febreiro 26, 2013

Catalunya, independente e sen armas

Non se trata de acadar a independencia (ou mellor dicimos soberanía?) para calquera forma de estado. Non. Trátase de que cando Catalunya acade a súa plenitude nacional se constitúa nun novo estado sen exército. Un estado sen armas. O colectivo “Pau i treva” (Paz e tregua) fará público mañá o manifesto Catalunya per la seguretat humana i la pau', cadrando co aniversario da morte de Gandhi -30 de xaneiro de 1948-, no que promove que a formación do novo estado catalán prescinda do exército.

 
A proposta antóllasenos complicada no seo da Europa militar vencellada á OTAN, pero abofé que cómpre que a utopía turre da realidade para transformala, pois tamén semellaba un imposible a independencia e o pobo catalán está máis preto ca nunca, se botamos ollo aos seus últimos trescentos anos de historia, de chegar ao utopos por tanto tempo arelado. E se tan pretiño se anda de acadar o desexo, porque non comezar a pensar dende xa nunha arela aínda máis plena: a dunha Catalunya estado e sen armas. 

Asinan o tal manifesto unha boa présa de personalidades do mundo da cultura catalá, entre os que salientan os coñecidos: Lluís Llach, Joel Joan, Teresa Forcades, Sergi López, Arcadi Oliveres, Marina Rossell, Maria del Mar Bonet. Como era de esperar a sociedade civil catalá está a traballar activamente tanto no discurso configurativo como no propio proceso preconstintuínte do seu estado.

Os impulsores deste manifesto a prol dunha Catalunya libre e pacífica din querer contribuír ao debate en base á constatación de que o país ten unha cultura de raíz a favor do diálogo, o respecto e a cooperación dos pobos. De maneira que non cómpre reproducir estruturas que consideran obsoletas e negativas, como son os exércitos, e se debe optar de xeito decidido pola “seguretat humana i la pau” (a seguridade humana e a paz)

E digo que, como galego de nación e pacífico, me marabilla a idea de vivir nunha Catalunya independente e sen armas.

Ningún comentario: