O pasado 4 de Maio a Fedelcat (Federación de Entidades Galegas en
Catalunya) celebrou o Día das Letras Galegas 2012 cun acto
institucional na sede do distrito de Sant Martí de Provençals, o
segundo máis poboado dos dez que compoñen a cidade. O acto
central, no Salón de Plenos do distrito, era a conferencia que,
baixo o título de “O Galeguismo emprendedor de V. Paz Andrade e a
crise da nación-cultura Galega no espello da Catalunya actual”,
pronunciaría o profesor-investigador de Filoloxía galega na
Universitat de Barcelona e presidente do Foro Cívico Galego de
Barcelona Camilo Fernández Valdehorras. Coa presenza e presidencia
no acto de Eduard Freixedes i Plans, rexedor do distrito, e de
Domingo Balboa, presidente da Fedelcat, Camilo Valdehorras disertou
ao redor da figura social, política e literaria de Valentín Paz
Andrade a quen este ano está adicado o Día das Letras. O profesor
Valdehorras debullou a polifacética figura de Paz Andrade, un home
que exerceu con éxito, proxección e pegada social as múltiples
actividades nas que se implicou. Soubemos que foi un importante
xurista que axudou ao desenvolvemento da industria pesqueira de Vigo,
mesmo dirixindo a revista Industrias Pesqueras (1942), e sendo un dos
impulsores e vicepresidente (1960) do grupo industrial Pescanova que
se converteu na primeira compañía armadora europea con buques
conxeladores. Iniciárase na súa etapa formativa no movemento
galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de
Compostela (1919), sendo daquela colaborador no xornal Gaceta de
Galicia. Con posterioridade fundaría e dirixiría o xornal o
galeguista Galicia, entre 1922 e 1926, ano en que foi pechado pola
ditadura de Primo de Rivera. Á caída da ditadura presidiu o Grupo
Autonomista Galego (1930),
que constituía o núcleo do galeguismo en Vigo e que se integraría
no Partido Galeguista (1931), do que foi dirixente e secretario
(1934). Participou tamén na redacción do anteproxecto do Estatuto
de Galicia, presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931). Co
estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura Franquista padeceu
desterros e encarceramentos diversos debido aos seus artigos e
posicións políticas. Coa recuperación da democracia formou parte
da Xunta Democrática e da Comisión dos dez, na que foi firme
defensor da condición de nacionalidade histórica para Galicia na
constitución española de 1978. Unha idea abranguía o pensamento e
maila acción política de Paz Andrade, a do vencello entre
galeguismo e progreso, idea da que foi impulsor e exemplo, fundando
empresas de éxito que levaban na marca a identidade do País. A
Galicia impulsada, proxectada e arelada por Paz Andrade fica hoxe, en
comparanza coa Catalunya contemporánea, en crise social,
demográfica, económica e identitaria. Os datos amosados na
conferencia son neste senso demoledores. Ningún galego consciente
é alleo á crise nacional na que se encontra o país. No percorrido
polas letras de Paz Andrade, Camilo Valdehorras nos levou, no remate
do acto, ao Pranto Matricial: O que todo galego choraría. Título
dun poema e unha realidade para os tempos contemporáneos de Galicia.
Aínda que a vida e exemplo deste senlleiro galeguista convidan a
erguerse, máis unha vez, e seguir co noso camiño de liberación
nacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario