xaneiro 15, 2016

“Imos pouco a pouco porque imos lonxe”



“Imos pouco a pouco porque imos lonxe”, a CUP dixit mentres asistiamos 
ao dobre fracaso do intento de investidura de Artur Mas. 

Eran as primeiras semanas de novembro. Os votos favorables dos Cupeiros andaban caros. Non estaban en disposición de se vender por un prato de lentellas. O xornalista Enric Juliana defíneos con acerto como os “fraticelli”, os da austeridade franciscana, inmellorable ética para calquera político. Antes do episodio da investidura falida no Parlament, o grupo de Junts pel Sí vírase forzado, pola propia presión da CUP, a aprobar unha resolución na que se declaraba o "inicio da creación do estado catalán independente en forma de república", coa que os grupos independentistas pretendían encetar o proceso de ruptura co estado. Trátase de nove puntos que recollen en esencia, e coas correspondentes consecuencias, o recoñecemento dunha única soberanía, a que emana do pobo catalán, neste caso representado no Parlament de Catalunya, onde a maioría independentista é, a todas luces, ben clara ( 72 vs. 63). Non se acatarán as ordes das institucións españolas, particularmente as do TC. 

Nese intre alguén se puido preguntar: onde estaban as medidas sociais da ruptura ? E velaí que, antes de presentala a votación, se lle engadiu un necesario anexo de medidas sociais, coas que se pretenden dar resposta con carácter urxente á pobreza enerxética e ao problema da vivenda, e a medio-longo prazo garantir a sanidade, educación e liberdades públicas. De xeito inmediato a ser presentada e aprobada no Parlament foi tamén suspendida polo TC, previo recurso do goberno central. Estaba a dar comezo o xogo. Fracasada a investidura de Mas encetáronse as labazadas aos Cupeiros, acusados de seren traidores e atranco do “Procés”. Presión externa e mesmo nalgún caso interna para os que no teñen présa, lembremos: ”imos pouco a pouco porque imos lonxe”. Itaca sempre espera, hai tempo. Fagámolo si, pero sobre todo fagámolo ben : “Independència, Pobresa Zero, Prou Corrupció”, tres eixos para superar a tripla crise: nacional, socioeconómica e institucional. 

Con estas saíron os Cupeiros aos medios para dicir que "agora non son tan contundentes", deixando a porta aberta a unha posible investidura dun candidato de Junts pel Sí, xa veremos si mesmo será ou non Mas, e que deberá ser sometido a aprobación nunha xornada de debate nacional nos finais deste mes de novembro. Os que estades a ler este análise nos postremeiros días do ano pensade que foi escrita o 20N, cumpríndose corenta anos do pasamento de Franco, morte na cama do ditador que artellou a reforma do réxime teledirixida polo sucesor que el mesmo designara, el- Rei. Alguén que foi quen de aproveitar o seu-Reino para dotarse dos poderes e renome necesario para a practica dunha corrupción impune coa que encheu as súas alfándegas e as dos acólitos do novo réxime. Arredarse dese Reino e institucións podres na procura de fundar ex-novo unha república social, “de e para” as clases populares. Velaí o horizonte político dos Cupeiros que nós compartimos tanto para este pobo de Catalunya como para o noso de orixe, Galiza, e tamén para todos os pobos do mundo, porque o mellor dos mundos posibles será aquel no que todos os pobos se poidan gobernar sen seren sometidos nin á vontade nin aos intereses de ningún outro.