Velaí o título dunha das últimas publicacións do teólogo galego Andrés Torres Queiruga. O libro publicado pola editorial Galaxia en 2012 veu ás miñas mans grazas ao agasallo do benquerido amigo Eduard del Castillo Velasco, catalán de orixe e poeta en lingua de noso. Recollo nesta primeira entrega unha reflexión que nos achega Queiruga neste ensaio e que, eu penso, todo cristián que se teña por tal debería entender e asumir: velaí a contradicción entre a infinita misericordia de Deus e os milagres ( ou favores que Deus concedería). Si, acotío pregámoslle a Deus para que nos manteña fóra do mal ( físico, material, espiritual ), interpretando deste xeito a relación entre Deus e nós de maneira transaccional; vimos a dicirnos: se eu rezo e prego, se eu son un bon cristián que cumpre coa túa lei Señor, espero, en troques, que ti me protexas. Velaí unha maneira de enfocar a fe, e maila práctica relixiosa desta derivada, de xeito errado se non temos en conta un dos elementos centrais da súa esencia: a súa infinita misericordia, o amor infinito e incondicional que profesa por cada un dos seus fillos por igual e sen diferencias. Porque entendamos, alguén que ama sen límite e a todos por igual non pode concederlles favores a uns ( repartirlles prebendas ) e non aos outros. Xa que logo, a maneira de pensarmos a Deus e a súa intervención na vida de noso e na historia da humanidade debe ser radicalmente diferente. Él está pero non intervén senón que soporta. Constatamos que o mal está presente na natureza e na sociedade, habendo mal natural colectivo (inundacións, terremotos,...), mal natural individual (eivas, doenzas, ...), mal social tamén individual e colectivo (violencia, guerras, crimes, ...) este último causado en xeral no exercicio da propia liberdade humana e o primeiro polos propios límites da realidade natural. Recollo aquí as palabras de Queiruga, no mencionado ensaio, verbo da peliaguda cuestión teolóxica exposta: "Xusto porque Deus nos quere e nos respecta, ten que soportar que aos seus fillos e fillas lles pase todo isto (¿ non o fan tamén o pai ou nai humana, que non queren afogar aos fillos cunha superprotección que non lles permitiría ser ?). Pero sopórtao connosco e contra o mal, animándonos, apoiándonos, envolvéndonos en sentido e esperanza". Só engadir, tamén alguén así é o Deus en que eu creo.
maio 31, 2015
maio 06, 2015
"Eu imbo, que non teño dentamia"
Arredados dos centros a nosa vida transcorre nas marxes, onde nada se decide e todo é marxinal ( Hai que ter presente que a felicidade habita nas marxes !!). Só dispoñemos do tempo que pasa e non deixará de pasar. O tempo xusto que mide coa mesma vara a nosa estancia "marxinal" e aqueloutra "central". Se cadra imos camiño de algures ou, se cadra, mesmo de ningures ( Ten algún sentido a historia ?) Nese espazo do ren abrimos a boca para invar (ou imbar) os vagalumes que a noite ha parir na escuridade. Esas luciñas de esperanza que escintilan no medio do baleiro e do orballo da noite. As luciñas da esperanza para unha palabra, unha palabra perdida na boca dunha anciana ancaresa que partiu para o alén a finais do século pasado deixándonos esta estraña e anterga herdencia: unha palabra, botada no ar, dita para quen se queira facer con ela. "Eu invo (ou imbo), que non teño dentamia". E agora nós, tirados pola fonda voz que a proferira botámola a andar neste imprevisible mar telemático para que non sexa esquecida. Xa que logo, convidados quedades a invar (ou imbar), mesmo que sexan vagalumes. Serán, se cadra, esas vellas da noite as que agochen a resposta deste misterio que chegado aos nosos días aínda non dixo a súa derradeira palabra.
abril 28, 2015
Galeano, in Memoriam
Agora que o escritor, xornalista e axitador de consciencias uruguaio Eduardo Galeano nos deixou, permítome recuperar aquí a refeita dun texto publicado hai anos neste Blog adicado a el. Dicía entón que caera nas miñas mans o “Libro dos Abrazos” Débolle o achado a Martí Aviñoá, compañeiro e colaborador do programa de radio “Galiza algo máis” que se emite na emisora de http://www.sants3radio.cat/ da cidade de Barcelona os sábados de 5 a 6 da tarde. Neste libro de curtas profundas achei referencias directas a Galicia, e tamén reflexións aplicables a ese país de noso que constantemente se autoagasalla con esquecemento e colonialismo invisible.
O río do esquecemento. Deste xeito titula Galeano unha das súas curtas reflexións. Fai mención nela a que nunha ocasión visitara Galicia e contáranlle o motivo polo cal as tropas romanas non quixeran, nun primeiro contacto, travesar o río Limia (Lethes): o medo a perder a memoria, non saber quén es nin de ónde vés. Os galegos, que emigrados en latinoamérica poñían os nomes das súas aldeas e lugares de orixe aos seus negocios, di Galeano, despois de ficar sorprendido coa numerosa toponimia latinoamericana dos nomes das tabernas e bares, “de volta na súa terra de orixe nunca esqueceran nada. Nin cando marcharon, nin cando volveron; nunca esqueceran nada. Agora tiñan dúas memorias e tiñan dúas patrias”. Debe ser certo iso de que os galegos temos dúas, e tres, e até máis patrias. Somos uns saudosistas dos lugares onde moramos e que co tempo fican atrás. A todos os levamos en parte no corazón. Se cadra é o panteísmo ancestral que corre polas nosas veas quen nos fai estimar a terra vivida. Mágoa que só entedamos da nosa condición única cando estamos eso que se di, como tópico, "lonxe da terra".
Colonialismo invisible. Como latinoamericano Eduardo Galeano entende ben de colonialismos. “O colonialismo visible mutílate sen disimulo: prohíbeche dicir, prohíbeche facer e prohíbeche ser. O colonialismo invisible, en troques, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza: convéncete de que non se pode dicir, non se pode facer, non se pode ser”. En Galicia tradúcese nesa esa voz interior que di: non se pode dicir nin facer en público en Galego, non se pode ser, por riba de todo e antes que nada, Galego. Ese colonialismo invisible, ese colonialismo interior, é a nosa gran doenza contemporánea, arestora e de novo instalada na máxima institución que dirixe o noso destino. Pasaron os séculos dende a súa chegada e non nos damos desfeito del.
marzo 17, 2015
A terra é rica, nós pobres II
Fago aquí refeita dunha entrada publicada hai uns anos. O título está tomado do primeiro poema -após limiar- do poemario
Seraogna de Alfonso Pexegueiro . Como entradiña a ese poema Pexegueiro cita:
Seraogna de Alfonso Pexegueiro . Como entradiña a ese poema Pexegueiro cita:
! Non veñades con frautas ou mulleres cando
o fastío se apoderou dun home !
É unha grande seca o que fai sufrir,
os mananciais do corpo foron entoñados
pola area e só unha treboada poderá liberalos
Artur Lundkvist (*)
Daquela, van aló uns nove anos, e a propósito da emigración / expulsión / exilio de noso, fixera este texto que agora refago e boto de novo a andar.
Disque axiña virán os tempos
de marchar. De xeito que todo cando agora estamos a facer, toda esta loita titánica de traballo a man que malla e serra madeira de sol a sol e día tras día, non vai impedir o que é inevitábel. Atrás quedarán os
camiños percorridos, as calores e fríos que soportou o corpo e tamén os amores ostentados. Atrás o tempo
adolescente e atrás esta fala de noso enxebre . Todo ficará atrás, a penas atesourado nun
recuncho da memoria. Axiña, aínda que non o pensemos, aínda que non o desexemos
nin o soñemos, axiña virán os tempos de marchar. Todo empurra
nesa dirección. Aquí o único que temos é un anaco de terra e brazos. Nada e
ninguén máis. Marcharemos, como xa levan feito centos, milleiros antes ca
nós. Viviremos a ilusión de comezar de novo nalgún outro lugar, de gañar cartos
e de progresar. Co pasar dos anos abordaranos unha estraña
mágoa, unha dor de peito , un sentimento de perda irreversíbel por todo o tempo
roubado, o tempo pasado fóra do lugar de noso, o amado, o natural lugar ao que
pertencemos. E así, se cadra, chegaremos a vellos e non quedará tempo de máis. A
penas, talvez algún para comprender que somos fillos dunha
inxustiza que ninguén endexamais reparará.
febreiro 26, 2013
Catalunya, independente e sen armas
Non
se trata de acadar a independencia (ou mellor dicimos soberanía?)
para calquera forma de estado. Non. Trátase de que cando Catalunya
acade a súa plenitude nacional se constitúa nun novo estado sen
exército. Un estado sen armas. O
colectivo “Pau
i treva”
(Paz e tregua) fará público mañá o manifesto “Catalunya
per la seguretat humana i la pau', cadrando
co aniversario da morte de Gandhi -30 de xaneiro de 1948-, no que
promove que a formación do novo estado catalán prescinda do
exército.
A proposta antóllasenos complicada no seo da Europa militar vencellada
á OTAN, pero abofé que cómpre que a utopía turre da realidade
para transformala, pois tamén semellaba un imposible a independencia
e o pobo catalán está máis preto ca nunca, se botamos ollo aos
seus últimos trescentos anos de historia, de chegar ao utopos
por tanto tempo arelado. E se tan pretiño se anda de acadar o
desexo, porque non comezar a pensar dende xa nunha arela aínda máis
plena: a dunha Catalunya estado e sen armas.
Asinan o tal manifesto
unha boa présa de personalidades do mundo da cultura catalá, entre
os que salientan os coñecidos: Lluís Llach, Joel Joan, Teresa
Forcades, Sergi López, Arcadi Oliveres, Marina Rossell, Maria del
Mar Bonet. Como era de esperar a sociedade civil catalá está a
traballar activamente tanto no discurso configurativo como no propio
proceso preconstintuínte do seu estado.
Os
impulsores deste manifesto a prol dunha Catalunya libre e pacífica
din querer contribuír ao debate en base á constatación de que o
país ten unha cultura de raíz a favor do diálogo, o respecto e a
cooperación dos pobos. De maneira que non cómpre reproducir
estruturas que consideran obsoletas e negativas, como son os
exércitos, e se debe optar de xeito decidido pola “seguretat
humana i la pau” (a
seguridade humana e a paz)
E
digo que, como galego de nación e pacífico, me marabilla a idea de
vivir nunha Catalunya independente e sen armas.
febreiro 07, 2013
O desafío español de asimilar Catalunya
Non
así, para orgullo e autoestima do seu pobo, o idioma catalán. A
revitalización da lingua catalá no seo da sociedade que habita o
país veu da man da inmersión lingüística. A primeira aplicación
do chamado Programa
d'Immersió Lingüística (PIL) púxose
en marcha no curso 1983-84
en dezanove escolas públicas de Santa Coloma de Gramanet, unha
poboación cunha ampla maioría de rapaces castelanfalantes. Os bos
resultados acadados confirmaron a oportunidade de estender a
metodoloxía a outras escolas. No curso 1989-90 estaba presente en
máis de 700 escolas, para finalmente constituírse no modelo
educativo de todas as escolas públicas e concertadas, e moitas das
privadas, de Catalunya no curso 1992-93. Tratouse logo dun proceso
non improvisado, gradual, planificado e consensuado por unha ampla
maioría da sociedade catalá ( preguntaron os do Ministerio que
porcentaxe de pais e nais están a favor do modelo? preguntaron se
hai escolas privadas en Catalunya coa dispoñibilidade de ofrecer
cursos onde a lingua vehicular sexa o castelán? )
Españolizar
aos nenos Cataláns, o ministro Wert dixit.
E
velaí a LOMCE que vén, entre outros, co mandado de pasar o catalán
de lingua vehicular do ensino a lingua terceira, despois do castelán
e mailo inglés, ao máis puro estilo da Xunta-feijooniana. En Galiza
afastaron ao galego da centralidade do ensino, reducíndoo á lingua
das Marías
(nada de estudar matemáticas e física en vernáculo). En Catalunya
téntano mais, todo me fai pensar que, como rezaba no cartel
republicano:
“Non pasarán”.
“Non pasarán”.
decembro 13, 2012
Catalunya: comunidade nacional en marcha
Os
cidadáns de Catalunya vivimos con abraio as declaracións, actitudes
e outros que proveñen de España. De feito hai tempo que esas
reaccións nos sorprenden e nos magoan. Por iso, pensamos, estamos
onde estamos. Hai tempo, se cadra dende que o goberno tripartito,
encabezado polo president
Maragall, puxese en marcha a ampliación do autogoberno co Nou
Estatut,
incorporando un trato fiscal xusto, que o que provén de España
resulta sempre un atranco, un pesar, un insoportable. Foi o president
Montilla quen falou de desafección, un desapego que día tras día
se consolida. Un afastarse que non coñece de identidade nin de
clase, e que afecta de xeito transversal a toda a sociedade catalá.
Todo
mundo entende ben que os que máis achegan a un común non poden
ficar, despois do reparto, por debaixo dos que menos aportan. Un
trato inxusto que sufrimos os cidadáns de Catalunya no cotián dos
nosos días cando nos achegamos aos servizos públicos; e todo ao
tempo que nos toca escoitar, aínda por riba, as voces que chegan da
península: insolidarios, egoístas, avaros. E así, día tras día,
semana tras semana, meses e anos. E así, para rematar onde estamos:
queremos administrarnos, queremos decidir o que facer cos nosos
recursos. Somos una comunidade nacional na defensa dos nosos
intereses para o cal precisamos de plena soberanía. Nunca antes, dos
trinta e dous anos que levo vivindo neste país, percibín a tanta
xente, de tan diversa orixe e condición social e política, tan
cohesionada como no convencemento de que Catalunya ten o dereito e
maila obriga de decidir.
novembro 11, 2012
Feijoó vén unha vez máis a Catalunya na procura dos votos
( Foto recollida do xornal dixital Praza Pública )
O presidente da Xunta de Galicia soe visitar Catalunya sempre que hai que arrepañar votos para as candidaturas locais do PPdC. Xa o fixera no ano 2009, daquela, recollímolo tamén aquí, andabamos nos pretempos das municipais, e tamén visitara o Centro Galego de Barcelona acompañado de Alberto Fernández Díaz, representante do PPdC no concello de Barcelona. Agora faino na campaña das autonómicas catalás, acompañado de Alicia Sánchez Camacho, candidata á presidencia da Generalitat polo PPdG. Feijóo fai discurso poñéndose como exemplo de boa xestión e austeridade fronte ao dispendio de Mas ( él é o que si paga as facturas ), e pidindo o voto da liberdade das persoas, fronte aos discursos territoriais. De calquera xeito iso de que o presidente da Xunta sempre apareza polo Centro Galego de Barcelona en campaña electoral e acompañado polos membros locais do PPdC fainos, máis ou menos intuír, cal é o interese do presidente Feijóo por achegarse á comunidade galega de Catalunya.
xullo 21, 2012
Galician Language: Pride and Survival
( Foto de promoción do programa de radio Galiza algo máis que se emite todos os sábados de 5 a 6 da tarde en Sants3Radio)
Chegoume este interesante video desde os Cadernos de comunicación. Velaí a entrada que vos remitirá ao video. Hai un labor importante de dar a coñecer a nosa problemática lingüístico-cultural e nacional ao mundo, e velaí que este video contribúe.
Chegoume este interesante video desde os Cadernos de comunicación. Velaí a entrada que vos remitirá ao video. Hai un labor importante de dar a coñecer a nosa problemática lingüístico-cultural e nacional ao mundo, e velaí que este video contribúe.
maio 12, 2012
Paz Andrade en Sant Martí de Provençals
O pasado 4 de Maio a Fedelcat (Federación de Entidades Galegas en
Catalunya) celebrou o Día das Letras Galegas 2012 cun acto
institucional na sede do distrito de Sant Martí de Provençals, o
segundo máis poboado dos dez que compoñen a cidade. O acto
central, no Salón de Plenos do distrito, era a conferencia que,
baixo o título de “O Galeguismo emprendedor de V. Paz Andrade e a
crise da nación-cultura Galega no espello da Catalunya actual”,
pronunciaría o profesor-investigador de Filoloxía galega na
Universitat de Barcelona e presidente do Foro Cívico Galego de
Barcelona Camilo Fernández Valdehorras. Coa presenza e presidencia
no acto de Eduard Freixedes i Plans, rexedor do distrito, e de
Domingo Balboa, presidente da Fedelcat, Camilo Valdehorras disertou
ao redor da figura social, política e literaria de Valentín Paz
Andrade a quen este ano está adicado o Día das Letras. O profesor
Valdehorras debullou a polifacética figura de Paz Andrade, un home
que exerceu con éxito, proxección e pegada social as múltiples
actividades nas que se implicou. Soubemos que foi un importante
xurista que axudou ao desenvolvemento da industria pesqueira de Vigo,
mesmo dirixindo a revista Industrias Pesqueras (1942), e sendo un dos
impulsores e vicepresidente (1960) do grupo industrial Pescanova que
se converteu na primeira compañía armadora europea con buques
conxeladores. Iniciárase na súa etapa formativa no movemento
galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de
Compostela (1919), sendo daquela colaborador no xornal Gaceta de
Galicia. Con posterioridade fundaría e dirixiría o xornal o
galeguista Galicia, entre 1922 e 1926, ano en que foi pechado pola
ditadura de Primo de Rivera. Á caída da ditadura presidiu o Grupo
Autonomista Galego (1930),
que constituía o núcleo do galeguismo en Vigo e que se integraría
no Partido Galeguista (1931), do que foi dirixente e secretario
(1934). Participou tamén na redacción do anteproxecto do Estatuto
de Galicia, presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931). Co
estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura Franquista padeceu
desterros e encarceramentos diversos debido aos seus artigos e
posicións políticas. Coa recuperación da democracia formou parte
da Xunta Democrática e da Comisión dos dez, na que foi firme
defensor da condición de nacionalidade histórica para Galicia na
constitución española de 1978. Unha idea abranguía o pensamento e
maila acción política de Paz Andrade, a do vencello entre
galeguismo e progreso, idea da que foi impulsor e exemplo, fundando
empresas de éxito que levaban na marca a identidade do País. A
Galicia impulsada, proxectada e arelada por Paz Andrade fica hoxe, en
comparanza coa Catalunya contemporánea, en crise social,
demográfica, económica e identitaria. Os datos amosados na
conferencia son neste senso demoledores. Ningún galego consciente
é alleo á crise nacional na que se encontra o país. No percorrido
polas letras de Paz Andrade, Camilo Valdehorras nos levou, no remate
do acto, ao Pranto Matricial: O que todo galego choraría. Título
dun poema e unha realidade para os tempos contemporáneos de Galicia.
Aínda que a vida e exemplo deste senlleiro galeguista convidan a
erguerse, máis unha vez, e seguir co noso camiño de liberación
nacional.
decembro 19, 2011
Veig la mort sense cap por ( Vexo a morte sen medo ningún )
Son estas as palabras contundentes dunha relixiosa galega asentada dende hai moitos anos en Catalunya e que non deixa de ser unha testemuña da tranquilidade, convicción e esperanza lúcida coa que moitas persoas do mundo da fe enfrontan o definitivo desenlace final da vida. Aquí deixo a ligazón á nova no xornal dixital relixioso editado en lingua catalá: Catalunya Religió.
novembro 02, 2011
A Aldea Global Galega (AGG) nas ondas catalás
Precisa Galicia, como identidade e lingua-cultura diferenciada, ter unha maior proxección alén do territorio de seu ? Aínda máis, precisa como cultura e identidade en construción, recibir as achegas doutros pobos e culturas do mundo? Responder de xeito afirmativo a calquera destas dúas cuestións leva implícita unha outra: que capacidades pode ou debe aproveitar para isto? Unha delas, se cadra a máis potente e tamén a máis desaproveitada, é a diáspora galega. Moito se ten falado da devandita e pouco, polo que me consta, estudado na súa complexidade e amplitude, sobre todo no que atinxe á súa realidade contemporánea (1). Ben seguro que se a Galiza territorial tivese unha maior conciencia de seu incluiría no currículo escolar o estudo da súa diáspora, arestora unha gran descoñecida. Necesario se temos en conta que os pobos sen memoria de seu teñen moitas dificultades para afrontar o futuro con garantías da man dun proxecto propio.
