marzo 31, 2007

Diáspora, saquiña de votos

(Angela Vidigal "Paisagem con ex-votos")
Cada vez que chegan eleccións á Galiza territorial a diáspora galega residente fóra do estado español encádrase no punto de mira dos políticos da Galiza territorio. Se temos en conta que, tal e como reflicten estes días os xornais, o voto emigrante decidirá a alcaldía en máis de 50 municipios galegos e pode condicionar o goberno en outros moitos, non é de estrañar que se produza tal desembarco de políticos nos lugares máis representativos da emigración galega na procura dunha saquiña que amañe resultados. Para os que habitamos na Galiza global, afastados do territorio, este repetido episodio de mercadeo co voto emigrante, que encetara, promovera e intensificara a anterior administración galega, resúltanos especialmente triste. A sensación que temos algúns dos galegos trasterrados respecto da Galiza territorio, sobre todo aqueles que con dignidade e orgullo damos conta alí onde residimos da personalidade propia e diferenciada de Galiza, é de auténtico fraude. Preguntaranse: ¿por que?. Simplemente porque algúns de nós –non moitos, tampouco nos enganemos- traballamos durante o ano no espazo social e político dos países de acollida para que por algures alumee a personalidade de Galiza. E por desgraza para nós case sempre que isto acontence, é dicir, cada vez que gañamos para Galiza un pequeno espazo no país onde vivimos a repercusión no territorio é ínfima, por non dicir inexistente. En troques, cando hai eleccións abrollan sen esforzo os e as de Bos Aires, Montevideo, Caracas, Suíza, Alemaña, etc. Seguimos sen aparecer os e as de Barcelona, Euskadi, Canarias e outros lugares do estado ¿Por que? Porque non votamos. ¿Por que uns si e os outros non? Paradoxos que ninguén se atreve a resolver. O voto faille moito mal á diáspora xa que axuda a que esta sexa maiormente identificada coa saquiña a apañar. A min paréceme que para rematar con este mal habería que crear unha circunscrición electoral propia para a diáspora e darlle o voto á emigración nas xerais e nas autonómicas por esa circunscrición. Os galegos que residimos fóra non temos porque decidir cómo se xestiona a Galiza territorial, ao que temos dereito, penso eu, é a decidir cómo se xestiona aquelo de Galiza que non ten que ver cos cotiáns problemas dos que habitan no territorio, que son cousas como: a proxección exterior da lingua e da cultura galegas, o tipo de presenza e de xestión que fai a Xunta nas comunidades do exterior, os recursos para atender determinadas necesidades que, por diversa circunstancia, teñen esas comunidades exteriores, etc. O voto na diáspora tal e como está concibido a día de hoxe, lonxe de axudar á construción dunha Galiza global cohesionada e consciente, reduce o papel da Galiza extraterritorial ao dun suxeito pasivo, ao espazo do mercadeo partidista imposto dende a Galiza territorio. ¿Para cándo un cambio de verdade na política de emigración da Xunta? Moito nos tememos que, mentres haxa voto controlado e suculento, para nunca.

marzo 27, 2007

É un burro tarasco, non se deixa montar


Como vén sendo común neste blog adoito a botar palabriñas desas ben enxebres. Esta escoitámoslla á Dorinda na aldea de miña nai. Unha desas poucas señoras resistentes que habitan a Galiza rural de alta montaña. Dorinda ten un burro, pero o animal non se deixa montar nin agarimar. Así que ela di que "o burro é tarasco". Tamén aplica, como non, ás persoas, que hai moitas ben tarascas tamén.

marzo 23, 2007

Santiago Casares Quiroga


Manuel Rivas publica hoxe no país un artigo sobre Santiago Casares Quiroga. Del entresacamos o seguinte parágrafo: "Por que foi tan odiado Santiago Casares Quiroga? Por que esa xenreira inexplicábel que levou a algúns a querer borralo do rexistro do nacemento, do libro dos humanos? Penso que é unha boa pregunta agora que a maledicencia e a produción de odio volven a ser unha profesión cualificada e que conta co plácet episcopal. Quizais o que máis odiaban nel os reaccionarios é que non fora un dos seus. Saber que nunca o sería. O home rico, que vestía de dandi, que tiña iate e auto descapotábel, casado cunha modista fermosa como unha Gloria (Swanson), era un humanista, que amaba máis o saber que os cartos, que se afastaba da vida social dos preeiros da ignorancia, a grosería e a violencia. O odio, a fabricación do inimigo, é unha compoñente nuclear do autoritarismo, e nel non soportaban a firmeza democrática, á lealdade á República. Nin tampouco o agarimo que lle tiña a xente do pobo: defendera como avogado os obreiros libertarios na dictadura de Primo de Rivera. E cando se puxo en marcha a maquinaria da nova dictadura, a que provocou o holocausto español en nome dunha santa cruzada, el encarnaba o Estado liberal, de Dereito, fronte ao Estado criminal."

marzo 20, 2007

Xergo

Escoito de miña nai que a parede está xergada; é dicir, que non está dereita. Sabiamos polo diccionario que xergo designa aos que "empregan a man ou o pé esquerdos" para facer as cousas do cotián: escribir, comer, etc. Calquera ía pensar que neste século das tecnoloxías a palabriña, que por certo deberiamos empregar para non perder o léxico propio, serviría tamén para darlle nome a unha empresa, coido que de papel nalgún dos países nórdicos. Se cadra aló xergo é algo así como papel, ¿calquera cho sabe?. Ah!, por certo, o "pitcher" da imaxe é xergo.

marzo 16, 2007

Borgia (ou ben Borja), os valenciano-cataláns na Santa Sé. ¿Unha Igrexa Patrimonializada?

Vimos de ver o filme dos Borgia , gustóunos a ambientación que cremos recrea ben a época, as interpretacións de Lluís Homar como Rodrigo Borgia e tamén motio a de Sergio Mencheta como César Borgia. A historia desta familia da nobreza valenciana, promovidos por Jaume I polos favores prestados durante a conquista de Valencia, e que con posterioridade pasan a Roma coa decidida vontade de constituír no seo da Igrexia un Reino propio, é fascinante. Un exemplo do que debeu ser o mundo do Renacemento italiano e os seus reinos xunto coa puga de Francia e España polo control de Nápoles. César Borgia encarna ao home "maquiavélico", non por outra cousa din que a súa traxectoria política e militar foi admirada polo mesmo Maquiavelo, quen a empregou para inspirar a súa obra más importante: "O príncipe".

marzo 09, 2007

Entre Lisboa e Madrid nunca estará Galiza

Entre Lisboa e Madrid non está, e nunca estará, Galiza. Agora tócalle a quenda de mediar a Estremadura. A UE vén de designar a Badaxoz como a cidade onde estará a sede do secretariado técnico que deberá xestionar os programas de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal. Disque nesta decisión actuou, e ben, o interese portugués-lisboeta (recoñecido tamén como luso) por mor de non dar pulo a calquera vontade autonomista de Oporto. Lusitania e Gallaecia seguen a loitar neste caso dentro das lindes portuguesas e a vitoria segue a ser lusa. Supoñemos que o interese lisboeta e a pouca, por non dicir nula, influenza do goberno Galego no de Madrid explican cómo unha cidade como Vigo, estratexicamente moito mellor situada e moito máis forte economicamente, perde unha oportunidade tal. Gallaecia dividida en dous estados ficou esnaquizada, e tamén descabezada politicamente, aló polo 1140. Afonso Henriques fixo nacer Portugal mais non para Gallaecia senón para Lusitania. Na outra beira Xelmírez pactou coa coroa de Castela-León a renuncia á independencia do Reino de Galicia coa condición de conseguir o seu afortalamento persoal ao redor da sé metropolitana de Santiago. Alí remataba o poder político dos galegos; poder que fóra hexemónico dende o século V deica o XII na parte occidental da península ibérica. Xa que logo, dende o XII deica aos noso días Gallaecia será entidade marxinada, a unha e á outra beira do miño (que non se enganen os galego-portugueses). Da beira de alá manda Lisboa e da beira de acó Madrid. E entre Madrid e Lisboa nin estivo, nin está, nin estará nunca a Gallaecia, ese enorme espazo físico, cultural-lingüístico e espiritual que existe con anterioridade á época cristiá e que na súa chegada identificaran perfectamente os romanos para constituílo como provincia administrativa no imperio aló polo 285 d.C; dándolle desta maneira a súa primeira formalidade política. Temos necesidade de Gallaecia non só polo que representa de acervo cultural histórico senón polo que supón cara ao futuro. A eurorexión Galiza-Norte de Portugal, unha nova Gallaecia administrativa –recortada respecto da romana, pero erguéndose por enriba dos ideolóxicos lindeiros de estado-, está a traer unha realidade económica que, malia os atrancos de estado –lisboetas e madrileños-, rexurdirá tamén como realidade lingüístico-cultural. Para entón, e non queda moito, deberiamos recuperar a cabeceira política, senón corremos o risco de ficar novamente nas marxes e xa levamos deste xeito tempo dabondo.

marzo 08, 2007

Palabras, palabras, ...

Eu empecei este Blog practicamente facendo lexicografía, unha tarefa apaixonante. Supoño que a conciencia da nosa debilidade aínda a fai máis: cántas veces teño escoitado aquelo de que cada velliño que morre leva consigo unha morea de palabras e expresións dificilmente resucitables. Agora veño de coñecer este outro Blog de falares na nossa lingua onde se fai recolleita lexicográfica dunha e doutra beira do miño. Moi interesante e recomendable. A lexicografía comparada galego-portuguesa aínda está en cueiros, esperemos que no futuro nos traia moitas boas novas.

marzo 05, 2007

Manuel Rosales, oito veces gañador da Marathon de Nova York

Souben deste pequeno-grande home hai anos. Debeu ser aló polo 1997, cando tivemos a sorte de percorrer os 42 na grande mazá. Resulta que este galego nado en Marín e de profesión mecánico gañou na súa categoría 8 veces a mítica Marathón de Nova York. Dende este Blog o noso pequeno contributo ao coñecemento e recoñecemento deste home que pasará á historia por ser quen máis veces gañou a Marathon de Nova York na súa categoría. Por certo que Manuel ten 71 anos e este ano volve correr. Desexámoslle o mellor. Neste artigo de La Voz podedes atopar unha pequena biografía de Manuel Rosales