decembro 22, 2007

Españolismo e Lusismo: intereses comúns

A semana pasada Francisco Rodríguez demandaba ao executivo de José Luís Rodríguez Zapatero, a apertura da emisión libre da Radio Televisión Portuguesa (RTP) no territorio galego. A petición de Francisco Rodríguez é unha vella reivindicación arelada por todos os galegos e galegas que cremos nunha Galiza aberta ao mundo e universal, enxertada na península ibérica en pé de igualdade disposta a dialogar coas outras linguas e culturas para arrequecerse con elas. Especial relevancia teñen a lingua e a cultura portuguesas para nós galegos, simplemente polo feito que galego e portugués comparten unha orixe propia e son a ferramenta de comunicación dese espazo cultural formado por Galiza e mailo Norte de Portugal, a vella Gallaecia que hoxe se proxecta no futuro como eurorexión. Precisamente estes días a asociación cultural Ponte nas Ondas está a poñer en marcha de novo a campaña para obter o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade para o espazo cultural, histórico e lingüístico do galego-portugués: a Galiza e o Norte de Portugal. Esta loita polo recoñecemento e polo achegamento de Galiza e Portugal ten dous inimigos evidentes: chámanse españolismo e lusismo. O primeiro manifestábase, a través do líder da oposición nas Cortes de Madrid, Mariano Rajoy, dicindo que a el lle perocupa máis que o castelán estea ben protexido nas escolas das comunidades plurilingües. Pola súa banda o xefe do executivo, o socialista Zapatero, non desbotaba a petición do representante do BNG se ben aludía ás dificultades técnicas, xurídicas e económicas ¿A quen quere enganar o presidente do goberno español cando nos fala das devanditas dificultades en pleno século XXI? Non menos cambadelas han poñer na lusitana Lisboa, xa vimos o que están a facer co AVE Porto-Vigo, sempre moito despois do Lisboa-Madrid. Lembremos tamén que hai uns meses a UE designou a Badaxoz como a cidade onde asentar a sede do secretariado técnico que xestiona os programas de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal. Unha decisión impulsada dende Lisboa por mor de non dar pulo a calquera vontade autonomista de Oporto. Fixemos reflexión do feito neste invando vagalumes. E é que o españolismo e mailo lusismo teñen intereses comúns que pasan por frear o reencontro entre a Galiza e mailo Norte de Portugal.

decembro 13, 2007

Xardón, acivro, acibreiro, acebiño, acevo, acibeira ...

Na terra ancaresa hai moitos Xardóns, tamén chamado: acivro, acibreiro, xardón, acebiño, acevo, acibeira, acivreiro, acibra, acibreira, cebro, escornacabras, rascacú, vellebrán, xando, xardeira, xardo e xardón por suposto.
Comparto a reflexión da ligazón atopada en internet e fago rescritura dela aquí: "que no idioma galego teña tantos nomes, demostra varias cousas claramente: primeiro a importancia desta árbore para os galegos. Son moitos nomes e en moitos lugares. Segundo: a importancia da lingua galega, como unha lingua rica é única."
Fermosa árbore de folla perenne que forma parte do patrimonio natural de Galicia. É habitual nos lugares altos, resiste moi ben o frío, en Galicia á marxe da terra ancaresa tamén é común por exemplo en Cabeza de Manzaneda e en Chandrexa de Queixa.

decembro 05, 2007

Brasil, mostra a tua cara

Fiquei muito emocionado ao ver que no mapinha coa origem dos leitores do Invando Vagalumes aparecian puntinhos do Brasil. Lembrei entao aquela cançao, penso que de campanha eleitoral, a dizer: "Brasil, mostra a tua cara, quero ver quen paga para que a gente fique assim, ...".

E fiz este esforço por escreber (con segurança que con muitos erros) en Brasilero. Uma homenagem aos leitores Brasileros e uma homenagem para ese pais fermoso e incríble que é o Brasil, como diz a outra cançao: "moro, nun pais tropical, abençoado por Deus e bonito por natureza, mais que beleza, ohh la la, ohe, ee, ohh la la ... !!

novembro 20, 2007

Miguel de Cervantes Saavedra, ¿galego ou catalán?

Despois de observar que os da Fundació d'Estudis Històrics de Catalunya andan a defender a posible orixe catalana de Miguel de Cervantes Saavedra púxenme en disposición de enviarlles a seguinte misiva na que apunto argumentos a prol da orixe galega da figura fundadora da literatura castelá. A carta está en lingua catalana pero non vos traduzo porqué penso que é moi interesante para os que non tedes contacto con esta lingua que o teñades e que a coñezades. É unha lingua moi rica e de moitos matices, tanto lexicais como fonéticos. Vaia, un tesouro como o galego.

Srs. de la Fundació d'Estudis Històrics de Catalunya,

he vist en la seva web la referència que fan al possible origen català d'en Miguel de Cervantes Saavedra. És difícil realment defendre aquesta tesi des del punt de vista antroponímic tenint en compte que:

- Cervantes és un topònim gallec.
(El Concello de Cervantes és el primer situat a Lugo venint del Bierzo-León cap a Galícia.
En gallec Cervantes té un significat exprés: "Terra de Cervos").

- Saavedra és també d'origen gallec.
De fet Saavedra en gallec vol dir "sala vella", com Pontevedra vol dir "ponte vella".
Tot i que són formes en desús en el gallec actual, no així en el gallec de l'edat mitjana.
D'altra banda és sabut que el llinatge Saavedra és molt antic a Galícia.
Els hi recomano aquest l'article que hi ha a internet.

I també els estudis respecte de l'origen gallec de Miguel de Cervantes Saavedra (concretament origen a la província de Lugo), que va fer el genealogista Manuel Julio Platero Campo.

Tampoc perdin vostés de vista que el propi Miguel de Cervantes Saavedra, al començament del capítol trenta-nou de El Quijote diu:
"...en un lagar de las montañas de León tuvo principio mi linaje, con quien fue mas agradecida y liberal la naturaleza de aquellos pueblos todavía alcanzaba mi padre fama de rica, y verdaderamente lo fuera si así se diera maña a conservar su hacienda como se daba en gastarla...".

Aquestes muntanyes a les que fa referència serien les que hi ha entre el Bierzo-León i Galícia.

El propi Padre Sarmiento, com saben un dels grans ilustrats del segle XVIII, sentenciava:

"...Cervantes y Saavedra, no pudo ser su linaje primitivo del Reyno de León, sino del Reyno de Galicia...".

M'agradaria que tinguessin tota aquesta informació en compte alhora de fer un judici sobre la catalanitat de Miguel de Cervantes Saavedra, perqué realment seria un cop excesiu de ridiculesa que acabèssim defensant la catalanitat d'algú que tindria l'origen en una altra de les nacions sense status d'Estat de la península.

Segurament que si l'historiografia oficial espanyola no vol que es faci llum al voltant de la possible catalanitat de "Cristòfor Colom / Cristobal Colon" tampoc no vol que es faci llum al voltant de la galleguitat de "Miguel de Cervantes Saavedra", ara bé s'hi mofaria en veure una reivindicació historiogràfica que atribuïs una catalanitat errada a la figura fundadora de la literatura castellana.

Rebin una cordial salutació.

novembro 14, 2007

Cuixart é morto


Fágome eco do artigo de Méndez Ferrín sobre o pintor catalán falecido Modest Cuixart i Tàpies. De todo o aló referido, ben interesante, entresaco este paragrafiño que nos dá conta do coñecemento que tamén ten da vida cultural catalana Ferrín:

"... formou parte (últimos cuarenta/primeiros cincuenta) do grupo Dau al Set, que soa a Dada, barceloní e de expresión lingüística catalanizante. Como todos os seus membros (Tápies, J.J. Tharrats, Arnau Puig...) practicou unha sorte de biculturalismo francés-catalán, sen pasar pola alfándega de Madrid. Próximo a eles andaba o teórico e poeta Juan Eduardo Cirlot e dentro deles o xenial creador Joan Brossa, a quen tanto quixemos en vida. Lonxe, moi lonxe, os Goytisolo, Gil de Biedma, Barral...O surrealismo era unha vía tentadora na Cataluña con conciencia de ocupación militar desde 1939. "
Remata o artigo Ferrín con ton humano e fraternal: "Modest Cuixart foi un home profundo e próximo cuxa morte nos atristura".

