marzo 31, 2007

Diáspora, saquiña de votos

(Angela Vidigal "Paisagem con ex-votos")
Cada vez que chegan eleccións á Galiza territorial a diáspora galega residente fóra do estado español encádrase no punto de mira dos políticos da Galiza territorio. Se temos en conta que, tal e como reflicten estes días os xornais, o voto emigrante decidirá a alcaldía en máis de 50 municipios galegos e pode condicionar o goberno en outros moitos, non é de estrañar que se produza tal desembarco de políticos nos lugares máis representativos da emigración galega na procura dunha saquiña que amañe resultados. Para os que habitamos na Galiza global, afastados do territorio, este repetido episodio de mercadeo co voto emigrante, que encetara, promovera e intensificara a anterior administración galega, resúltanos especialmente triste. A sensación que temos algúns dos galegos trasterrados respecto da Galiza territorio, sobre todo aqueles que con dignidade e orgullo damos conta alí onde residimos da personalidade propia e diferenciada de Galiza, é de auténtico fraude. Preguntaranse: ¿por que?. Simplemente porque algúns de nós –non moitos, tampouco nos enganemos- traballamos durante o ano no espazo social e político dos países de acollida para que por algures alumee a personalidade de Galiza. E por desgraza para nós case sempre que isto acontence, é dicir, cada vez que gañamos para Galiza un pequeno espazo no país onde vivimos a repercusión no territorio é ínfima, por non dicir inexistente. En troques, cando hai eleccións abrollan sen esforzo os e as de Bos Aires, Montevideo, Caracas, Suíza, Alemaña, etc. Seguimos sen aparecer os e as de Barcelona, Euskadi, Canarias e outros lugares do estado ¿Por que? Porque non votamos. ¿Por que uns si e os outros non? Paradoxos que ninguén se atreve a resolver. O voto faille moito mal á diáspora xa que axuda a que esta sexa maiormente identificada coa saquiña a apañar. A min paréceme que para rematar con este mal habería que crear unha circunscrición electoral propia para a diáspora e darlle o voto á emigración nas xerais e nas autonómicas por esa circunscrición. Os galegos que residimos fóra non temos porque decidir cómo se xestiona a Galiza territorial, ao que temos dereito, penso eu, é a decidir cómo se xestiona aquelo de Galiza que non ten que ver cos cotiáns problemas dos que habitan no territorio, que son cousas como: a proxección exterior da lingua e da cultura galegas, o tipo de presenza e de xestión que fai a Xunta nas comunidades do exterior, os recursos para atender determinadas necesidades que, por diversa circunstancia, teñen esas comunidades exteriores, etc. O voto na diáspora tal e como está concibido a día de hoxe, lonxe de axudar á construción dunha Galiza global cohesionada e consciente, reduce o papel da Galiza extraterritorial ao dun suxeito pasivo, ao espazo do mercadeo partidista imposto dende a Galiza territorio. ¿Para cándo un cambio de verdade na política de emigración da Xunta? Moito nos tememos que, mentres haxa voto controlado e suculento, para nunca.