abril 29, 2009

Cambios políticos !!!


O PSdeG anuncia ter soterrado o “Touriñismo”. Os socialistas galegos celebraron congreso. O novo secretario xeral elixido foi Pachi Vázquez, ex-conselleiro de Medio Ambiente. Disque Vázquez, de quen o barón ourensán do PP Baltar en campaña electoral fixera mofa da súa orientación sexual, está decidido a soterrar o “Touriñismo”. Non sabemos de todo a que se refire con tal expresión o novo secretario. Ao parecer á deriva de coche oficial e afastamento, deriva presidencialista –lembremos o slogan de campaña: o Presidente-, na que entrara o executivo “Touriñense”. Por certo, algo do que tamén, segundo as bases do partido, padecera Quintana. A Rei morto, Rei posto. De xeito que pasados os dous efémeros “Touriñismo” e “Quintanismo” instalarase na Xunta o “Feixooismo” e no PSdeG o “Vazquismo” ( o de Pachi, que non o de Paco) e no BNG o “NonSeSabeAíndaismo”. ¡Cánta democracia de partido en Galiza! ¿Non si?

Feijoo, nomea o novo goberno. O recentemente elixido presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijoo, fixo pública a organización e composición do novo goberno. Feijoo xuntou as infraestruturas co medio ambiente e colocou a un xestor da construción á fronte desta consellaría (¡vaite medio ambiente!), tamén xuntou turismo e cultura (¡pobre cultura!, disque debe ser a cenoria que atraia ao turismo -o novo conselleiro dixit). A política lingüística Feijoo pechouna en educación, para que non amole moito. Creou una consellaría do mar e mantivo a de medio rural (antóllasenos que neste caso tería sido máis coherente xuntalas). Ente os altos cargos nomeados destaca o director xeral de administración local que dependerá de presidencia, José Norberto Uzal Tresandi, quen concorrera nunha candidatura de Falanxe Española Independente ás eleccións do Parlamento Europeo de 1994. Vaia, un demócrata de toda a vida. Baixo presidencia tamén colocou Feijoo a xustiza. ¡Hai que ter o importante ben atado!. Polo que se albisca: ¡Un auténtico goberno democrático e de progreso! Todo ben, en Galiza diso sabémosche moito.

abril 14, 2009

¡Volvendo ao rego !

O BNG irá ás europeas na coalición de Europa dos pobos. Pasadas as autonómicas o foco electoral vai parar ás eleccións europeas. Soubemos que o BNG deixa para esta convocatoria a alianza que mantiña con PNV e CiU na coalición Galeuscat para presentarse en coalición con ERC, Aralar e EA. Parece que a esnafrada do 1 de marzo fai recapacitar á forza nacionalista que volve cos seus, os das esquerdas, en detrimento do espazo nacionalista conservador. Antóllasenos que a decisión é axeitada cos tempos políticos e tamén coas ideas. Tamén soubemos que encabezará a lista nacionalista Ana Miranda, a candidata maioritariamente proposta dende as bases. Celebramos que a fronte nacionalista retome o camiño de seu, porque sen ser partidistas si que somos partidarios de que Galicia dispoña de voz propia e formada en Bruxelas.

Feijoo, confirmouse a política dos caranguexos. No seu discurso de investidura Feijoo dixo literalmente "Non vimos restaurar o pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores". Acto seguido fixo dous reproches, segundo el fundamentais, ao labor do goberno saínte: o concurso eólico e o decreto do galego no ensino. É dicir, reprochou o pouco bo que fixera o bipartito. ¡Vaiche boa Vilaboa! Ao respecto destes dous asuntos Feijoo realizou promesas específicas de revisión e derrogación, arrincando á vez os momentos de máis efusivo aplauso dende os escanos do seu partido. Confirmouse que o novo presidente da Xunta máis que conservador é regresionista. Axeitado entón para Galiza que, como os caranguexos, camiña cara atrás. ¡Mágoa de país!

O exilio, mal menor. Despois de escoitar a Feijoo un pensa que o exilio é un mal menor. Na Cataluña que habitamos a ninguén se lle ocorrería revisar e derrogar decretos que pretendían darlle pulo ao propio. Sabiamos que o mal dos colonizados é estimar máis o alleo có propio, e Feijoo semella padecelo a maiores.

marzo 30, 2009

¡Miña naiciña, como están as cousas !

Pactos en Euskadi. Os chamados grandes partidos do estado, PSOE e PP –a tal grandeza debe ser polo número de votantes-, guíndanse chuzos de punta cada vez que poden. Por pórse, nin se poñen de acordo co plano económico que nos haberá sacar da crise. Ora ben, se do que se trata é de botar fóra ao nacionalismo das institucións entón a concordanza entre eles funciona de marabilla. E iso que un deles sempre defendera que debe gobernar a lista máis votada. As alternancias son a saúde da democracia. Cumpríalle o cambio a Euskadi, mais este semella tan a contra corrente que non sabemos se pagará a pena (e todo sen contar os disque máis de 100 mil votos que non tiveron candidatura que os representase).
Castelao, Piñeiro, Risco. Nunha entrevista a Xesús Alonso Montero nun xornal dixital lémoslle que el di crer que Castelao non militaría en ningún dos partidos parlamentarios de Galiza. E pensamos: ¡Que mal andan as cousas da representatividade política no país atlántico!, ¿ non si ?. Na mesma o profesor di ser un gran Piñeirista pois Piñeiro era católico, anti-comunista e galeguista, tres cousas que Montero non profesa. Maila iso acaba de rematar un libro de amor a Piñeiro. A retranca quédase curta. E de Risco sorpréndenos dicindo: “Eu sempre digo que afortunadamente non fun gobernado por Vicente Risco, que fun gobernado por Franco, que estaba á esquerda de Risco”. ¡Caraches!, ¿así de “facha” sería Risco?
Coches, luxos e promesas. O vindeiro presidente da Xunta, Feijoo, acusou a Touriño de luxo asiático. O coche oficial do xa ex-presidente parecía custar máis de 400 mil. Unha barbaridade. Disque é o mesmo modelo de Fraga. Mais Feijoo afirma contundente que el será un xestor austero e promotor da economía do país. Polo pronto soubemos que o coche que utilizou nos últimos tres anos na oposición era un préstamo dunha marca que si fabrica en Vigo, malia que el non o declarara a facenda. Alén diso tamén soubemos que o seu coche particular, gardadiño no garaxe, é un da mesma marca do oficial da Xunta. ¡Ai, Feijoo!, ¿serán verdade todas esas promesas?

marzo 10, 2009

Resaca electoral


Despois do 1 de Marzo o país andou de resaca electoral. Voces que tentan explicar o porqué do cambio. Voces que agoiran tempos difíciles para a identidade do país: a lingua e cultura propias. Houbo até unha “proposición para refundar Galicia enteira”. Título co que o escritor Manuel Rivas ceibaba nun coñecido xornal, uns días despois da cita, a súa reflexión ao redor do acontecido. Aló literalmente dicía: “Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América. Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova.” Ou sexa que teremos máis do mesmo. É dicir do de sempre. A Touriño (e a Quintana tamén) acusárono de practicar o neo-fraguismo. Algúns afirman que ese foi o principal erro do bipartito: continuar no esencial coas mesmas prácticas e políticas do tempo da Pax-Fraguiana. Supúxose que dende o poder, co control dos medios, do CERA e dos orzamentos habería un novo réxime. Mais non. A xente decantouse pola alternancia, esencia da democracia, que dixera alguén. Supomos que a pretensión de converterse no novo réxime do país pasará polas cabezas dos novos ocupantes dos despachos de San Caetano. Habemos ver, se optan pola democracia ou polo réxime. Presunción de inocencia. Rivas remataba o seu artigo deste xeito “Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.” Eu matizo, o morto trouxérono eles, os que agora rexeran o futuro do país. Sabían que Castelao no cemiterio de Chacarita alimentaba máis a esperanza que soterrado en Bonaval. Ritualizar a utopía até desfacela é unha práctica necesaria para o réxime, liberala e darlle pulo sería alimentar a democracia. Habemos ver. Presunción de inocencia. O primeiro termómetro: a decisión sobre o decreto do galego. Os da mesa xa advertiron que, de non respectarse, se botarán á rúa. E é que non está a cousa como para perder o pouco que se acadara.

