decembro 13, 2012

Catalunya: comunidade nacional en marcha

Os cidadáns de Catalunya vivimos con abraio as declaracións, actitudes e outros que proveñen de España. De feito hai tempo que esas reaccións nos sorprenden e nos magoan. Por iso, pensamos, estamos onde estamos. Hai tempo, se cadra dende que o goberno tripartito, encabezado polo president Maragall, puxese en marcha a ampliación do autogoberno co Nou Estatut, incorporando un trato fiscal xusto, que o que provén de España resulta sempre un atranco, un pesar, un insoportable. Foi o president Montilla quen falou de desafección, un desapego que día tras día se consolida. Un afastarse que non coñece de identidade nin de clase, e que afecta de xeito transversal a toda a sociedade catalá.


Todo mundo entende ben que os que máis achegan a un común non poden ficar, despois do reparto, por debaixo dos que menos aportan. Un trato inxusto que sufrimos os cidadáns de Catalunya no cotián dos nosos días cando nos achegamos aos servizos públicos; e todo ao tempo que nos toca escoitar, aínda por riba, as voces que chegan da península: insolidarios, egoístas, avaros. E así, día tras día, semana tras semana, meses e anos. E así, para rematar onde estamos: queremos administrarnos, queremos decidir o que facer cos nosos recursos. Somos una comunidade nacional na defensa dos nosos intereses para o cal precisamos de plena soberanía. Nunca antes, dos trinta e dous anos que levo vivindo neste país, percibín a tanta xente, de tan diversa orixe e condición social e política, tan cohesionada como no convencemento de que Catalunya ten o dereito e maila obriga de decidir.

novembro 11, 2012

Feijoó vén unha vez máis a Catalunya na procura dos votos

( Foto recollida do xornal dixital Praza Pública )


O presidente da Xunta de Galicia soe visitar Catalunya sempre que hai que arrepañar votos para as candidaturas locais do PPdC. Xa o fixera no ano 2009, daquela, recollímolo tamén aquí, andabamos nos pretempos das municipais, e tamén visitara o Centro Galego de Barcelona acompañado de Alberto Fernández Díaz, representante do PPdC no concello de Barcelona. Agora faino na campaña das autonómicas catalás, acompañado de Alicia Sánchez Camacho, candidata á presidencia da Generalitat polo PPdG. Feijóo fai discurso poñéndose como exemplo de boa xestión e austeridade fronte ao dispendio de Mas ( él é o que si paga as facturas ), e pidindo o voto da liberdade das persoas, fronte aos discursos territoriais. De calquera xeito iso de que o presidente da Xunta sempre apareza polo Centro Galego de Barcelona en campaña electoral e acompañado polos membros locais do PPdC fainos, máis ou menos intuír, cal é o interese do presidente Feijóo por achegarse á comunidade galega de Catalunya.

xullo 21, 2012

Galician Language: Pride and Survival

 ( Foto de promoción do programa de radio Galiza algo máis que se emite todos os sábados de 5 a 6 da tarde en Sants3Radio)


Chegoume este interesante video desde os  Cadernos de comunicación. Velaí a entrada que vos remitirá ao video.  Hai un labor importante de dar a coñecer a nosa problemática lingüístico-cultural e nacional ao mundo, e velaí que este video contribúe.

