzanti dixo, aló no estrado da Piazza Navona: “tu non puoi mettre alle pari opportunitá una che ti ha succhiato l’uccello”. A lingua italiana é capaz de facer fermoso até o que pode parecer porco. No fío do argumento de Sabina Guzzanti: a verdadeira inmoralidade non se mide por con quen se deita a xente, senón por qué uso fai da cousa pública, por iso e non por outra cousa “il cavallieri” é un inmoral. De momento a Sabina xa a demandaron por inxurias a “il cavallieri”. Éche o que hai.
Nota: A señora (ou rapaza) da foto é Mara Carfagna, ministra de la "pari opportunitá". Sen dúbida que "il cavallieri" ten bon gusto polas mozas.

setembro 08, 2008

Viatge a un altre Axis Mundi


En el seu dia el meu amic Eduard, filòleg català i gallec, cosa ben estranya en aquests temps que corren, va fer una extraordinària crònica sobre la terra Ancaresa que jo ara, amb el seu permís espero, us vull posar lligada en aquest blog a tots aquells de parla catalana que us heu incorporat en els darrers dies a la lectura d'aquest blog de parla gallega. Per aquells que ens trobem al mig de totes dues llengues i cultures, catalana i gallega, la cosa és senzilla, per altres resultarà estranya. En qualsevol cas penso que per a catalans i/o gallecs serà enriquidora. Gaudiu-ne !.

setembro 05, 2008

Non toda a culpa para Steiner


Limos estes días na prensa que George Steiner, un prestixioso filósofo e profesor da Universidade de Cambridge, nunha entrevista que lle fai o escritor e xornalista Juan Cruz manifestaba o seu abraio pola obriga de empregar o galego “en algunhas Universidades de España”, mesmo manifestando que entendía que se fixese co catalán que, segundo as súas palabras, ten unha “literatura impresionante”, facendo así comparanza pexorativa respecto do noso idioma. Digamos que de xeito automático, como por outra banda debe ser, a resposta de determinadas persoas e colectivos do país non se fixo esperar. Foron varios os artigos de prensa en resposta a tales manifestacións que puiden ler e nos que, alén de manifestar abraio diante de semellantes prexuízos lingüístico-culturais en alguén supostamente formado e culto, se demandaba que as diversas institucións do país fixesen chegar ao señor Steiner un bo compendio de literatura galega que lle fixese modificar o seu concepto respecto da literatura e a cultura galegas. Iso a min paréceme ben, mais só resolvería a individual concepción de Steiner e non solucionaría que outros doutos e cultos seguisen pensando o mesmo. Demostra isto sen dúbida o precario estadio de coñecemento da literatura e da cultura galega que hai fóra da Galiza territorio. É certo que nesta lexislatura dende a Consellaría de Cultura e Deporte se fixeron salientables esforzos para darnos a coñecer como cultura fóra do territorio, pero é sen dúbida insuficiente. Cómpren novas accións, novos programas e imaxinación para colocar a nosa lingua e cultura no mundo. Tamén cómpre contar coa diáspora galega que pode exercer un papel determinante neste obxectivo. Está claro que non todo o problema do descoñecemento de Galicia como nación literaria e cultural o teñen individuos como Steiner. Así que asumamos responsabilidades e poñámonos a traballar para que casos coma o deste profesor sexan cada día máis improbables.

xullo 22, 2008

Alguén que é CHURGO

Unha palabra máis que botamos na rede.
Ten orixe, como case non podía ser doutro xeito, ancaresa. Dan conformidade da súa existencia dúas mulleres que andan preto dos setenta anos, as dúas de Ancares, unha da provincia lucense e a outra da leonesa. Ambas as dúas son galegofalantes. Unha vive en Francia e a outra en Barcelona. Nunha xuntanza familiar falan dun rapaz que ambas coñeceron na súa infancia-adolescencia e asisten: O "fulano_de_tal" era Churgo. Para elas non había nada de extraño na devandita palabra, xa que formaba parte do seu léxico habitual, pero eu quedei coa mosca detras da orella. Fun ao Diccionario de Franco Grande e non a achei, busquei noutros e tampouco. Así que aquí a tedes a ver se vós sodes quen de darme algunha referencia onde poder atopala. Por certo tería que darvos unha definición, ¿non si?. Churgo: diríase de quen ten un ollo, ou ben os dous, de mirada non centrada. O gatiño da imaxe é churgo.
Xa sabedes: botádea a camiñar (a palabra, claro, non o gatiño).

xullo 05, 2008

Irish National Heritage Park

Atrévome a afirmar con rotundidade que Irlanda constitúe unha das visitas obrigadas de calquera galego que posúa unha mínima conciencia da identidade propia de Galiza. Irlanda ou ben Eire, se empregamos a lingua propia daquel país, o gaélico, lingua celta do tronco das linguas indoeuropeas. E atrévome a tal porque da visita a Eire podemos coller conciencia e autoestima de nós. Un exemplo disto pode ser a visita ao chamado Irish National Heritage Park, que traducido ao galego é algo así como: Parque Nacional da Herdencia Irlandesa. Situado no sureste do país, a carón da cidade portuaria de Wexford, o parque constitúe un percorrido temático pola historia de Irlanda: idade de pedra, idade de bronce, a cultura celta, a introdución do cristianismo, ás invasións viquingas e despois normandas. Os pasos históricos que constitúen o cerne da nación irlandesa. Megalitos, pallozas, mosteiros, e invasións por mar ¿Semellanza con nós? Moita. A única e gran diferenza é que os Irlandeses gábanse da súa historia, explícana co orgullo e a convicción de que se trata dunha herdencia única que, depositada ao longo dos séculos, deu lugar unha nación única ¿para cando o Galician National Heritage Park ? Esperamos que non se faga moito de rogar. Esperemos.

xuño 01, 2008

A cuestión Chiquilicuatre



O pensamento postmoderno desbotou de raíz os esencialismos. O existencialismo foi o berce de tal desbotamento, facéndonos entender que a esencia das cousas é a súa circunstancia. Eu son eu e as miñas circunstancias, Ortega dixit. E velaí a Chiquilicuatre, esa (des) afinada broma de internet, que dixo José Luis Uribarri, o eterno presentador do outrora denostado e anacrónico festival de eurovisión. Un produto que nace e medra descontroladamente dunha particular e moi ben interpretada circunstancia: a alguén con poder mediático (Buenafuente e Terrat) se lles ocorre que a eurovisión só se pode viaxar retranqueiramente. De tal xeito que David Fernández, humorista do Terrat, convértese en Rodolfo Chiquilicuatre, un cantante esperpéntico e surrealista cantando unha canción tal. E deste xeito o Chiquilicuatre consegue acadar para a representación española o posto dezaseis de vintecinco (55 puntos), o mellor dos últimos catro anos. A audiencia, por certo, a segunda maior da historia. Pero velaí que os defensores da chamada sacrosanta se senten defraudados, non pola clasificación, senón polo feito de que o seu país asista a eurovisión cunha parodia. ¡Cousa de catalanes!, deberon pensar. Para eles non hai circunstancias senón esencias, son decimonónicos, case que pre-modernos. Cremos que un país tamén se reinventa a través da parodia e do ridículo, pero para eles España está fóra de toda circunstancia porque abrolla das mesmísimas pedras da península ibérica, un chisco despois de que Deus crease a Terra. Por iso lles doe e proe tanto o Chiki-Chiki. Aínda por riba aquel que lles desmonta a sacrosanta teoría ibérica quedou 3 postos por encima: no doceavo ficou Portugal, con 69 puntos tirados dunha interpretación formal. ¡Sonche as ironías da historia!

maio 07, 2008

Pobre Italia !!!

