febreiro 26, 2013

Catalunya, independente e sen armas

Non se trata de acadar a independencia (ou mellor dicimos soberanía?) para calquera forma de estado. Non. Trátase de que cando Catalunya acade a súa plenitude nacional se constitúa nun novo estado sen exército. Un estado sen armas. O colectivo “Pau i treva” (Paz e tregua) fará público mañá o manifesto Catalunya per la seguretat humana i la pau', cadrando co aniversario da morte de Gandhi -30 de xaneiro de 1948-, no que promove que a formación do novo estado catalán prescinda do exército.

 
A proposta antóllasenos complicada no seo da Europa militar vencellada á OTAN, pero abofé que cómpre que a utopía turre da realidade para transformala, pois tamén semellaba un imposible a independencia e o pobo catalán está máis preto ca nunca, se botamos ollo aos seus últimos trescentos anos de historia, de chegar ao utopos por tanto tempo arelado. E se tan pretiño se anda de acadar o desexo, porque non comezar a pensar dende xa nunha arela aínda máis plena: a dunha Catalunya estado e sen armas. 

Asinan o tal manifesto unha boa présa de personalidades do mundo da cultura catalá, entre os que salientan os coñecidos: Lluís Llach, Joel Joan, Teresa Forcades, Sergi López, Arcadi Oliveres, Marina Rossell, Maria del Mar Bonet. Como era de esperar a sociedade civil catalá está a traballar activamente tanto no discurso configurativo como no propio proceso preconstintuínte do seu estado.

Os impulsores deste manifesto a prol dunha Catalunya libre e pacífica din querer contribuír ao debate en base á constatación de que o país ten unha cultura de raíz a favor do diálogo, o respecto e a cooperación dos pobos. De maneira que non cómpre reproducir estruturas que consideran obsoletas e negativas, como son os exércitos, e se debe optar de xeito decidido pola “seguretat humana i la pau” (a seguridade humana e a paz)

E digo que, como galego de nación e pacífico, me marabilla a idea de vivir nunha Catalunya independente e sen armas.

febreiro 07, 2013

O desafío español de asimilar Catalunya

Case debería comezar esta reflexión coas palabras Castelaoianas ( permítaseme semellante expresión ): “Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”. Referíase o devanceiro ao fracasado intento da secular estrutura política española de facer desaparecer o idioma nado das entrañas do pobo galego “Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencia, o noso idioma está vivo.” Sesenta anos despois do pasamento de quen isto escribía no Sempre en Galiza, constatamos que o idioma non morreu pero, malia que nos pese, está moi convalecente.

(imaxe do imperio español no século XVI)



Non así, para orgullo e autoestima do seu pobo, o idioma catalán. A revitalización da lingua catalá no seo da sociedade que habita o país veu da man da inmersión lingüística. A primeira aplicación do chamado Programa d'Immersió Lingüística (PIL) púxose en marcha no curso 1983-84 en dezanove escolas públicas de Santa Coloma de Gramanet, unha poboación cunha ampla maioría de rapaces castelanfalantes. Os bos resultados acadados confirmaron a oportunidade de estender a metodoloxía a outras escolas. No curso 1989-90 estaba presente en máis de 700 escolas, para finalmente constituírse no modelo educativo de todas as escolas públicas e concertadas, e moitas das privadas, de Catalunya no curso 1992-93. Tratouse logo dun proceso non improvisado, gradual, planificado e consensuado por unha ampla maioría da sociedade catalá ( preguntaron os do Ministerio que porcentaxe de pais e nais están a favor do modelo? preguntaron se hai escolas privadas en Catalunya coa dispoñibilidade de ofrecer cursos onde a lingua vehicular sexa o castelán? )

Españolizar aos nenos Cataláns, o ministro Wert dixit. E velaí a LOMCE que vén, entre outros, co mandado de pasar o catalán de lingua vehicular do ensino a lingua terceira, despois do castelán e mailo inglés, ao máis puro estilo da Xunta-feijooniana. En Galiza afastaron ao galego da centralidade do ensino, reducíndoo á lingua das Marías (nada de estudar matemáticas e física en vernáculo). En Catalunya téntano mais, todo me fai pensar que, como rezaba no cartel republicano:  
“Non pasarán”.