febreiro 03, 2009

O longo parto da Galiza contemporánea

Saiban vostedes, seguidores deste blog, que a Galiza contemporánea está de parto. Mais non pensedes que se trata de algo semellante a dar a luz un naipeliño, non. Trátase de deixar atrás definitivamente sesenta e cinco anos de nacionalcatolicismo español para encetar unha nova andaina, de maior progreso e liberdade, asentada en forzas democráticas propias. Ha levar tempo. Se cadra tanto como o que nos trouxo até onde nos encontramos, mais todo apunta a que o camiño ha ser andado. Cómpre de calquera xeito ser prudentes xa que as forzas reaccionarias aínda manteñen redes antipaís en grao e suma importantes. A Galiza da diáspora (tamén país aínda que os territoriais ás veces o esquezan) non é allea a este proceso. Tamén nela están a acontecer trocos que apuntan na dirección de que unha Galiza nova emergulla nos albores do século XXI. O vindeiro día 1 de marzo asistiremos a un chanzo máis dese longo e doloroso parto. Habemos constatar se en medio da importante crise económica, os galegos e galegas seguen apostando polas fórmulas de cambio progresista introducidas polo bipartito (aínda, cómpre dicilo, moi insuficientes), ou ben optan pola restauración da fórmula reaccionaria que impuxera a Pax Fraguiana. En Barcelona, asistimos o pasado sábado 31 de xaneiro a unha escena, na asemblea xeral ordinaria do Centro Galego de Barcelona, de loita entre a vella e a nova Galiza, entre o pasado e o futuro. O pasado quixo facer daquela xuntanza un río revolto para, como di o refraneiro, que houbese gaño dos pescadores (de sempre). O futuro pretendeu bocexar un escenario futuro de río ecolóxico, coidado do que o máximo beneficiario sexa o común – alén dos necesarios e lóxicos gaños individuais-. Hai uns cinco anos o combate fora gañado polo pasado e agora foino polo futuro. Esperamos tamén que o 1 de marzo o futuro se impoña na Galiza territorio.

xaneiro 15, 2009

O libro das faces (facebook)


O último trebello novidoso de internet chámase facebook. O libro das caras, ou das faces, se o traducimos ao galego. Trátase dunha aplicación de internet que permite crear un perfil de usuario con fotos, vídeos, gustos, etc. A partir de aí o xogo esta nos vencellos, nas amizades. Os usuarios crean unha rede a base de crear ligazóns de amizade entre eles. Cando tes un amigo facebook accedes tamén as súas amizades, que nalgún caso ti tamén coñeces de xeito que poida que os convides a estabelecer a amizade virtual facebook contigo (xeralmente coincidente coa amizade persoal, mais non sempre). Tamén podes vencellarte a grupos (seguidores ou promotores dalgunha cousa ou membros dunha asociación calquera creada no facebook). Estabelécese deste xeito unha rede de redes de persoas de todo o planeta. Unha moi boa idea posta en práctica a través desta ferramenta. O negocio está na publicidade que vai aparecendo na banda dereita da páxina do facebook, como en tantos outros negocios de internet. Unha das funcionalidades máis interesantes, cando menos para min nestes comezos de empregar este trebello, é a procura de amigos. Nun punto podes introducir nomes de persoas ou correos electrónicos para ver de achalos na base de datos da aplicación. Deste xeito podes ir na procura das persoas do teu pasado: aquel amigo que hai anos que non ves, aquela rapariga que nos tempos do bacharelato che “facía tilín”, un excompañeiro de traballo, etc. Empregando este sistema achei un amigo que hai case oito anos que non vía. Mandeille notificación a través do sistema e recibín contesta. Alegreime ben. A ledicia abrollou no achado da persoa para o que facebook serviu de ferramenta. Dígoo porque hai quen pensara e sostivera que isto das TIC era moi emocionante. Teño para min que a emoción plenamente humana xorde da relación cun mesmo ou con outro humano. Cómpre non perdelo de vista no uso das tecnoloxías, onde medios e fins fican a cotío mesturados.