A actual Aldea Global Galega (AGG) é diversa e complexa. En Catalunya habita un anaco da mesma, sendo os Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC - http://www.ergac.org/) un dos arquipélagos que conforman esa AGG. Fundados a comezos dos noventa por un grupo de emigrantes que pretendían en grande medida recrear o mundo do territorio natal e da crianza ao redor dos costumes e do folclore, foise transformando pouco a pouco nunha entidade ao redor da cal se vinculan persoas de orixes, identidades e culturas múltiples, que manteñen algún vencello coa realidade e/ou a cultura galegas, e que comparten a idea-sentimento de que unha boa maneira, entre outras, de arrequecer a sociedade de acollida, neste caso a catalá, é achegarlle os contidos e creacións propios da identidade e da lingua-cultura de Galiza. Programas radiofónicos (arestora tres na cidade de Barcelona), e un voceiro bimensual ( A Micro Pechado ) onde a través das linguas propias se estabelece un diálogo coa vontade de crear un espazo senlleiro (galegocatalán / catalangalego) onde a sociedade catalá reconstrúe a súa identidade coa achega única dunha cosmovisión galeguizada. No canto do asimilismo despersonalízante e do gueto reaccionario, ERGaC propón para as dúas culturas que se encontran, catalá e galega, o valor engadido da integración á par recollida no seo dunha identidade múltiple sen complexos. O modelo é, así o cremos, extensible a outros espazos onde a lingua-cultura galega entra en contacto coas outras da sociedade de acollida.
Pero a diáspora galega non só pode e debe ser ferramenta de proxección da lingua-cultura galega, senón tamén lugar de recreación e recuperación de Galiza entendida como a lingua-cultura que conforma un espazo universal propio, unha Aldea Global Galega (AGG), que se arrequece en calquera recuncho do planeta a través da súa interacción co resto de linguas e culturas do mundo. Ao cabo a identidade non se define polo espazo territorial ou a vinculación étnica ao mesmo, senón pola voluntaria adhesión á identidade construída ao redor da lingua-cultura común.
Mágoa que escaseen, por non dicir que sexan inexistentes, as políticas culturais da Galicia metropolitana na dirección de proxectar e promover unha auténtica e potente AGG, perdéndose deste xeito unha das grandes oportunidades da Galiza contemporánea para abandonar o embiguismo territorial que segue a fornecer unha ideoloxía a miúdo provinciana e colonizante.
(1) O estudo máis interesante e completo que coñecemos sobre a diáspora galega contemporánea: “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (I)”;Caderno de pensamento cívico n.2 da revista reNOVA GALIza editada polo Foro Cívico Galego de Barcelona. Xullo 2006.
setembro 29, 2011
¿ Celebremos Galiza e Catalunya respectando España ?
( O artigo foi feito para o 25 de xullo, Día da Patria Galega, a foto tomada na celebración da Diada Nacional de Catalunya, o 11 de setembro )
Moitas veces cando as lingua-culturas non plenamente recoñecidas, marxinalizadas, tentamos ben que se celebre, ben que se faga recoñecemento do noso, sentimos as voces externas que censuran de embiguista este comportamento. Decatámonos de que, en xeral, aqueles que nos censuran son os mesmos que celebran o seu con normalidade. Velaí a actitude do colonizador dominante: salientar o seu e desprezar aos que sobreviven baixo o seu poder. Dende as culturas asoballadas non debemos caer no mesmo erro respecto á nosa consideración das culturas dominantes.
Moitas veces cando as lingua-culturas non plenamente recoñecidas, marxinalizadas, tentamos ben que se celebre, ben que se faga recoñecemento do noso, sentimos as voces externas que censuran de embiguista este comportamento. Decatámonos de que, en xeral, aqueles que nos censuran son os mesmos que celebran o seu con normalidade. Velaí a actitude do colonizador dominante: salientar o seu e desprezar aos que sobreviven baixo o seu poder. Dende as culturas asoballadas non debemos caer no mesmo erro respecto á nosa consideración das culturas dominantes.
O día que isto escribo, 18 de xuño, o español celebra o seu día, chamado día E, no que, entre outras actividades, se leva a cabo unha choiva de palabras e a selección dunha delas. Todo isto se fai cun despregue de medios de tal magnitude que abrangue a maior parte do planeta a través dos 78 Institutos Cervantes distribuídos en 44 países dos cinco continentes – acaso alguén dixo que o español non está subvencionado? E a min paréceme ben que por parte do estado e da cidadanía español-falante así se faga. Do mesmo xeito que, entendo, lles debería parecer ben que nós fagamos a celebración da lingua galega, neste caso de xeito dabondo máis humilde en medios e capacidades xusto un mes e un día antes: 17 de maio. Un día e ano que cada vez adicamos a unha figura das nosas letras; desta tocoulle a Lois Pereiro, posuidor dunha suxerinte e inquietante voz poética.
