O que vive desposuído da cousa sentida está condenado a idealizala. E canto máis arredada no tempo -que é o espazo da memoria-, canto máis desposuído dela, maior é a idealización. Se cadra aplicaría unha fórmula física ao devandito sentir: a magnitude da idealización é proporcional á distancia temporal respecto da cousa mitificada. Por iso o reencontro é sempre unha experiencia de frustración. Unha neurose que cortada de súpeto non ten tempo para sandar. Quen habita entre pantasmas non se pode axeitar á realidade nun chisco de ollo. O retorno é sempre un desencontro. Nestes días soubemos que unha obra co título de “Psicopatoloxía do retorno” dos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, acadou o premio de ensaio Ramón Piñeiro. A obra fala diso: das pantasmas dos retornados, do seu desencontro, da súa neurose. Nunha entrevista a un dos autores lemos: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. E pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade que é allea á nacenza, construída a pulso arredados do lugar de orixe ”. Dicía o poeta que habitamos na nosa infancia e debemos ser, engado eu, da nosa madurez. Para quen a infancia está nun espazo diferente da madurez sempre haberá un desacougo, unha fractura, porque rehabitar a infancia é unha das irracionais arelas de todo humano. Pero cunha identidade e unha esencia diferentes é sempre unha desesperación. Se cadra, ao cabo, o mellor sexa seguir habitando para sempre entre pantasmas.
3 comentarios:
Coido que o gran erro dos emigrantes galegos é precisamente eso, vivir entre pantasmas. Ese desencontro hai que evitalo antes, dende a diáspora, onde o individuo ten que ser partícipe da construcción e do progreso da sociedade de acollida, de xeito que vexa a súa cultura de orixe mergullada e reflexada na receptora.
De calquera outro xeito, somente haberán pantasmas, ideais, nin acó nin alá se atopará coa realidade mesma.
Non se trata dun erro, Pablo. Tratase, en cambio, dunha moi organizada desinforación dende Galiza, cando non unha deliberada mentira orquestada. Logo, aqueles que marcharon atesouran unha imaxe idealizada, coma ben dixo Suso, fronte a que non hai información nova que a refute.
Suso, se cadra, ao cabo, o mellor sexa construir unha Galiza de todos, en todas partes, a nosa Galiza Global que non leve ao retorno idílico.
Estou de acordo contigo Torredebabel, temos que pensar que os que estamos fóra debemos participar da construcción dunha nación galega espallada, dunha Galiza Global. Mais coido que, para o individuo que vive toda a súa vida fóra non sería suficiente. A vida diaria, as relacións persoais, desenvólvense no país de acollida e é totalmente imprescindible un proceso de adaptación cultural. Un proceso no que a nosa cultura sexa unha ferramenta de construcción empregada pola sociedade receptora.
Dende Catalunya temos o exemplo máis claro. Son moi poucos os galegos que falan catalán con facilidade, case ningún participa das festas tradicionais catalanas. A vida de case todos os galegos que viven arestora en Catalunya está centrada no traballo, nas relacións persoais con outros galegos, na celebración de festas galegas e na volta cada verán cara a terra. Moitos son os pensan en voltar, coma se a súa vida en Catalunya fose unha cousa pasaxeira e temporal. Fíxate, unha etapa transitoria de 50 ou 60 anos e moitos casos, toda unha vida...
Publicar un comentario