No seu poema Letanía de Galicia, Novoneyra remata cunha forte interpelación: “sabemos que ti podes ser outra cousa, sabemos que o home pode ser outra cousa”. Desexar e soñar o imposible fornece a necesaria enerxía para o posible. Velaí a función que cumpre a utopía, exercer tensión e marcarlle un camiño á realidade presente coa vontade de que sexa transformada ou superada. Titulabamos o anterior artigo publicado aquí: Outra España non é posible. Hai tempo que España, como realidade histórica, deixou de soñarse diferente, cambiante, transformadora e superándose a si mesma. Ela só desexa seguir sendo como é: non quere ser “outra cousa”. Mirándose cada día no espello só desexa que todo siga igual: antepón calquera ben á súa inmutabilidade. E sabemos que ese camiño só conduce á decadencia. Catalunya, pola contra, anda a soñarse diferente, a pensarse a si mesma noutras rutinas e espazos. A cidadanía catalá, non parece contenta co espello onde se mira España, e clama liberdade e soberanía para peitearse ao seu xeito e segundo os seus gustos e intereses. Despois da desfeita e insulto que supuxo, e aínda supón, o feito estatutario, e en plena crise das forzas progresistas, Catalunya está a refacerse dende a cidadanía civil. Parécenos que o seu momento, o de ser “outra cousa”, non está lonxe. Se as forzas políticas catalás saben ler e recoller este pulo soberano e liberador que está a abrollar na cidadanía, na dirección e cos pasos axeitados, os resultados poden ser mesmo con abraio dabondo inmediatos. Dicía o poeta deste país, Miquel Martí i Pol, que “tot està per fer i tot és possible”. E nós así o estamos a percibir: outra Catalunya si é posible. A partir do outono veremos se o elixido, arestora case completamente confirmado, é capaz de estar á altura do que lle demanda o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario