xaneiro 31, 2010

Paradoxos políticos e particulares

Nunca pensei que o actual presidente da Xunta de Galicia puidese facer tanto a prol do galego. Non somos poucos os que pensamos que máis ca normativas e decretos o que precisamos é dunha maior conciencia. E velaí que Feijoo está a contribuír na formación, en distintos graos, dunha conciencia cidadá a prol da defensa da lingua propia de Galiza. Paradoxos políticos. En menos dun ano de mandato, o presidente conta con algo insólito na historia da democracia galega: tres manifestacións, na capital do país, de milleiros de persoas en contra do seu propósito linguicida. Estamos de boa nova. De termos dado continuidade ao bipartito de seguro que o que tería acontecido no terreo lingüístico sería, chisco arriba chisco abaixo, máis do mesmo dos últimos trinta anos, ben que sen retroceso normativo como agora se pretende. Pero nestas chegou Feijoo e, como raposo no galiñeiro, alborotou a gaiola dándolle un protagonismo á lingua que dificilmente lle tería dado calquera outro partido do abano parlamentario. A lingua está agora no centro, no debate. Detractores e defensores, postulantes intermedios, moderados, radicais, etc. Hai debate verbo da lingua galega, e isto é bo con independencia da orixe do mesmo. Grazas daremos a Galicia Bilingüe -organización na que os seus membros practican o bilingüísmo só falando en castelán-, e grazas daremos a que o entón candidato á Xunta Feijoo precisaba de arrepañar votos de debaixo das pedras. E por se fose pouco, alén de darlle cohesión e unidade á oposición coa política lingüística que pretende implantar, resulta que na propia casa as boinas están a rexeitar tamén a postura marxinalizante do galego que tenta botar adiante, e todo mentres afortalan o seu poder – estes días Baltar fillo foi encumiado como novo Rei PP de Ourense: quen dixo que en Galiza non hai aristocracia ?. E aínda por riba, sendo presidente o dos Peares, chega un soberanista de esquerdas a presidir a Real Academia Galega. Dígovos que a cousa promete. A lingua continuará a ser protagonista, e nós case que teriamos que pensar, aínda e que moremos nas antípodas ideolóxicas: ¡ Feijoo, que ben que viñeches!

Ningún comentario: