
Poucos países do mundo dispoñen de excedentes enerxéticos. Galicia é un deles. O problema, porén, é que o propietario dese valioso excedente é unha man allea. O valor dos recursos galegos, ou cando menos unha parte de el, desa materia primeira extraída do territorio galego, debería revestir na economía e no desenvolvemento propios. Mais non é así. E porque non é así dicimos que
Galicia segue a estar, dende o punto de vista económico,
colonizada. E sabemos, dende os tempos de Marx, que a base material, a economía, soporta calquera outro mundo.
De xeito que a colonización se estende dende o xermolo económico deica o ámbito político, social e cultural. Cantas veces nos temos e nos teñen preguntado pola feble conciencia de seu do pobo galego. Velaí o cerne desa febleza: unha economía en grande medida de explotación sen retorno. Soubemos do berro español cando Catalunya (
Gas Natural) se quixo facer co control de
Endesa. ¿Qué será de nós?, laiábanse os Pizarro e compañía que foron quen de montar unha movida financeira e empresarial de “Santiago y cierra España” para que os cataláns non se fixesen co control enerxético español. Agora sabemos que os de Gas Natural lle botaron o ollo a
Fenosa, que controla e xestiona a maioría do excedente enerxético de Galicia. A compañía de orixe galega leva xa máis de vinte anos con sede en Madrid, arestora está en mans do accionista maioritario, ACS (que é o mesmo que dicir Florentino Pérez). Os de Gas Natural andan detrás de mercar a participación galega (ao redor dun 10% entre Caixanova e Caixa Galicia) xa que, segundo se di nos medios, xa pactaron un prezo de compra pola parte do accionista maioritario. O valor do excedente enerxético galego pasará de mans madrileñas a catalás e os galegos a velas vir mentres chega o soado e suposto estatuto de nación.
Xa pode haber mil estatutos que sen soberanía enerxética a nación estará, perdón pola expresión: Ben escarallada!
Ningún comentario:
Publicar un comentario