marzo 30, 2009

¡Miña naiciña, como están as cousas !

Pactos en Euskadi. Os chamados grandes partidos do estado, PSOE e PP –a tal grandeza debe ser polo número de votantes-, guíndanse chuzos de punta cada vez que poden. Por pórse, nin se poñen de acordo co plano económico que nos haberá sacar da crise. Ora ben, se do que se trata é de botar fóra ao nacionalismo das institucións entón a concordanza entre eles funciona de marabilla. E iso que un deles sempre defendera que debe gobernar a lista máis votada. As alternancias son a saúde da democracia. Cumpríalle o cambio a Euskadi, mais este semella tan a contra corrente que non sabemos se pagará a pena (e todo sen contar os disque máis de 100 mil votos que non tiveron candidatura que os representase).
Castelao, Piñeiro, Risco. Nunha entrevista a Xesús Alonso Montero nun xornal dixital lémoslle que el di crer que Castelao non militaría en ningún dos partidos parlamentarios de Galiza. E pensamos: ¡Que mal andan as cousas da representatividade política no país atlántico!, ¿ non si ?. Na mesma o profesor di ser un gran Piñeirista pois Piñeiro era católico, anti-comunista e galeguista, tres cousas que Montero non profesa. Maila iso acaba de rematar un libro de amor a Piñeiro. A retranca quédase curta. E de Risco sorpréndenos dicindo: “Eu sempre digo que afortunadamente non fun gobernado por Vicente Risco, que fun gobernado por Franco, que estaba á esquerda de Risco”. ¡Caraches!, ¿así de “facha” sería Risco?
Coches, luxos e promesas. O vindeiro presidente da Xunta, Feijoo, acusou a Touriño de luxo asiático. O coche oficial do xa ex-presidente parecía custar máis de 400 mil. Unha barbaridade. Disque é o mesmo modelo de Fraga. Mais Feijoo afirma contundente que el será un xestor austero e promotor da economía do país. Polo pronto soubemos que o coche que utilizou nos últimos tres anos na oposición era un préstamo dunha marca que si fabrica en Vigo, malia que el non o declarara a facenda. Alén diso tamén soubemos que o seu coche particular, gardadiño no garaxe, é un da mesma marca do oficial da Xunta. ¡Ai, Feijoo!, ¿serán verdade todas esas promesas?

marzo 10, 2009

Resaca electoral


Despois do 1 de Marzo o país andou de resaca electoral. Voces que tentan explicar o porqué do cambio. Voces que agoiran tempos difíciles para a identidade do país: a lingua e cultura propias. Houbo até unha “proposición para refundar Galicia enteira”. Título co que o escritor Manuel Rivas ceibaba nun coñecido xornal, uns días despois da cita, a súa reflexión ao redor do acontecido. Aló literalmente dicía: “Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América. Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova.” Ou sexa que teremos máis do mesmo. É dicir do de sempre. A Touriño (e a Quintana tamén) acusárono de practicar o neo-fraguismo. Algúns afirman que ese foi o principal erro do bipartito: continuar no esencial coas mesmas prácticas e políticas do tempo da Pax-Fraguiana. Supúxose que dende o poder, co control dos medios, do CERA e dos orzamentos habería un novo réxime. Mais non. A xente decantouse pola alternancia, esencia da democracia, que dixera alguén. Supomos que a pretensión de converterse no novo réxime do país pasará polas cabezas dos novos ocupantes dos despachos de San Caetano. Habemos ver, se optan pola democracia ou polo réxime. Presunción de inocencia. Rivas remataba o seu artigo deste xeito “Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.” Eu matizo, o morto trouxérono eles, os que agora rexeran o futuro do país. Sabían que Castelao no cemiterio de Chacarita alimentaba máis a esperanza que soterrado en Bonaval. Ritualizar a utopía até desfacela é unha práctica necesaria para o réxime, liberala e darlle pulo sería alimentar a democracia. Habemos ver. Presunción de inocencia. O primeiro termómetro: a decisión sobre o decreto do galego. Os da mesa xa advertiron que, de non respectarse, se botarán á rúa. E é que non está a cousa como para perder o pouco que se acadara.