decembro 31, 2008

Hai cousas que no se venden

Ao parecer tan mal corren estes tempos de crise que algunha xente prefire vender a súa liberdade e a dos seus por uns poucos cartos. Enteirámonos estes días de fin de ano dando voltas por algún xornal dixital galego da seguinte nova: algúns centos de cidadáns letóns pídenlle ao multimillonario ruso Román Abramovich -propietario entre outros do club inglés de fútbol Chelsea- que merque o seu país ¡Vaiche boa, Vilaboa! Letonia é unha das chamadas repúblicas bálticas, xunto con Lituania e Estonia; un país que acadara a independencia despois da I guerra mundial (agosto de 1920), para ser de novo anexionada vinte anos máis tarde á Unión Soviética (xuño de 1940). Co caída do muro e o bloque comunista obtivo novamente a independencia (agosto de 1991). Trátase dun país co dobre da extensión galega (uns 60000 qmts2) e un chisco menos de poboación (2 millóns 300 mil). Non deixa de ser rechamante que un país masacrado ao longo da súa historia polos imperios veciños dominantes (alemáns e rusos) e despois de dezasete anos de soberanía recuperada dispoña dunha minoría, aínda que sexa pouco significada, que desexe volver á escravitude dependente dun amo poderoso ¿Será se cadra o síndrome do colonizado?, ou ¿será que os cartos son máis aprezados cá dignidade? ¿Terán presentes estes señores en demanda do amo Abramovich a ringleira de letóns que deixaron a súa vida para que eles fosen homes libres? Un comentario á noticia dicía: ”que pouco amor propio teñen estes letóns, calquera diría que son galegos...”. Pensei que o comentario era esaxerado e dixen para min que os galegos non venderiamos dese xeito o noso país. Pero despois púxenme a botar contas e analizando polo miúdo: litoral estragado polo urbanismo exacerbado, louseiras e canteiras nos espazos naturais, lingua e culturas propias deturpadas, etc. Pensei que en Galiza, como en Letonia ou calquera país do mundo, hai xente disposta a vender a dignidade ao mellor ofertante. E pensei que hai no fondo de todo isto unha constante e latente batalla ideolóxica que cómpre librar: “Hai cousas que non se venden. Non teñen prezo”. A liberdade dos cidadáns dun país, entre as primeiras.

decembro 14, 2008

Recuperar a soberanía enerxética

Poucos países do mundo dispoñen de excedentes enerxéticos. Galicia é un deles. O problema, porén, é que o propietario dese valioso excedente é unha man allea. O valor dos recursos galegos, ou cando menos unha parte de el, desa materia primeira extraída do territorio galego, debería revestir na economía e no desenvolvemento propios. Mais non é así. E porque non é así dicimos que Galicia segue a estar, dende o punto de vista económico, colonizada. E sabemos, dende os tempos de Marx, que a base material, a economía, soporta calquera outro mundo. De xeito que a colonización se estende dende o xermolo económico deica o ámbito político, social e cultural. Cantas veces nos temos e nos teñen preguntado pola feble conciencia de seu do pobo galego. Velaí o cerne desa febleza: unha economía en grande medida de explotación sen retorno. Soubemos do berro español cando Catalunya (Gas Natural) se quixo facer co control de Endesa. ¿Qué será de nós?, laiábanse os Pizarro e compañía que foron quen de montar unha movida financeira e empresarial de “Santiago y cierra España” para que os cataláns non se fixesen co control enerxético español. Agora sabemos que os de Gas Natural lle botaron o ollo a Fenosa, que controla e xestiona a maioría do excedente enerxético de Galicia. A compañía de orixe galega leva xa máis de vinte anos con sede en Madrid, arestora está en mans do accionista maioritario, ACS (que é o mesmo que dicir Florentino Pérez). Os de Gas Natural andan detrás de mercar a participación galega (ao redor dun 10% entre Caixanova e Caixa Galicia) xa que, segundo se di nos medios, xa pactaron un prezo de compra pola parte do accionista maioritario. O valor do excedente enerxético galego pasará de mans madrileñas a catalás e os galegos a velas vir mentres chega o soado e suposto estatuto de nación. Xa pode haber mil estatutos que sen soberanía enerxética a nación estará, perdón pola expresión: Ben escarallada!

decembro 01, 2008

Dionisia, unha estrela que alumea no ceo de Bos Aires

Tarde do domingo 30 de novembro. No correo electrónico recibimos unha mensaxe que comeza co fatídico anuncio: “Morreu Dionisia”. Escribe dende a cidade de Bos Aires, Débora Campos, autora do blog dos fíos invisibles. Eses fíos que se tecen, teceron e tecerán ao redor da alma galega dende a diáspora consciente da capital do país austral, Arxentina. Tan lonxe e tan cerca. Dionisia López Amado (Cedeira 1928- Bos Aires 2008), salientable integrante das Nais da Praza de Maio, fundadora da comisión de Familiares e Desaparecidos Españois durante a dictadura militar. Co seu pano branco na cabeza reivindicaba xustiza. Procurou ao longo de máis de 30 anos ao seu fillo Antonio desaparecido, fotógrafo e membro do Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT). Para ela estaba ausente, non morto. Mentres hai memoria non se perece. Axudou a moitas outras familias de desaparecidos dende 1978 até hoxe. Dionisia era das que levaba na frente unha estrela e no bico un cantar. A estrela da dignidade e mailo canto da liberdade. Está claro que para nós Dionisia non morreu, forma parte da historia da conciencia cívica de Arxentina, de Galiza e da humanidade. Tal e como lemos no correu remitido pola nosa amiga Débora dende a outra beira do atlántico: “Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis cunha chea de órganos. É un compromiso.” Maila tristeza da perda sentimos a ledicia da morte vencida porque nos decatamos que Dionisia vive en nós. E ademais vémola cal estrela que alumea o ceo Bonaerense.

novembro 04, 2008

Galego, Portugués ?

Interesantísimo artigo de Joaquim Pinto da Silva, como el mesmo se define, un galego portucalense do Porto mesmo, que plantea a cuestión política de cómo lle imos a chamar ( e qué facer ao cabo) coa lingua común de alén e aquén minho. Sen dúbida unha cuestión de futuro que dende xa esixe unha resposta.

outubro 22, 2008

Digo Vietnam e basta (Viaxe ao país dos ananos)

Digo Vietnam e basta, de Celso Emilio Ferreiro
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de nápalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
terror de terra, crime,
lume, lava,estoupido,
verdugo e mortandade en masa.

Digo gas abafante.
Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,chuvia,
amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,mineral,
trampa,lobo, caimán, polaris,
cóbrega,miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.
Apenas digo nada.

Digo Vietnam i está xa dito todo
cunha soia palabra.

Pra abranguer a vergonza do mundo,
digo Vietnam e basta.

outubro 15, 2008

Unha vez máis os lusos arrexúntanse a España

Xa teño denunciado aquí neste blog en diversas ocasións, que o lusismo e mailo españolismo cabalgan xuntos niso de frear o reencontro entre a Galiza autonómica do estado español e mailo Norte de Portugal (ámbas as dúas parte da Gallaecia e Galiza histórica) . Si, teñen lusos e españois medo do rexurdir da vella Gallaecia, berce da lingua e culturas galego-portuguesa. Enteirámonos hoxe de que os Portugueses (mellor ditos os lusos) rexeitaron apoiar a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués diante da UNESCO. Máis do mesmo.

outubro 14, 2008

¿Por qué non se poden invar vagalumes nos mercados financeiros?

Quixen saber cántas entradas referenciaban en internet a esta bitácora dos vagalumes que se invan e o resultado foi (despois de entrar na páxina do buscador google e escribir “Invando vagalumes”, premendo a continuación buscar), a estarrecedora cifra de “un total aproximado de 1640 para invando vagalumes”. Descubrín que o señor google non contara ben (cousas da tecnoloxía que tamén se trabuca) e deducín que estabamos a falar de cen e algo, se cadra chegaban as duascentas entradas. Para mín seguía sendo unha cifra estarrecedora. A conclusión á que cheguei é que a rede das bitácoras de internet (o blogmillo) funciona, e moito mellor cós mercados financeiros. E funciona penso que pola combinación de dúas cousas: a tecnoloxía e, sobre todo, a ilusión xenerosa ¿ Quen verte contidos gratuítos en internet ? O que xenerosamente quere partillar a súa experiencia, anécdota, cita erudita, lingua, historia, etc, cos outros interesados da rede en tales cousas. E líganse as bitácoras unhas as outras nun exercicio de vencello telemático de aparencia case infinita. E por iso os mercados financeiros nunca funcionarán como o blogmillo, porque se ben teñen a tecnoloxía ao seu servizo cómpreslles esa xenerosidade básica necesaria para que calquera cousa humana marche ben. Os mercados aliméntanse da cobiza imparable que impera na lei do beneficio como valor exclusivo. As bitácoras aliméntanse do amor. Si, o amor de querer ser con alguén máis. A única experiencia que pode fuxir do imperativo do lucro egoísta. Por iso tamén eu tomei das verbas da miña avoa ágrafa unha palabra enxebre, invar, que fose símbolo da súa fala rica e lembranza do meu amor polos nosos, os devanceiros desa Galiza que arestora se espreguiza do longo sono na noite longa. Os vagalumes apegáronse por enxebreza normativa e cacofonía necesaria.

