
O que vive desposuído da cousa sentida está condenado a idealizala. E canto máis arredada no tempo -que é o espazo da memoria-, canto máis desposuído dela, maior é a idealización. Se cadra aplicaría unha fórmula física ao devandito sentir: a magnitude da idealización é proporcional á distancia temporal respecto da cousa mitificada. Por iso o reencontro é sempre unha experiencia de frustración. Unha neurose que cortada de súpeto non ten tempo para sandar. Quen habita entre pantasmas non se pode axeitar á realidade nun chisco de ollo. O retorno é sempre un desencontro. Nestes días soubemos que unha obra co título de “Psicopatoloxía do retorno” dos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, acadou o premio de ensaio Ramón Piñeiro. A obra fala diso: das pantasmas dos retornados, do seu desencontro, da súa neurose. Nunha entrevista a un dos autores lemos: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. E pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade que é allea á nacenza, construída a pulso arredados do lugar de orixe ”. Dicía o poeta que habitamos na nosa infancia e debemos ser, engado eu, da nosa madurez. Para quen a infancia está nun espazo diferente da madurez sempre haberá un desacougo, unha fractura, porque rehabitar a infancia é unha das irracionais arelas de todo humano. Pero cunha identidade e unha esencia diferentes é sempre unha desesperación. Se cadra, ao cabo, o mellor sexa seguir habitando para sempre entre pantasmas.