A nosa festa das letras parte da consciencia de que as nosas capacidades son menores, pero non así a dignidade e altura do que celebramos, porque unha lingua-cultura non se mide nin polo orzamento do que dispón, nin polo número de persoas que abrangue, senón pola consciencia, a paixón e o amor dos seus celebrantes. Vén aquí a conto, se me permitides, a parábola cristiá: "Onde dous ou tres se reunen no meu nome, alí estou eu no medio deles" (Mt 18,20). Xa que logo, habémonos seguir xuntando; a vindeira, o 25 de xullo, para celebrarmos a lingua-cultura política, o día da nación política necesaria da que precisamos para consolidármonos como país na súa plenitude. Ese mesmo día tamén se celebra o patrón das Españas, e aínda que en parte concibido de xeito contrario aos nosos intereses habémolo respectar, entre outras cousas, porque aspiramos tamén a ser respectados na reivindicación e celebración da nosa patria.
abril 21, 2011
Ser ou Ter: Prazas de Touros e Centro Comerciais.
Disque cada tempo ten os seus templos, espazos onde a xente acode a celebrar os ritos. Hoxe o rito por excelencia chámase consumo, e os templos centros comerciais. A que outrora fora a Praza de Touros das Arenas de Barcelona é agora un moderno e xenuíno centro comercial. Hai trinta ou corenta anos nese espazo a xente dábase cita para experimentar as sensacións e sentimentos que nela espertaba o enfrontamento entre un home, o toureiro, e un animal, o touro de lida. Un rito convertido en espectáculo que recreaba en parte o home que tivemos que ser nun tempo anterior, cando a loita contra o animal era central na subsistencia. Un rito, o taurino, ao que só lle pode recriminar, ao meu entender, o sufrimento co que se asoballa ao animal durante a lida, nin tan sequera a morte que tamén se dá, por mor das esixencias subsistenciais humanas e outras non tan necesarias pero si para os mercados, en moitas e variadas especies en moitos e diversos lugares.
No rito do consumo celébrase o inmediato posuír, a merca do obxecto que debería producir a satisfacción e o benestar da necesidade –real ou creada- cumprida. No rito da lida celébrase o inmediato sentir: as sensacións e sentimentos que producen a expectación diante do risco mortal, en combinación coas formas estéticas, da lida do home fronte á besta. Sentir, que como ben podemos entender, vai máis vencellado a Ser ca Ter. ¿Ter ou Ser? (To Have or to Be?), título do ensaio onde sobre as diferenzas psicolóxicas e psicosociais de ambos os dous conceptos reflexionara aló polo 1976 Erich Fromm. Arestora o rito do consumo reempraza calquera outro rito, tamén o da lida dos touros; é o rei e señor de todos os cerimoniais, unha celebración constante amparada no mito da felicidade fornecida pola lóxica do posuír. Velaí o nacemento dun novo home para o quen o centro da súa vida xira ao redor das cousas que poida mercar; ao redor do que poida posuír. Ao novo home cúmprenlle novos templos: velaí os centros comerciais.
outubro 14, 2010
28 de Novembro
A data que encabeza a nosa columna foi a elixida polo actual president de la Generalitat, José Montilla, para celebrar os comicios que han decidir a composición do vindeiro Parlament de Catalunya. Ese mesmo día celébrase tamén o partido de maior importancia da liga de fútbol española: Barça vs. Real Madrid. Toda unha metáfora. Loita nas urnas e loita no campo. Porque unha parte esencial do que se decide nesas eleccións terá que ver coa futura relación entre Barcelona e Madrid, Catalunya e Espanya. A recuperación da autonomía para Catalunya foi comandada polo chamado Pujolismo, foron vinte e tres anos nos que valeu aquelo de ir a Madrid a arrepañar algunha cousa: unha transferencia, unha porcentaxe dos impostos do estado, etc. O tripartito abriu para Catalunya unha nova etapa marcada pola vontade e necesidade dun novo Estatut. Un esforzo colectivo que resultou excesivo visto o resultado final. O tripartito é o gran sacrificado do a priori fracaso do Estatut, que a posteriori, coidamos, porá a este país nun novo momento histórico. Cremos que o tempo ha facerlle a xustiza que agora non lle fai a este goberno de esquerdas, progresista e nacional. Arestora, as enquisas para o 28-N dan como gañador a Artur Mas, co que Convergència i Unió volverá a controlar o goberno autonómico. O poder de CiU poderá mesmo verse incrementado se consegue, como é previsible, o goberno da cidade de Barcelona. Pero a Mas e o seu partido non lle ha valer o modelo do Pujolismo, de andar a Madrid a pedir anacos de pan, terá que arriscar moito máis se quere ser quen canalice e acade todo o sentimento nacional de desafección cara a España, unha enxurrada que medra cada ano que pasa. Preguntámonos se Mas e o seu partido serán capaces de poñer a este país nos vieiros da soberanía política, con pasos prudentes pero firmes. Temos as nosas dúbidas porque os petos dos que habitan no Palau soen pesar máis cás conviccións. Mal presaxio que votaran en contra das touradas e a favor dos correbous. Ao carallo os principios, os que importan son os nosos intereses.