Nestes días finais de abril de 2008 enteirámonos que na chamada cidade eterna, berce da civilización occidental, a complexa, caótica e ao mesmo tempo encantadora Roma, gañou a dereita despois de quince anos de goberno de esquerda. Até aquí nada preocupante. A democracia precisa de alternacia política porque senón non é tal. O preocupante desta victoria é que Gianni Alemanno, quen superou en sete puntos ao candidato de centro-esquerda Francesco Rutelli, exerceu durante a súa campaña un discurso no que asociaba a “inmigración” co “delito”, prometendo “man dura” cos inmigrantes e máis policia nas rúas, mesmo asegurou que expulsaría a milleiros de xitanos que residen en asentamentos ilegais nos arrabaldos da cidade. Un discurso xenófobo en toda regra. Fascista, para falarmos claro. Coméntame un compañeiro de traballo italiano que no ano 1982 Alemanno foi detido por arrebolar un “molotov” contra a embaixada soviética. Nunha das fotos que me achega este meu compañeiro nun correo electrónico pon ao pé de paxina: “Alla festa al Campidoglio per la vittoria di Gianni Alemanno sono spuntati anche quelli: i saluti in stile fascista sullo scalone che risale alla piazza del Comune”. Vemos en efecto na devandita foto á xente nunha escaleira da praza del Comune saudando ao estilo fascista ao novo alcalde que sae ao balcón a celebrar a victoria. Noutra vemos a uns rapaces de estética “skin-head” con bandeiras co símbolo neo-fascista do círculo cunha cruz no medio (a esvástica ten demasida carga, así que que agora empregan estoutra). O meu amigo remata o seu correo dicindo: aquí tedes unhas fotos tomadas onte en Roma que evocan o desafortunado pasado italiano. O correo electrónico levaba por título: Pobre Italia.

abril 27, 2008

Engenheiros do Hawai

Grupo de rock Brasilero do Rio Grande do Sul. Eu souben deles hai casi vinte anos e agora aquí os recupero para todos vocés. Eu acho que son Muito Bons !!!

abril 09, 2008

Castelo de Doiras



Localizado na parroquia de Vilaspasantes, no concello de Cervantes, áchase o Castelo de Doiras ou tamén chamado de Ponte de Doiras, Ferreira, ou da Ferreiría, cecais pola súa proximidade á ferrería de Fonquente. Está situado a 700 m. de altitude dominando o río Cervantes ou Cancelada, na desembocadura do Doiras, e é quizais o monumento máis coñecido e característico da serra dos Ancares.
Crese que data do século XV. A súa planta e rectangular (25 por 21 m.), e os seus muros teñen 8 metros de alto e 1,5 de ancho. O altor nembargantes é desigual, debido ós desniveis do terreo. A torre da homenaxe acada os 14 metros de altura, e ten planta rectangular (10 por 8 m.) con muros de 2 metros de espesor.Foi do conde de Graxal de Campos, Señor de Cervantes, título que ate 1909 ostentou o duque de Sesto.
De moi difícil acceso, salvo pola súa parte sur, por onde chega o camiño, está situado sobre dura rocha, o que a converteu na fortaleza máis inespugnable e impresionante de Galicia. A súa porta de entrada ábrese a catro metros de alto; era imposible acceder a ela sen escadas ou axuda interior .

