Entre Lisboa e Madrid non está, e nunca estará, Galiza. Agora tócalle a quenda de mediar a Estremadura. A UE vén de designar a Badaxoz como a cidade onde estará a sede do secretariado técnico que deberá xestionar os programas de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal. Disque nesta decisión actuou, e ben, o interese portugués-lisboeta (recoñecido tamén como luso) por mor de non dar pulo a calquera vontade autonomista de Oporto. Lusitania e Gallaecia seguen a loitar neste caso dentro das lindes portuguesas e a vitoria segue a ser lusa. Supoñemos que o interese lisboeta e a pouca, por non dicir nula, influenza do goberno Galego no de Madrid explican cómo unha cidade como Vigo, estratexicamente moito mellor situada e moito máis forte economicamente, perde unha oportunidade tal. Gallaecia dividida en dous estados ficou esnaquizada, e tamén descabezada politicamente, aló polo 1140. Afonso Henriques fixo nacer Portugal mais non para Gallaecia senón para Lusitania. Na outra beira Xelmírez pactou coa coroa de Castela-León a renuncia á independencia do Reino de Galicia coa condición de conseguir o seu afortalamento persoal ao redor da sé metropolitana de Santiago. Alí remataba o poder político dos galegos; poder que fóra hexemónico dende o século V deica o XII na parte occidental da península ibérica. Xa que logo, dende o XII deica aos noso días Gallaecia será entidade marxinada, a unha e á outra beira do miño (que non se enganen os galego-portugueses). Da beira de alá manda Lisboa e da beira de acó Madrid. E entre Madrid e Lisboa nin estivo, nin está, nin estará nunca a Gallaecia, ese enorme espazo físico, cultural-lingüístico e espiritual que existe con anterioridade á época cristiá e que na súa chegada identificaran perfectamente os romanos para constituílo como provincia administrativa no imperio aló polo 285 d.C; dándolle desta maneira a súa primeira formalidade política. Temos necesidade de Gallaecia non só polo que representa de acervo cultural histórico senón polo que supón cara ao futuro. A eurorexión Galiza-Norte de Portugal, unha nova Gallaecia administrativa –recortada respecto da romana, pero erguéndose por enriba dos ideolóxicos lindeiros de estado-, está a traer unha realidade económica que, malia os atrancos de estado –lisboetas e madrileños-, rexurdirá tamén como realidade lingüístico-cultural. Para entón, e non queda moito, deberiamos recuperar a cabeceira política, senón corremos o risco de ficar novamente nas marxes e xa levamos deste xeito tempo dabondo.
2 comentarios:
Formoso texto. Espero nom te importares ter lhe feito referência no meu blog.
Saudações
Depois de se continuar a afundar economicamente e dos sucessivos cortes em investimentos, o Norte conhece mais um espinho da política de José Sócrates. O que motivará esta postura do Governo?
Publicar un comentario