agosto 03, 2010
Tribunais, nacións e soberanías
A sentenza do Tribunal Internacional de Xustiza sobre a independencia de Kosovo sorprendeu a moitos, e máis aló de por declarar a legalidade da devandita por afirmar que non hai nada no ordenamento xurídico internacional que poida impedir un proceso independentista baseado na soberanía dun parlamento democrático e representativo. Bótanse abaixo os argumentos esgrimidos polos contrarios ao proceso - entre eles o propio estado español- do principio da unidade territorial, que declara a inviolabilidade das fronteiras do estado ( unha retórica que nos soa á “indivisible unidade da patria”, aludida en teimosía na sentenza do, neste caso, Tribunal Constitucional verbo do Estatut de Catalunya ), e tamén o da unilateralidade da declaración, segundo o cal o territorio secesionado ten a obriga de pactar co estado do que se separa. De xeito que é de esperar que xa nin unidade territorial, nin bilateralidade formen parte do ordenamento xurídico á hora de ditar sentenza en procesos semellantes. Aquí en Catalunya hai quen pensa que as vindeiras eleccións do outono ao Parlament de Catalunya serán as máis interesantes da recente historia democrática deste país porque delas podería saír unha forte representatividade do soberanismo (serán os votos de: solidaritat catalana, ERC e unha non desbotable parte de CiU). Habemos ver o que pasa. Ben é certo que Catalunya alancou nos últimos tempos de xeito considerable no proceso de emancipación contando para isto coa inestimable axuda do Constitucional e da dereita reaccionaria española que berra contra Catalunya cada vez que o seu parlamento decide calquera cousa. E tal foi o avance que hai enquisas que dan unha porcentaxe de ao redor do 40% dos cidadáns favorables á independencia -cando non se chegaba ao 20% hai escasos 5 anos-. E é que algúns mesmo intúen a República na vindeira lexislatura. A min dáme que a cousa aínda non dá para tal, pero como dixo aqueloutro o futuro sempre é impredicible.
xuño 29, 2010
Estatut e lingua
No anterior artigo deste espazo defendiamos a tese, que era tamén título: “Outra España non é posible”. A recente sentencia do Tribunal Constitucional verbo do Estatut de Catalunya de 2006 vén, coidamos, a corroborar a devandita tese: son 14 os preceptos declarados non constitucionais e 27 as interpretacións sinaladas para dar un total de 41 artigos “tocados”, que aínda que lonxe dos máis de 100 impugnados polo PP, deixan sen dúbida un Estatut á baixa. Ocórresenos dicir que “ficou ben puído” por se non tivese sido xa ben “cepillado”, empregando a expresión do que fora presidente da comisión de estatutos do parlamento español, Alfonso Guerra, en referencia ao primeiro recorte que a devandita comisión lle practicara. Segundo lemos na prensa a tesoirada entra nas competencias, no financiamento e mesmo no posible emprego do termo nación que non poderá ter, tal e como di a sentencia, “efectos xurídicos” -vamos, algo así como unha nación literaria. Non sei se lles acorda aquelo de nación de Breogán proposto no seu momento para o non nato novo estatuto galego. Porén, velaí que as tesoiras non entraron coa mesma intensidade no terreo da lingua. Apenas se desbota o termo “preferente” para o status que propuña o novo Estatut para a lingua catalá nas administracións públicas, mantendo o de lingua “normal”, e non se toca ren do modelo lingüístico do ensino público non universitario, da chamada inmersión lingüística en lingua catalá. Non sei o que opinarán ao respecto os membros de Galicia Bilingüe ou mesmo o propio presidente da Xunta, Feijoo. A sentencia do TC declara deste xeito a plena constitucionalidade do catalán como lingua vehicular do ensino público non universitario en Catalunya ¿ Por que o catalán si pode ser lingua vehicular e o galego non ? Que alguén lle pregunte ao señor Feijoo: ¿ por que el e o seu goberno lle impoñen ao galego un status inferior ao que lle concede ao catalán o TC ? ¿ Por que el e o seu goberno limitan os dereitos dos galegofalantes mesmo por debaixo do que o faría un tribunal do estado ?
maio 29, 2010
Outra Catalunya si é posible
No seu poema Letanía de Galicia, Novoneyra remata cunha forte interpelación: “sabemos que ti podes ser outra cousa, sabemos que o home pode ser outra cousa”. Desexar e soñar o imposible fornece a necesaria enerxía para o posible. Velaí a función que cumpre a utopía, exercer tensión e marcarlle un camiño á realidade presente coa vontade de que sexa transformada ou superada. Titulabamos o anterior artigo publicado aquí: Outra España non é posible. Hai tempo que España, como realidade histórica, deixou de soñarse diferente, cambiante, transformadora e superándose a si mesma. Ela só desexa seguir sendo como é: non quere ser “outra cousa”. Mirándose cada día no espello só desexa que todo siga igual: antepón calquera ben á súa inmutabilidade. E sabemos que ese camiño só conduce á decadencia. Catalunya, pola contra, anda a soñarse diferente, a pensarse a si mesma noutras rutinas e espazos. A cidadanía catalá, non parece contenta co espello onde se mira España, e clama liberdade e soberanía para peitearse ao seu xeito e segundo os seus gustos e intereses. Despois da desfeita e insulto que supuxo, e aínda supón, o feito estatutario, e en plena crise das forzas progresistas, Catalunya está a refacerse dende a cidadanía civil. Parécenos que o seu momento, o de ser “outra cousa”, non está lonxe. Se as forzas políticas catalás saben ler e recoller este pulo soberano e liberador que está a abrollar na cidadanía, na dirección e cos pasos axeitados, os resultados poden ser mesmo con abraio dabondo inmediatos. Dicía o poeta deste país, Miquel Martí i Pol, que “tot està per fer i tot és possible”. E nós así o estamos a percibir: outra Catalunya si é posible. A partir do outono veremos se o elixido, arestora case completamente confirmado, é capaz de estar á altura do que lle demanda o país.
