Fago tradución do artigo de Pilar Rahola no Periódico de Catalunya
A escena é anódina. Chofer de hotel recolle hóspede para levar ao aeroporto de Madrid. Hóspede pregunta por tempo. Chofer pregunta procedencia. E, coñecidas as orixes, el, búlgaro, eu, catalá, o diálogo convértese nun impresionante furacán que descarrega medos e prexuízos sobre o meu santo país, a miña santa lingua e o meu menos santa paciencia. Barcelona é bonita, pero os nacionalismos son malos. Queren impoñer o catalán. España se rompe por culpa nosa. Na treboada, consigo abrir o paraugas e farfullo algunhas defensas, pero o meu amado búlgaro é un guerreiro forxado nas mellores mañás de COPE, e está blindado diante da capacidade sedutora do inimigo. Non hai discusión: os cataláns son intolerantes, perigosos secesionistas e fanáticos lingüístas, e o único bo é que Barcelona é bonita. El viría a traballar, pero en Barcelona hai cataláns. De xeito que lle aconsello vivamente que se quede en Madrid, que en Catalunya todos somos polacos e non búlgaros, e iso se paga. Remata: os nacionalismos son unha lacra para España. Cando lle digo que foron nacionalistas cataláns e vascos os que se puxeron ao encabezamento da loita pola democracia, lánzame unha mirada retadora, polo retrovisor: ademais de catalá, mentireira. Naturalmente, os seus coñecementos da nosa historia superan os meus. A educación bríndanos, finalmente, un desolado saúdo cando chegamos ao aeroporto. Ambos estamos deprimidos e cabreados. No avión leo a entrevista co presidente Montilla: "Catalunya non está nin deprimida, nin cabreada". Como eu, pero ao revés. Debe de ser que non coñecen o meu búlgaro. Sen embargo, o presidente ten razón. Catalunya continúa coas súas cousas, bastante allea á diana que lle puxo a España negra, a mesma que sempre a sobpuxo, a mesma que sempre a utilizou para azuzar o medo e o estómago. Pero a diana existe e está chegando ao delirio. Pensen no meu amado chofer. Naceu en Bulgaria e non fai moito tempo que está en España. Pero xa aprendeu o que é substancial: que os cataláns teñen cornos. Sen dúbida, a Brunete mediática é unha grande escola de integración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario