xuño 29, 2009

No País Galego


En Trasalba. Xosé M. Beiras recolleu estes días o Premio Trasalba no homónimo Pazo-Museo, sito nos chaos de Amoeiro, un espazo sacro para a cultura e maila historia do País Galego. Seica Beiras se dirixiu ao espírito de Don Ramón, para el (e para moitos de nós) “querido e venerado” para confesarlle as súas dúbidas e interrogantes. Unha delas por riba de todas: o “ignorado” e “misterioso” porvir de Galicia. Afirmou o dirixente nacionalista que "Galicia non é o país dos ananos, pero os ananos proliferan e soben ao poder para destruír o país, pero non desertaremos, pois todo está por refacer nesta terra recuberta de cinsas". A cuestión de refacer en terra de cinsas sóanos á temática oteriana da resurrección. Se cadra se trata diso, morrer para nacermos de novo. Morte e resurreción. Asáltannos as dúbidas como a Beiras porque son moitos máis os enterradores cós resucitadores. De calquera xeito os resucitadores habitamos xa no país sen territorio da esperanza e de aí non nos movemos.
En San Domingos de Bonaval. Case ao mesmo tempo que Beiras recollía o premio en Trasalba, o presidente da Xunta entregaba en San Domingos de Bonaval as Medallas Castelao. Nese contexto Nuñez Feijoo afirmaba: "Para ser a alma do país, o gale­guismo actual ten que estar aber­to á pluralidade social, e ser maio­ritario. E o primeiro requisito para lograr eses obxectivos é un­ha cordialidade que permita, non só reafirmar os convencidos, se­nón incorporar os indiferentes e mesmo buscar a complicidade dos reticentes". Non sabemos se os reticentes dos que fala o señor Feijoo son os representados por Galicia Bilingüe, mais de entrada o presidente da Xunta, nun xesto de cordialidade lingüística, xa lles retirou a obriga de ter que facer os exames de acceso á función pública na lingua propia do país. Velaí o “galeguismo integrador” que predica e practica o presidente da Xunta: basicamente consiste en desgaleguizar o país. Lembren vostedes: sexan persoas cordiais e non amolen. ¡Non falen galego máis que na casa!

1 comentario:

Eduard del Castillo Velasco dixo...

Canto traballo temos!

Eu reflexionei moito sobre o acto en Trasalba, un lugar que, como moitos outros, simboliza os esforzos que se teñen feito para sacar adiante o país e a cultura. Tanto traballo e tantas vidas de bos e xenerosos para que chegue un tecnócrata cos seus amiguiños e o esnaquicen nun par de dias...

Resistencia, pois. Eles non han pasar á Historia.

Saúde e Terra!

Eduard