A semana pasada Francisco Rodríguez demandaba ao executivo de José Luís Rodríguez Zapatero, a apertura da emisión libre da Radio Televisión Portuguesa (RTP) no territorio galego. A petición de Francisco Rodríguez é unha vella reivindicación arelada por todos os galegos e galegas que cremos nunha Galiza aberta ao mundo e universal, enxertada na península ibérica en pé de igualdade disposta a dialogar coas outras linguas e culturas para arrequecerse con elas. Especial relevancia teñen a lingua e a cultura portuguesas para nós galegos, simplemente polo feito que galego e portugués comparten unha orixe propia e son a ferramenta de comunicación dese espazo cultural formado por Galiza e mailo Norte de Portugal, a vella Gallaecia que hoxe se proxecta no futuro como eurorexión. Precisamente estes días a asociación cultural Ponte nas Ondas está a poñer en marcha de novo a campaña para obter o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade para o espazo cultural, histórico e lingüístico do galego-portugués: a Galiza e o Norte de Portugal. Esta loita polo recoñecemento e polo achegamento de Galiza e Portugal ten dous inimigos evidentes: chámanse españolismo e lusismo. O primeiro manifestábase, a través do líder da oposición nas Cortes de Madrid, Mariano Rajoy, dicindo que a el lle perocupa máis que o castelán estea ben protexido nas escolas das comunidades plurilingües. Pola súa banda o xefe do executivo, o socialista Zapatero, non desbotaba a petición do representante do BNG se ben aludía ás dificultades técnicas, xurídicas e económicas ¿A quen quere enganar o presidente do goberno español cando nos fala das devanditas dificultades en pleno século XXI? Non menos cambadelas han poñer na lusitana Lisboa, xa vimos o que están a facer co AVE Porto-Vigo, sempre moito despois do Lisboa-Madrid. Lembremos tamén que hai uns meses a UE designou a Badaxoz como a cidade onde asentar a sede do secretariado técnico que xestiona os programas de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal. Unha decisión impulsada dende Lisboa por mor de non dar pulo a calquera vontade autonomista de Oporto. Fixemos reflexión do feito neste invando vagalumes. E é que o españolismo e mailo lusismo teñen intereses comúns que pasan por frear o reencontro entre a Galiza e mailo Norte de Portugal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario