maio 14, 2007

A roupa aínda está lenta

Velaí a outra acepción, a menos coñecida no galego, para a palabra lenta (o) en galego. "A roupa aínda está lenta"; é dicir que non secou aínda. Está humida a roupa, xa que logo deixarémola un anaco máis ao sol para que seque. Dinme que hai poucos días xente galega que vive fóra do país chegou a algún punto xeográfico da parte oriental de Lugo, e aló escoitaron a unha muller maior que dicía da roupa pendurada que estaba lenta. Non a comprendían. ¿Como pode estar unha cousa quieta lenta? Nin lenta, nin rápida. A explicación é evidente: o léxico galego dos maiores é moito máis rico e ao mesmo tempo raro para os galegos máis novos. O termómetro avisa de que algunhas cousas non van ben. Eu que ando na teima de resgatar as palabras da morte boto a andar na rede esta lenta(o) coa arela de que ao lentor da rede recupere folgos e forzas nas voces dos falantes que isto len. Lembrade que lentor tanto se pode empregar para falarmos de humidade ("o lentor da terra") como de calorciño ("o lentor da cociña").

3 comentarios:

Eduard a 39º 51' 14.57" N - 4º 12' 09.35" E dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Eduard a 39º 51' 14.57" N - 4º 12' 09.35" E dixo...

Mañá teño que saír uns días e a roupa, que non se pode estender ao aire libre, aínda está lenta, non sei se dará tempo a que seque. O outro día, facendo unha coca mallorquina na casa, díxenlle a unha amiga que amasase ben ata notar que a masa estivese lelda. E tan ben amasou que saíu riquísima, tanto que, das ganas de comela, invámola nun momento. Grazas polas palabras!

O dixo...

lento......alento.