novembro 16, 2009

Feijoo en Barcelona, impresións dunha visita


O pasado sábado 14 de novembro, aproveitando a convención nacional do PP na cidade de Barcelona o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo pasou polo Centro Galego de Barcelona. Nunha primeira parte dese encontro coa comunidade galega de Barcelona Feijoo ofreceu, ao meu entender, un discurso aos presentes recorrente aos tópicos. Relembra a súa nenez nos Peares para dicir que vivía nunha provincia (Ourense) e ía á escola noutra (Lugo), e así sinalar que o importante non son as partes senón o todo. Trátase de unir, esa é a miña idea de Galicia, afirmaba diante dun auditorio propicio a este tipo de verbo populista. Dicía Feijoo: “Galiza ten tres aeroportos pero o importante non é cal dos tres uses senón se o destino é Galicia”, claro que digo eu que usar un o outro tamén dependerá de se vas á Mariña Luguesa ou ao Condado, por poñer un exemplo). “Galicia ten tres universidades pero hai só unha universidade galega“, claro que digo eu que tamén de xeito individual e especializándose poden cumprir unha función complementaria. Alén do populismo empregado, do cal son unha mostra as anteriores frases, o peor é cando Feijoo comete erros de coñecemento dos datos estatísticos básicos e tamén dos históricos referentes á realidade do país. Por exemplo, acertou cando dixo que en Galiza hai 2 millóns 700 mil habitantes pero errou cando dixo que había 400 mil galegos fóra da Galicia territorial (Sr. Feijoo son eses 400 mil multiplicados por 3) ¡Ai a diáspora galega, esa gran descoñecida! Outro erro, neste caso histórico, cando situou o achado do restos do Apóstolo no século VI. De calquera xeito ao tipo de público asistente o que lle chega e esa mensaxe de “eu son un dos vosos”, nacín nos Peares e estou aquí para unir a todos os galegos, os de dentro e os de fora, somos coma os “Irlandeses ou como os Xudeus” (¡ que máis quixeramos ! ). Electoralismo puro e duro, baleira mensaxe de país. E claro como nós en Barcelona non lle podemos votar fíxose acompañar doutro Alberto (Fernández Díaz) representante do PP no concello de Barcelona. Na segunda parte da visita Feijoo reuniuse con representantes das entidades e asociacións de Catalunya. Ás preguntas relevantes non respondeu ( ¿Ten pensado poñer en marcha unha Institución para a promoción exterior da Cultura Galega ?, ¿Para cando unha Delegación Institucional da Xunta en Barcelona e noutras cidades clave da diáspora galega ?) e aproveitou outras para espertar os aplausos dos máis reaccionarios: ¿se hai convenio para que os rapaces dos Institutos de Catalunya poidan estudar, nunha materia de libre elección, o galego,  pensan cumprir o convenio respecto do catalán nos Institutos Galegos ?: os nenos galegos deben estudar antes inglés ca catalán. Unha resposta que ninguén pon en cuestión, pero a pregunta obviamente non era esta. Novamente o Sr. Feijoo botaba man do populismo que tanto alimenta á nosa xente. No medio do rebumbio un sentía un profundo estrañamento, calado e sen saber que dicir.