As obrigas laborais leváronme estes días pasados á cidade Suíza de Zürich onde fun sorprendido, alén de por moitas outras cousas, polo nome dun dos ríos que travesa unha parte desta cidade: SIHL. Decontado o meu pensamento bateu no río que co mesmo nome, SIL, está situado na Gallaecia histórica (o SIL travesa as agora chamadas provincias de León, Lugo e Ourense). Axiña pensei na lingua xermánica, concretamente na Suizo-alemá, que se fala neste cantón do país centroeuropeo, parente da que trouxeran con eles á Gallaecia romana os Suevos aló polo ano 411 da nosa era. Disque este pobo xermánico atravesara outro río, o RIHN (curioso o H colocado tamén entre a vogal e maila consonante para estes dous hidrónimos), na procura dun territorio onde asentar cando o imperio romano entraba de cheo no seu devalo. Roma entregáralles daquela a través dun pacto o territorio do noroeste da Hispania, a provincia que os mesmos romanos consolidaran como espazo diferenciado aló polo 285 d.C dándolle o nome de Gallaecia, sendo nesta provincia romana onde os Suevos fundaran a primeira entidade política diferenciada dentro do anterior imperio. O Reino Suevo tería sido deste xeito o primeiro estado emergullado e constituído no proceso de devalo e posterior desfeita do imperio romano. Disque os Suevos na Gallaecia trocaron as armas polos arados, a súa lingua polo latín e mesmo a relixión propia polo cristianismo. Debéronse sentir de tal xeito integrados que terían optado en moitos aspectos pola asimilación na daquela xa diferenciada nacionalidade galega. Porén, deixáronnos algunhas pegadas importantes. Velaí as toponímicas, ou neste caso hidronímicas, cal é o caso do SIHL, e tamén as xurídicas –mantiveron estruturas xurídicas propias que non proviñan do dereito romano- que foron sustento da independencia política que consolidaron case ao longo de dous séculos – serían completamente asimilados polos visigodos aló polo 585 d.C-. E no plano sentimental deixáronnos a posibilidade de sentirnos profundamente europeos polos trazos que podemos achar xunguíndonos a estes pobos fundadores do vello continente, dos cales nós tamén por historia e tradición formamos parte, sendo ademais pioneiros na península ibérica.