marzo 01, 2008

Debate


Asistimos estes días de eleccións á recuperación dos debates televisivos entre os candidatos á presidencia do goberno español despois dunha boa presa de anos sen eles. No caso galego a devandita recuperación producírase hai un tempo despois da segunda longa noite de pedra, a chamada por algúns: Pax Fraguiana. Demasida expectativa para tan pouco resultado. Porque o primeiro destes encontros, celebrado a finais deste febreiro, foi todo menos un debate. Cada un dos candidatos, Zapatero e Rajoy, fixo un mitin político. Que ti falas de inmigración, eu falo de matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Que ti falas de terrorismo, eu falo de lei de dependencia. E así case todo. Practicamente non houbo intercambio de ideas, refutacións, retruques ás palabras do contrario. Até as metáforas empregadas por un dos candidatos; estou pensando na nena da que falou Rajoy na intervención final non foi aproveitada por Zapatero, e mira que daba pé. Que cousa máis pobre dende o punto de vista dialéctico e ideolóxico. Que cousa máis morna. Meus Deus! Escoitamos uns días despois o debate galego: Touriño, Quintana e Feijoo. O peor sen dúbida o presidente, todo o tempo lendo dos papeis. ¿é que non poden artellar discurso sen ter os papeis diante? ¿é que non controlan e teñen presentes os datos daquelo que gobernan? Se é así, entón: ¿qué fan de gobernantes?. Estivo máis brillante Feijoo ca Touriño. Amosáronse unha vez máis as eivas dialécticas que ten o presidente, por non falar do seu galego. Quintana defendeu a posición nacional: as cousas feitas dende Galiza e para Galiza, niso centrou o seu discurso e digamos que aprobou. O peor é que tampouco houbo debate real: moita lectura, moi poucas ideas e menos aínda novidosas. ¿son estes os políticos que merecemos? SE CADRA SON.

febreiro 24, 2008

A gran estafa de Galicia Bilingüe

Unha escolma de videos desas persoas que queren recoller os froitos sementados durante a ditadura franquista. Colectivos aparecidos recentemente, curiosamente cando xa non goberna a dereita do "bilingüismo harmónico", e que tentan aproveitarse dos prexuizos e complexos que aínda habitan en moitos galegos. Velaí o video pendurado no YouTube

A gran estafa de Galicia Bilingüe

febreiro 08, 2008

Plataforma Coimbra - Galiza


Simplemente achei muito interesante esta plataforma Coimbra - Galiza que está a desenvolver actividades de divulgación e coñecemento de Galiza en Coimbra. Hai muito camiño que percorrer aí e debemos ir aos poucos, a modo, pero nesa dirección. E iso penso que é o que fai esta plataforma que ademais organiza este concerto de música galega e portuguesa. Parabéns para os da Plataforma Coimbra - Galiza.

febreiro 01, 2008

Ludwig Feuerbach


Ludwig Feuerbach foi un dos grandes pensadores da Alemaña do século XIX. Menos coñecido sen dúbida que Hegel e Marx, coidamos que non menos importante no tocante a profundidade e influencia do seu pensamento. Os chamados novos hegelianos, Marx e Engels entre eles, estiveron fortemente influídos por Feuerbach. Non podía ser doutro xeito para quen se converteu no crítico pioneiro da filosofía especulativa e idealista de Hegel á que el antepuña a antropoloxía e a sensibilidade, unha filosofía materialista. A dialéctica especulativa do espírito na Historia de Hegel foi substituída en Marx pola dialéctica materialista da Historia. Antóllasenos que sen Feuerbach se cadra iso non tería acontecido. Sen dúbida Marx representa un chanzo máis na conceción material da realidade que este entende non como obxecto de contemplación e comprensión senón como actividade sensorial humana; como traballo, empregando a propia terminoloxía propiamente Marxista. A realidade segundo Marx explícase fundamentalmente a través de relacións materiais intrinsecamente vencelladas á práctica e o despregue material da actividade humana. Son coñecidas as once Teses sobre Feuerbach que publicara Marx na primavera de 1845 onde fai unha crítica aberta do materialismo de Feuerbach por consideralo contemplativo e non transformador. A derradeira das teses, a número once e máis coñecida, recolle o senso completo da devandita crítica: os filósofos non fixeron outra cousa máis que interpretar de xeitos diversos o mundo, pero do que se trata é de transformalo. Dende entón a historia do pensamento occidental terá unha nova linde que separará aos hegelianos de dereitas dos de esquerdas. Así a realidade: ¿debe ser comprendida ou transformada? Para os de dereitas comprendida, que non é máis ca outro xeito de dicir: xustificada. Dito doutro modo: todo o real é racional. En troques para os de esquerdas a realidade debe ser transformada, sendo esta transformación a esencia e o sentido do home na historia. A razón do ser no mundo só pode ser revolucionaria; é dicir, actividade transformadora das circunstancias. Dito doutro xeito: Todo o real debería ser racional. É algo así como que os dereitas defenden que xa estamos onde debemos estar e os de esquerdas que aínda non chegamos a tal lugar. Dabondo semellante se facemos comparanza coa ideoloxía política de dereitas e de esquerdas. Non esquezamos que a dereita política se alimenta de xustificar que vivimos no mellor dos mundos posibles. A esquerda, en troques, debería facelo de desmontar tal falacia.

xaneiro 24, 2008

Fundación Castelao: vinte metros cadrados para o gran persoeiro galego


A nova que publica o xornal A Peneira non ten perda. É sintomática do país: Fundación Castelao: vinte metros cadrados para o gran persoeiro galego. Preguntámonos: ¿ cómo a figura política máis importante no que atinxe á defensa dos dereitos nacionais de Galiza; é dicir, á defensa de Galiza como pobo pode acharse en tan cativa situación e condición ?

xaneiro 14, 2008

As primarias en Nova Inglaterra


Cuestións laborais leváronnos estes días por terras de Nova Inglaterra (New England). Preguntaranse os lectores ónde queda ese lugar. Pois ben, chámanlle deste xeito ao conxunto de estados dos EEUU localizados no recuncho noroeste do país. Son eles: Connecticut, Maine, Massachusetts, New Hampshire, Rhode Island e Vermont. As primeiras colonias de norteamérica fórono de ingleses protestantes que sentíndose perseguidos se estabeleceron nestes lares no século XVII. Foron estas colonias as primeiras que anos máis tarde, a finais do XVIII xa medradas e asentadas, amosarían a súa ambición de independencia da coroa británica. Xa no século XIX, sendo EEUU un país independente, tiveron un papel salientable no movemento de abolición da escravitude, sendo tamén o lugar onde agromarían as primeiras obras das nacentes literatura e filosofía americanas e onde ademais de ser pioneiros da educación pública tamén o foron da revolución industrial. Non estraña que estados como os de Massachusetts leven escrito nas matrículas dos automóbiles: “the Spirit of America”. A familia Kennedy que tanto representou na política dos EEUU durante o século XX tamén tiña o seu asentamento en Massachusetts, neste caso formando parte da importante enxurrada migratoria de irlandeses católicos que fuxían da fame e da represión inglesa do XIX. No tocante ao político son estes estados proclives ao partido demócrata: Al Gore gañou no 2000 en todos eles agás en New Hampshire e no 2004 John Kerry fíxoo en todos. Velaí a importancia das eleccións primarias (aquelas que decidirán quén ha ser o candidato da cada un dos dous partidos) que se celebraron a semana pasada neste estado de New Hampshire. Pola banda demócrata Hillary Clinton con 39% e Obama con 36% foron os máis votados, e pola banda republicana McCain con 37% e Romney con 31%. Particularmente interesante será a loita que manterán Clinton e Obama (este último viña de gañar no estado de Iowa, lindante con Nova Inglaterra, con 38% por 28% de Clinton). O país parece decidido a pechar o derradeiro ciclo republicano –cun resultado nefasto no político, social e económico- para entrar nunha nova xeira demócrata. A min gústame Obama porque o seu discurso apunta a priori cara a transformacións de fondo sobre o xeito en que USA debe ser xestionada interior e exteriormente nos vindeiros anos, pero os compañeiros de traballo lembráronme que hai unha lei determinante naquel país e, xa que logo, naquelas eleccións: the money low. Gaña quen máis cartos recada durante a precampaña. Segundo iso Clinton debería ser a gañadora. O resultado terémolo en seis meses: muller ou home de cor. En calquera caso unha novidade para aquel país. Iso si, non perdamos de vista aos republicanos que coido poderían contar cunha oportunidade se Guliani volve tomar posición na carreira electoral.