novembro 08, 2007

O búlgaro que temía a Catalunya




Fago tradución do artigo de Pilar Rahola no Periódico de Catalunya

A escena é anódina. Chofer de hotel recolle hóspede para levar ao aeroporto de Madrid. Hóspede pregunta por tempo. Chofer pregunta procedencia. E, coñecidas as orixes, el, búlgaro, eu, catalá, o diálogo convértese nun impresionante furacán que descarrega medos e prexuízos sobre o meu santo país, a miña santa lingua e o meu menos santa paciencia. Barcelona é bonita, pero os nacionalismos son malos. Queren impoñer o catalán. España se rompe por culpa nosa. Na treboada, consigo abrir o paraugas e farfullo algunhas defensas, pero o meu amado búlgaro é un guerreiro forxado nas mellores mañás de COPE, e está blindado diante da capacidade sedutora do inimigo. Non hai discusión: os cataláns son intolerantes, perigosos secesionistas e fanáticos lingüístas, e o único bo é que Barcelona é bonita. El viría a traballar, pero en Barcelona hai cataláns. De xeito que lle aconsello vivamente que se quede en Madrid, que en Catalunya todos somos polacos e non búlgaros, e iso se paga. Remata: os nacionalismos son unha lacra para España. Cando lle digo que foron nacionalistas cataláns e vascos os que se puxeron ao encabezamento da loita pola democracia, lánzame unha mirada retadora, polo retrovisor: ademais de catalá, mentireira. Naturalmente, os seus coñecementos da nosa historia superan os meus. A educación bríndanos, finalmente, un desolado saúdo cando chegamos ao aeroporto. Ambos estamos deprimidos e cabreados. No avión leo a entrevista co presidente Montilla: "Catalunya non está nin deprimida, nin cabreada". Como eu, pero ao revés. Debe de ser que non coñecen o meu búlgaro. Sen embargo, o presidente ten razón. Catalunya continúa coas súas cousas, bastante allea á diana que lle puxo a España negra, a mesma que sempre a sobpuxo, a mesma que sempre a utilizou para azuzar o medo e o estómago. Pero a diana existe e está chegando ao delirio. Pensen no meu amado chofer. Naceu en Bulgaria e non fai moito tempo que está en España. Pero xa aprendeu o que é substancial: que os cataláns teñen cornos. Sen dúbida, a Brunete mediática é unha grande escola de integración.

outubro 23, 2007

Galegos na Diáspora


O fotoxornalista Delmi Álvarez que en 1990 encetou un extraordinario proxecto para fotografiarnos a nós, os galegos da diáspora, ofrécenos agora na rede este video que vén a ser un complemento do seu traballo fotográfico. Non nos cansamos de dar as grazas a Delmi polo seu traballo, por ter recollido de maneira tan extraordinaria eses rostros de homes e mulleres que habitan nos lugares máis variados do planeta. Mulleres e homes de Galiza no mundo. Aproveitamos tamén para lembrar aquí o monográfico e A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (I) editado polo Foro Cívico Galego de Barcelona, un traballo que achega un ollada diferente sobre a Galiza da diáspora.

outubro 17, 2007

Quen teme o Reintegracionismo ?

Sen sermos nós partidarios do reintegracionismo strictu sensu. Defendendo un espazo propio para a lingua galega, porque isto é defender tamén un espazo propio para Galiza no mundo, particularmente no mundo "Galusófono" onde temos o dereito e deber de existir, quédome do artigo publicado en vieiros por Mauricio Castro con título Quen teme o reintegracionismo?, coas seguintes propostas que eu fago miñas :

Ponhamos alguns exemplos:
- Que essência do nosso idioma se veria ameaçada pola difusom gratuita e generalizada dos meios de comunicaçom (televisons e rádios) portugueses no conjunto do território galego ?

- Porque a Administraçom autonómica nom segue os passos da estremenha, situando a Galiza à frente no ensino do português em escolas oficiais de idiomas e como segunda língua estrangeira no ensino secundário galego?