outubro 02, 2008

¿ Alguén viu a man invisible?

Foi Adam Smith(1723 -1790), filósofo e economista escocés, quen de xeito metafórico empregara o termo “man invisible” para describir o, segundo el, papel perfecto que ten o mercado libre na asignación de bens na economía. Fixérao no máis coñecido dos seus libros: “Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións”. Segundo Smith existe unha orde natural aplicable á economía que consiste en deixar que o propio mercado sexa quen de distribuír os seus bens entre os axentes (produtores, traballadores e consumidores). Deixar que actúe a “man invisible” do mercado que non ten outra norma máis que o mercado mesmo. Velaí a suma regra de Smith e do liberalismo económico identificado como neoliberalismo neste século XXI. A cuestión é que nestes días de derrube das maiores entidades financeiras do epicentro do mercado libre, os EEUU, andámonos a preguntar se alguén viu a man invisible de Smith porque non apareceu por ningures. Tan desaparecida está a devandita man que o goberno Bush suplicou ante o congreso federal a posta en marcha dun plano insólito de intervención pública no sistema financeiro dos USA. Sen o seu plano Bush agoira un 2009 “de dor e dificultades”. Caralluda a herdencia do George para o seu país: unha guerra interminable e unha economía en creba. No “Far West” Galaico o discurso do presidente Touriño afonda no panglossianismo autocomplacente tan típico do lugar: podemos estar contentos pois recibiremos 2020 millóns de euros do estado para o 2009. É o discurso oficial que di que está moi ben se pensamos que é un 8% dos orzamentos do estado para un país que representa en xente pouco menos do 7% do estado ¿Reparastes algunha vez na porcentaxe de peixe, leite, carne, madeira e enerxía eléctrica que achega Galiza ao estado ? Seguen a darlle unha pouca vianda vella á vaquiña que ten os tetos en Madrid. E iso que Quintana dixera aquelo de “a vaquiña polo que vale”. Namentres a “man invisible” segue agochada. A ver quen é o espilido que a atopa !

setembro 29, 2008

Sodes pois uns imperialistas fracasados

Achego no meu blog un artigo de Salvador Soutullo Carolo, publicado no xornal Galicia-Hoxe onde comeza citando aquela tremenda estrofa de Castelao do Sempre en Galiza:
"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal, e falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os tribunais de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes pois uns imperialistas fracasados".

Non debe haber peor cousa que dicirlle aos protagonistas dun imperio que este foi un fracaso, ¿ non si ?

¿ Estaremos no comezo da fin dos EEUU? Di Soutullo, "Algo está a pasar no planeta. Un fantasma percorre o mundo: o fantasma da liberación nacional dos pobos oprimidos. Este imperio tamén se ha de converter nun imperialista fracasado." ¿ Serán os EEUU tamén uns imperialistas fracasados ?

setembro 17, 2008

L'éclat dans l'abîme

O máis internacional dos nosos escritores contemporáneos, Manolo Rivas, anda a colleitar éxitos coa súa última novela, Os libros arden mal, traducida ao Francés co título de L'éclat dans l'abîme. Alegrámonos moito pola nosa literatura pero sobretodo por Manolo que é un traballador da lingua e a cultura galegas, e ademais unha excelente persoa. Agora o debate que se abre é outro como apuntan en vieiros: "ao fío do excelente recibimento da obra de Rivas en Francia, o escritor e xornalista Santiago Jaureguízar abriu un debate no seu blog sobre a necesidade de que os autores e institucións galegas realicen unha proposta unitaria para o Premio Nóbel ao redor de Manuel Rivas, no canto de Xosé Luís Méndez Ferrín, de quen considera que a súa obra non ten a suficiente proxección internacional".