No anterior artigo deste espazo defendiamos a tese, que era tamén título: “Outra España non é posible”. A recente sentencia do Tribunal Constitucional verbo do Estatut de Catalunya de 2006 vén, coidamos, a corroborar a devandita tese: son 14 os preceptos declarados non constitucionais e 27 as interpretacións sinaladas para dar un total de 41 artigos “tocados”, que aínda que lonxe dos máis de 100 impugnados polo PP, deixan sen dúbida un Estatut á baixa. Ocórresenos dicir que “ficou ben puído” por se non tivese sido xa ben “cepillado”, empregando a expresión do que fora presidente da comisión de estatutos do parlamento español, Alfonso Guerra, en referencia ao primeiro recorte que a devandita comisión lle practicara. Segundo lemos na prensa a tesoirada entra nas competencias, no financiamento e mesmo no posible emprego do termo nación que non poderá ter, tal e como di a sentencia, “efectos xurídicos” -vamos, algo así como unha nación literaria. Non sei se lles acorda aquelo de nación de Breogán proposto no seu momento para o non nato novo estatuto galego. Porén, velaí que as tesoiras non entraron coa mesma intensidade no terreo da lingua. Apenas se desbota o termo “preferente” para o status que propuña o novo Estatut para a lingua catalá nas administracións públicas, mantendo o de lingua “normal”, e non se toca ren do modelo lingüístico do ensino público non universitario, da chamada inmersión lingüística en lingua catalá. Non sei o que opinarán ao respecto os membros de Galicia Bilingüe ou mesmo o propio presidente da Xunta, Feijoo. A sentencia do TC declara deste xeito a plena constitucionalidade do catalán como lingua vehicular do ensino público non universitario en Catalunya ¿ Por que o catalán si pode ser lingua vehicular e o galego non ? Que alguén lle pregunte ao señor Feijoo: ¿ por que el e o seu goberno lle impoñen ao galego un status inferior ao que lle concede ao catalán o TC ? ¿ Por que el e o seu goberno limitan os dereitos dos galegofalantes mesmo por debaixo do que o faría un tribunal do estado ?
Ningún comentario:
Publicar un comentario