maio 06, 2010
Outra España non é posible
O título co que encabezamos o noso artigo xa o di todo: non hai outra España posible que non sexa a da hexemonía soberana e indivisible do pobo español. O resto, de pobos, son apéndices subalternos dunha realidade superior e mellor que se chama España. Velaí van algunhas das probas. Son catro os anos que o Estatut de Catalunya leva en mans dun Tribunal Constitucional politizado e inoperante, incapaz de dictar sentenza. Un tribunal de forma e composición que obedece aos que pensaron en deixalo todo “atado e ben atado” para que ninguén atente contra a “indivisible unidade da patria”. Foros dez anos os anos de peche dun xornal, Egunkaria, nunha acusación que se fundara no suposto vencello da lingua e culturas eukaldúns co mundo violento, e que á fin se demostrou falsa. Son trinta os anos de falta dunha efectiva política lingüística a prol do galego que agora no normativo recúa en favor do castelán. A Catalunya touréana nas institucións do estado, a Euskadi impóñenlle un estado de excepción encuberto e a Galiza simplemente posúena. Había esperanzas no ano 2004 cando a esquerda recuperou o poder do estado, no que prometía, segundo o discurso ata entón empregado, ser unha nova alianza entre as forzas progresistas e as periféricas de cara a converter o estado nun pacto federativo real, unha “nova” transición. O resultado foi xustmente o contrario, cidadáns e pobos de España están a ver cómo se lles recurtan de certo os dereitos e chanzos avanzados durante o curto período da cativa democracia española. Hai unha clara involución en todos os estamentos do estado, e así é porque a España governaa o PSOE pero coas ideas e prácticas que impón o PP. España é do PP, que dicía nun artigo o escritor catalán Xavier Bru de Sala. E sendo do PP, controlados todos os resortes do aparello estatal, outra España non é posible. Espérannos décadas desta abafante realidade que como único horizonte dinamizador dispón dunha Catalunya cada día máis afastada e distante disposta a artellar novas respostas dende a sociedade civil.
febreiro 19, 2010
SIHL Suízo und (e) SIL Galego: os pobos da Europa
As obrigas laborais leváronme estes días pasados á cidade Suíza de Zürich onde fun sorprendido, alén de por moitas outras cousas, polo nome dun dos ríos que travesa unha parte desta cidade: SIHL. Decontado o meu pensamento bateu no río que co mesmo nome, SIL, está situado na Gallaecia histórica (o SIL travesa as agora chamadas provincias de León, Lugo e Ourense). Axiña pensei na lingua xermánica, concretamente na Suizo-alemá, que se fala neste cantón do país centroeuropeo, parente da que trouxeran con eles á Gallaecia romana os Suevos aló polo ano 411 da nosa era. Disque este pobo xermánico atravesara outro río, o RIHN (curioso o H colocado tamén entre a vogal e maila consonante para estes dous hidrónimos), na procura dun territorio onde asentar cando o imperio romano entraba de cheo no seu devalo. Roma entregáralles daquela a través dun pacto o territorio do noroeste da Hispania, a provincia que os mesmos romanos consolidaran como espazo diferenciado aló polo 285 d.C dándolle o nome de Gallaecia, sendo nesta provincia romana onde os Suevos fundaran a primeira entidade política diferenciada dentro do anterior imperio. O Reino Suevo tería sido deste xeito o primeiro estado emergullado e constituído no proceso de devalo e posterior desfeita do imperio romano. Disque os Suevos na Gallaecia trocaron as armas polos arados, a súa lingua polo latín e mesmo a relixión propia polo cristianismo. Debéronse sentir de tal xeito integrados que terían optado en moitos aspectos pola asimilación na daquela xa diferenciada nacionalidade galega. Porén, deixáronnos algunhas pegadas importantes. Velaí as toponímicas, ou neste caso hidronímicas, cal é o caso do SIHL, e tamén as xurídicas –mantiveron estruturas xurídicas propias que non proviñan do dereito romano- que foron sustento da independencia política que consolidaron case ao longo de dous séculos – serían completamente asimilados polos visigodos aló polo 585 d.C-. E no plano sentimental deixáronnos a posibilidade de sentirnos profundamente europeos polos trazos que podemos achar xunguíndonos a estes pobos fundadores do vello continente, dos cales nós tamén por historia e tradición formamos parte, sendo ademais pioneiros na península ibérica.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
















