febreiro 01, 2008

Ludwig Feuerbach


Ludwig Feuerbach foi un dos grandes pensadores da Alemaña do século XIX. Menos coñecido sen dúbida que Hegel e Marx, coidamos que non menos importante no tocante a profundidade e influencia do seu pensamento. Os chamados novos hegelianos, Marx e Engels entre eles, estiveron fortemente influídos por Feuerbach. Non podía ser doutro xeito para quen se converteu no crítico pioneiro da filosofía especulativa e idealista de Hegel á que el antepuña a antropoloxía e a sensibilidade, unha filosofía materialista. A dialéctica especulativa do espírito na Historia de Hegel foi substituída en Marx pola dialéctica materialista da Historia. Antóllasenos que sen Feuerbach se cadra iso non tería acontecido. Sen dúbida Marx representa un chanzo máis na conceción material da realidade que este entende non como obxecto de contemplación e comprensión senón como actividade sensorial humana; como traballo, empregando a propia terminoloxía propiamente Marxista. A realidade segundo Marx explícase fundamentalmente a través de relacións materiais intrinsecamente vencelladas á práctica e o despregue material da actividade humana. Son coñecidas as once Teses sobre Feuerbach que publicara Marx na primavera de 1845 onde fai unha crítica aberta do materialismo de Feuerbach por consideralo contemplativo e non transformador. A derradeira das teses, a número once e máis coñecida, recolle o senso completo da devandita crítica: os filósofos non fixeron outra cousa máis que interpretar de xeitos diversos o mundo, pero do que se trata é de transformalo. Dende entón a historia do pensamento occidental terá unha nova linde que separará aos hegelianos de dereitas dos de esquerdas. Así a realidade: ¿debe ser comprendida ou transformada? Para os de dereitas comprendida, que non é máis ca outro xeito de dicir: xustificada. Dito doutro modo: todo o real é racional. En troques para os de esquerdas a realidade debe ser transformada, sendo esta transformación a esencia e o sentido do home na historia. A razón do ser no mundo só pode ser revolucionaria; é dicir, actividade transformadora das circunstancias. Dito doutro xeito: Todo o real debería ser racional. É algo así como que os dereitas defenden que xa estamos onde debemos estar e os de esquerdas que aínda non chegamos a tal lugar. Dabondo semellante se facemos comparanza coa ideoloxía política de dereitas e de esquerdas. Non esquezamos que a dereita política se alimenta de xustificar que vivimos no mellor dos mundos posibles. A esquerda, en troques, debería facelo de desmontar tal falacia.