- Que impede inclusive incorporar o estudo do português como parte dos programas oficiais de Língua Galega nos diferentes níveis educativos, garantindo assim, em poucos anos, umha competência generalizada por parte de toda a populaçom galega?

- Seria tam difícil estabelecer acordos com administraçons e empresas informáticas, editoriais e audiovisuais para que a Galiza fique incluída na distribuiçom de materiais em português, que nos evitem pagar a portagem do espanhol para aceder a produtos culturais e tecnológicos de todo o tipo, já existentes na nossa língua?
Así que defendendo sempre a independencia de Galiza, a política e a lingüística, propoño eu tamén estas medidas de achegamento entre Galiza e Portugal, entre o Portugués e o Galego, como necesarias no proceso de consolidación dun espazo nacional propio onde o Galego teña tamén o seu lugar na "Galusofonía".

outubro 06, 2007

Vivamos como galegos

O anuncio de GADIS para a TVG representa un xeito positivo de vernos. Fainos ben falta a autoestima. Benvida sexa! Vivamos como galegos, que é un inmellorable xeito de vivir, e eu engadiría: sexamos e sintámonos orgullosos de ser galegos porque o noso país ten un patrimonio histórico, cultural e lingüístico que tamén é case inmellorable. Vivamos como galegos! Sexamos galegos!

setembro 21, 2007

Quen teme a literatura galega?


Volvemos a poñer información neste Blog despois dunha longa tempada sen facelo. Atopamos este artigo de Xavier Cordal en Vieiros, Quen teme a literatura galega? que ben nos fai entender que o espazo da literatura galega é un territorio liberado. Hai case 150 anos que que Rosalía, de quen atopamos este retrato diferente que encabeza a entrada pola rede, encetara cos seus Cantares Gallegos un proceso de liberación que está a piques de cumprirse plenamente: Galiza fai literatura de prestixio maiormente en galego. Sabemos logo que para liberar outros espazos han pasar anos, non desistimos e esperamos.

xullo 20, 2007

Avesedo e solleiro


Reiniciamos o contacto co noso blog do mesmo xeito que o iniciaramos hai un tempo. A palabriña é: avesedo -ou avesío -aadx-. Que non recibe, ou que recibe pouca, luz do sol [terreo].
  • "Neste lugar avesedo a xeada dura meses".
  • "No inverno a nosa agra é un avesío"
SIN. sombrío, sombrizo.
ANT. solleiro. Tamén s.m.

Gústame case tanto o antónimo: solleiro.
  • "Neste lugar solleiro de seguida marcha a neve"
  • "No verán no se para coa calor nesta agra solleira"

Unha aperta para todos os amantes das palabras. Sobre todo das palabras perdudas.

xuño 10, 2007

Homenaxe aos votantes


"A esquerda e o nacionalismo votante espera dos partidos vencedores unha política municipal contraria ao neoliberalismo", interesantísimo artigo de Méndez Ferrín sobre o resultado das municipaisen Galiza.

maio 31, 2007

Municipais en Cervantes


Cervantes - Lugo Resultados do 8 de maio de 2007

Total votantes ----- 1351 --- 58,84%
Abstención --------- 945 --- 41,16%
Votos nulos --------- 11 ---- 0,81%
Votos en blanco ----- 11 ---- 0,81%

Concelleiros a elixir: 9
Candidaturas ---- Votos -- Concelleiros

PSdeG-PSOE ---- 858 (64,03%) -- 6
PP --------------- 317 (23,66%) -- 2
BNG ------------- 154 (11,49%) -- 1

maio 18, 2007

Aprendendo catalán en Galiza


O meu amigo Eduard fixo moito por dar a coñecer a cuestión galega aquí en Catalunya e agora está a facer moito por dar a coñecer a cuestión catalá en Galiza. Para quen poida pensar que os galegos non están interesados en Catalunya velaí eses 20 alumnos que cada venres, despois de ir ben cansos das clases da semana, esperan por esas dúas horas que lles han permitir, co tempo andado, achegarse á lingua de Salvador Espriu e Miquel Martí i Pol, por citar a dous dos máis sobranceiros poetas da litaratura catalana. Eu acordo que foi aló polo 1980 cando, recén chegado a este país, empecei a aprender catalán nun Instituto dos Nou Barris de Barcelona. De especial lembranza a profesora de 3eiro de BUP que nos poñía poesias de Ausias March na voz do grande Raimón:

Veles e vents han mos desigs complir,
fahent camins duptosos per la mar.
Mestre i ponent contra d'ells veig armar;
xaloch, levant los deuen subvenir
ab lurs amichs lo grech e lo migjorn,
fent humils prechs al vent tremuntanal
qu·en son bufar los sia parcial
e que tots cinch complesquen mon retorn


maio 14, 2007

A roupa aínda está lenta

Velaí a outra acepción, a menos coñecida no galego, para a palabra lenta (o) en galego. "A roupa aínda está lenta"; é dicir que non secou aínda. Está humida a roupa, xa que logo deixarémola un anaco máis ao sol para que seque. Dinme que hai poucos días xente galega que vive fóra do país chegou a algún punto xeográfico da parte oriental de Lugo, e aló escoitaron a unha muller maior que dicía da roupa pendurada que estaba lenta. Non a comprendían. ¿Como pode estar unha cousa quieta lenta? Nin lenta, nin rápida. A explicación é evidente: o léxico galego dos maiores é moito máis rico e ao mesmo tempo raro para os galegos máis novos. O termómetro avisa de que algunhas cousas non van ben. Eu que ando na teima de resgatar as palabras da morte boto a andar na rede esta lenta(o) coa arela de que ao lentor da rede recupere folgos e forzas nas voces dos falantes que isto len. Lembrade que lentor tanto se pode empregar para falarmos de humidade ("o lentor da terra") como de calorciño ("o lentor da cociña").

maio 09, 2007

Xostrear (xostra) ou xostregar (xóstrega)

  1. "Collín unha xesta e metinlle unhas xostregadas", a frase escoiteilla, como non, a alguén de Ancares.
  2. No TILGA xostrear aparece só na obra de Don Ramón Otero Pedraio, O señorito da Reboraina.
  3. No Franco Grande, a xostra ou xóstrega é unha vara delgada. Velaí xostrear ou xostregar, que é a acción de pegar ou dar golpeas coa xostra ou xóstrega.

Parece estar ben recollida a palabriña. Así que non deberiamos desacougar. Cómpre engadir que non se debería confundir con xostro, que é o que se di de alguén que pasivo -o que agora dicimos como que non se inmuta-.

maio 04, 2007

"Nós tamén queremos ser multimillonarios"


(Imaxe: non é Marbella, non é Peñíscola, non é Salou, non é Lloret de Mar, ... si, si, trátase de Sanxenxo, tamén se pode empregar o termo "Sanjenjo" de Don Mariano que seica pasa o verán por aló)
A reflexión que nos achega Manuel Rivas neste artigo sobre a depredación urbana en Galiza déixanos en parte estarrecidos, ao comprovarmos cantos hai que queren vender o país a calquera prezo, e en parte esperanzados ao ver que moitos, e dende hai tempo, defenderon e defenden o lema de Galiza non se vende. Para uns o país -e o mundo enteiro- é un instrumento ao servizo dos seus intereses e para outros é algo que cómpre respectar por enriba do interese particular e privado. Até o de agora os que queren ser multimillonarios, e que xa seguro son millonarios, facían e desfacían ao seu xeito e enchendo os petos, pero este goberno estalles a botar un pulso. A cousa está que arde pero neste caso non teñen algo semellante ao monte que queimar, así que xa veremos por onde saen.

maio 01, 2007

Parques temáticos, ou como baleirar a identidade ao servizo do mercado

Calquera que teña ido a un destes parques temáticos que nacen e se reproducen coma cogumelos polo conxunto de Europa, nun inquedante arremedo do american way of life, terá percibido como neles se empregan determinadas identidades e elementos culturais como produtos de lecer -enterteiment- ao servizo do mercado. Estes días visitamos por primeira vez PortAventura, unha resistencia que durou preto de 14 anos tendo en conta que foi aló polo 1993 cando se inagurou este parque. Na distribución por temas do parque atopamos escenarios adicados, entre outros, á: Polinesia, México ou China. Supoño que poucos son os Polineses, Mexicanos e Chineses que visitan o parque aínda que algún debe haber. Digo eu se se preguntaran: ¿que ten isto que ver co meu país? Sobre todo porque entendemos e supomos que nada de nada. Curioso funcionamento da industria do lecer que precisa de elementos culturais e identitarios para despois baleiralos e poñelos á venda. Os elementos culturais, as identidades, funcionan para esta industria como os adobíos con que vender o produto. Tanto ten de que adobío se trata, abonda que teña unha boa dose de exotismo ou que teña sido elemento de guión cinematográfico (Far West, for instance). Ao cabo quen se diverte do que precisa é de que lle vendan o produto envurullado con musiquiña e outras cousas graciosas e excitantes nun exercicio de absoluta superficialidade. Un elemento necesario e central, o da superficialidade, no mundo do consumo. Unha visita a un parque temático é oportunidade para vermos e reflexionar sobre o mundo proposto polas world wide enterteiment enterprises: divírtanse e consuman que todos seremos felices.

abril 26, 2007

Queipo: o libro como eco colectivo

A Xavier Queipo hai que, sobre todo, lelo. Porque é un dos bos escritores que ten a nosa literatura. Agora vén de facer unha achega no portal de cultura galega onde reflexiona sobre a lectura e o libro como eco colectivo: "Hai tempo que sei que os meus libros non os escribo eu só. Como refería Siddhart Dhanvant Shanghvi no seu capítulo de agradecementos, non é infrecuente que moitos escritores sintan un abraio especial ao reler os seus escritos. Senten así na propia pel o eco dos que os precederon e, se esa licenza é permitida, daqueles que os van continuar. Quizais por iso, algúns autores –se cadra sabios, se cadra non- néganse a reler os seus textos, con resultados empobrecedores para futuros traballos." Fermosa reflexión de Queipo que nos achega a dimensión metafísica do oficio de escribir. Comparto plenamente o que di Queipo, porque escribir é sempre un exercico de trascendencia: isto é, de recoller do noso pasado e presente para poñelo no futuro. Tamén así é a vida.


abril 17, 2007

¿Por que vagalumes e non cagalumes?


Escribiume un amigo de meu nacido aquí en Barcelona, e de familia catalana, que anda por Santiago estudando Filoloxía Galega - o que xa ben di que se trata dun "rara avis"- para falarme dos vagalumes. Segundo me conta na clase estiveron estes días a darlle voltas á palabra “vagalume”. Falouse, explícame, das moitas maneiras que hai na Galiza para referirse a este bechiño que ten lume no cú, nomes como “lucecú”, “lucencú”, etc. Coido, isto dígoo eu, que unha vez nun artigo Manuel Rivas dixera que estaban contabilizadas no galego ao redor de cen formas diferentes para referisse ao bechiño. Díxose, segue a explicar o meu amigo, que a palabra “vagalume”, a pesar de ser xeograficamente moi pouco extendida, foi a que triunfou no estándar e na literatura por mor da súa expresividade e beleza. E é que, de feito, é un eufemismo de “cagalume” , como se di en moitos sitios tamén, aínda que “vagalume” é como máis fino. Entón, dime el, lembrou do nome deste deste blog de meu: fun pensando no teu “invando vagalumes”! Engade despois o meu amigo que tamén hai un detalle moi curioso: en Portugal a palabra máis extendida era “cagalume”, ata que un día os lingüistas portugueses, e non é broma, decidiron chamarlle “pirilampo”!, así inventando o nome coa unión dos termos piros (lume) + lampei (levar), do grego, é dicir, aquel animal que leva o lume; é moi curioso o que dá de si un vagalume, non si?, remata o meu amigo. Entón pregúntame cómo lle chamamos en Ancares: na aldea de miña nai cando menos, contéstolle, e que eu lembre coido que é "vella de noite". Sen dúbida fiquei agradecido coa achega erudita, ao redor da palabra vagalume, que o meu amigo me mandou. Tanto así que decidín compartila convosco.