outubro 06, 2009

Galeano e os galegos: patrias e colonialismo invisible

Pasou polas miñas mans o “Libro dos Abrazos” do escritor e xornalista uruguaio Eduardo Galeano. Débolle o achado a Martí Aviñoá, compañeiro e colaborador do programa de radio “Galiza algo máis” que se emite na emisora de http://www.sants3radio.cat/ da cidade de Barcelona. Neste profundo e pleno texto achei referencias directas a Galicia, e tamén reflexións aplicables a este país de noso.

O río do esquecemento. Deste xeito titula Galeano unha das súas curtas reflexións. Fai mención nela a que nunha ocasión visitara Galicia e contáranlle o motivo polo cal as tropas romanas non quixeran, nun primeiro contacto, travesar o río Limia (Lethes): o medo a perder a memoria, non saber quén es nin de ónde vés. Os galegos, que emigrados en latinoamérica poñían os nomes das súas aldeas e lugares de orixe aos seus negocios, di Galeano, despois de ficar sorprendido coa numerosa toponimia latinoamericana dos nomes das tabernas e bares, “de volta na súa terra de orixe nunca esqueceran nada. Nin cando marcharon, nin cando volveron; nunca esqueceran nada. Agora tiñan dúas memorias e tiñan dúas patrias”. Debe ser certo iso de que os galegos temos dúas, e tres, e até máis patrias. Somos uns saudosistas dos lugares onde moramos e que co tempo fican atrás. A todos os levamos no corazón. Se cadra é o panteísmo ancestral que corre polas nosas veas quen nos fai estimar a terra pisada e vivida. Mágoa que non lle tiremos a tan inestimable trazo antropolóxico unha rendibilidade política.
Colonialismo invisible. Como latinoamericano Eduardo Galeano entende ben de colonialismos. “O colonialismo visible mutílate sen disimulo: prohíbeche dicir, prohíbeche facer e prohíbeche ser. O colonialismo invisible, en troques, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza: convéncete de que non se pode dicir, non se pode facer, non se pode ser”. Para Galicia isto é: non se pode dicir nin facer en Galego, no se pode ser, por riba de todo e antes que nada, Galego. Ese colonialismo invisible, ese colonialismo interior, é a nosa gran doenza contemporánea, arestora e de novo instalada na máxima institución propia que dirixe o noso destino. Non nos damos desfeito del.