maio 12, 2012

Paz Andrade en Sant Martí de Provençals

O pasado 4 de Maio a Fedelcat (Federación de Entidades Galegas en Catalunya) celebrou o Día das Letras Galegas 2012 cun acto institucional na sede do distrito de Sant Martí de Provençals, o segundo máis poboado dos dez que compoñen a cidade. O acto central, no Salón de Plenos do distrito, era a conferencia que, baixo o título de “O Galeguismo emprendedor de V. Paz Andrade e a crise da nación-cultura Galega no espello da Catalunya actual”, pronunciaría o profesor-investigador de Filoloxía galega na Universitat de Barcelona e presidente do Foro Cívico Galego de Barcelona Camilo Fernández Valdehorras. Coa presenza e presidencia no acto de Eduard Freixedes i Plans, rexedor do distrito, e de Domingo Balboa, presidente da Fedelcat, Camilo Valdehorras disertou ao redor da figura social, política e literaria de Valentín Paz Andrade a quen este ano está adicado o Día das Letras. O profesor Valdehorras debullou a polifacética figura de Paz Andrade, un home que exerceu con éxito, proxección e pegada social as múltiples actividades nas que se implicou. Soubemos que foi un importante xurista que axudou ao desenvolvemento da industria pesqueira de Vigo, mesmo dirixindo a revista Industrias Pesqueras (1942), e sendo un dos impulsores e vicepresidente (1960) do grupo industrial Pescanova que se converteu na primeira compañía armadora europea con buques conxeladores. Iniciárase na súa etapa formativa no movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919), sendo daquela colaborador no xornal Gaceta de Galicia. Con posterioridade fundaría e dirixiría o xornal o galeguista Galicia, entre 1922 e 1926, ano en que foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera. Á caída da ditadura presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), que constituía o núcleo do galeguismo en Vigo e que se integraría no Partido Galeguista (1931), do que foi dirixente e secretario (1934). Participou tamén na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931). Co estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura Franquista padeceu desterros e encarceramentos diversos debido aos seus artigos e posicións políticas. Coa recuperación da democracia formou parte da Xunta Democrática e da Comisión dos dez, na que foi firme defensor da condición de nacionalidade histórica para Galicia na constitución española de 1978. Unha idea abranguía o pensamento e maila acción política de Paz Andrade, a do vencello entre galeguismo e progreso, idea da que foi impulsor e exemplo, fundando empresas de éxito que levaban na marca a identidade do País. A Galicia impulsada, proxectada e arelada por Paz Andrade fica hoxe, en comparanza coa Catalunya contemporánea, en crise social, demográfica, económica e identitaria. Os datos amosados na conferencia son neste senso demoledores. Ningún galego consciente é alleo á crise nacional na que se encontra o país. No percorrido polas letras de Paz Andrade, Camilo Valdehorras nos levou, no remate do acto, ao Pranto Matricial: O que todo galego choraría. Título dun poema e unha realidade para os tempos contemporáneos de Galicia. Aínda que a vida e exemplo deste senlleiro galeguista convidan a erguerse, máis unha vez, e seguir co noso camiño de liberación nacional.

decembro 19, 2011

Veig la mort sense cap por ( Vexo a morte sen medo ningún )

Son estas as palabras contundentes dunha relixiosa galega asentada dende hai moitos anos en Catalunya e que non deixa de ser unha testemuña da tranquilidade, convicción e esperanza lúcida coa que moitas persoas do mundo da fe enfrontan o definitivo desenlace final da vida.  Aquí deixo a ligazón á nova no xornal dixital relixioso editado en lingua catalá: Catalunya Religió.

novembro 02, 2011

A Aldea Global Galega (AGG) nas ondas catalás


(Artigo publicado no número 173 da revista Tempos Novos, Outubro 2011)

Precisa Galicia, como identidade e lingua-cultura diferenciada, ter unha maior proxección alén do territorio de seu ? Aínda máis, precisa como cultura e identidade en construción, recibir as achegas doutros pobos e culturas do mundo? Responder de xeito afirmativo a calquera destas dúas cuestións leva implícita unha outra: que capacidades pode ou debe aproveitar para isto? Unha delas, se cadra a máis potente e tamén a máis desaproveitada, é a diáspora galega. Moito se ten falado da devandita e pouco, polo que me consta, estudado na súa complexidade e amplitude, sobre todo no que atinxe á súa realidade contemporánea (1). Ben seguro que se a Galiza territorial tivese unha maior conciencia de seu incluiría no currículo escolar o estudo da súa diáspora, arestora unha gran descoñecida. Necesario se temos en conta que os pobos sen memoria de seu teñen moitas dificultades para afrontar o futuro con garantías da man dun proxecto propio.

A actual Aldea Global Galega (AGG) é diversa e complexa. En Catalunya habita un anaco da mesma, sendo os Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC - http://www.ergac.org/) un dos arquipélagos que conforman esa AGG. Fundados a comezos dos noventa por un grupo de emigrantes que pretendían en grande medida recrear o mundo do territorio natal e da crianza ao redor dos costumes e do folclore, foise transformando pouco a pouco nunha entidade ao redor da cal se vinculan persoas de orixes, identidades e culturas múltiples, que manteñen algún vencello coa realidade e/ou a cultura galegas, e que comparten a idea-sentimento de que unha boa maneira, entre outras, de arrequecer a sociedade de acollida, neste caso a catalá, é achegarlle os contidos e creacións propios da identidade e da lingua-cultura de Galiza. Programas radiofónicos (arestora tres na cidade de Barcelona), e un voceiro bimensual ( A Micro Pechado ) onde a través das linguas propias se estabelece un diálogo coa vontade de crear un espazo senlleiro (galegocatalán / catalangalego) onde a sociedade catalá reconstrúe a súa identidade coa achega única dunha cosmovisión galeguizada. No canto do asimilismo despersonalízante e do gueto reaccionario, ERGaC propón para as dúas culturas que se encontran, catalá e galega, o valor engadido da integración á par recollida no seo dunha identidade múltiple sen complexos. O modelo é, así o cremos, extensible a outros espazos onde a lingua-cultura galega entra en contacto coas outras da sociedade de acollida.

Pero a diáspora galega non só pode e debe ser ferramenta de proxección da lingua-cultura galega, senón tamén lugar de recreación e recuperación de Galiza entendida como a lingua-cultura que conforma un espazo universal propio, unha Aldea Global Galega (AGG), que se arrequece en calquera recuncho do planeta a través da súa interacción co resto de linguas e culturas do mundo. Ao cabo a identidade non se define polo espazo territorial ou a vinculación étnica ao mesmo, senón pola voluntaria adhesión á identidade construída ao redor da lingua-cultura común.

Mágoa que escaseen, por non dicir que sexan inexistentes, as políticas culturais da Galicia metropolitana na dirección de proxectar e promover unha auténtica e potente AGG, perdéndose deste xeito unha das grandes oportunidades da Galiza contemporánea para abandonar o embiguismo territorial que segue a fornecer unha ideoloxía a miúdo provinciana e colonizante.

(1) O estudo máis interesante e completo que coñecemos sobre a diáspora galega contemporánea: “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (I)”;Caderno de pensamento cívico n.2 da revista reNOVA GALIza editada polo Foro Cívico Galego de Barcelona. Xullo 2006.

setembro 29, 2011

¿ Celebremos Galiza e Catalunya respectando España ?

( O artigo foi feito para o 25 de xullo, Día da Patria Galega, a foto tomada na celebración da Diada Nacional de Catalunya, o 11 de setembro )

Moitas veces cando as lingua-culturas non plenamente recoñecidas, marxinalizadas, tentamos ben que se celebre, ben que se faga recoñecemento do noso, sentimos as voces externas que censuran de embiguista este comportamento. Decatámonos de que, en xeral, aqueles que nos censuran son os mesmos que celebran o seu con normalidade. Velaí a actitude do colonizador dominante: salientar o seu e desprezar aos que sobreviven baixo o seu poder. Dende as culturas asoballadas non debemos caer no mesmo erro respecto á nosa consideración das culturas dominantes.

O día que isto escribo, 18 de xuño, o español celebra o seu día, chamado día E, no que, entre outras actividades, se leva a cabo unha choiva de palabras e a selección dunha delas. Todo isto se fai cun despregue de medios de tal magnitude que abrangue a maior parte do planeta a través dos 78 Institutos Cervantes distribuídos en 44 países dos cinco continentes – acaso alguén dixo que o español non está subvencionado? E a min paréceme ben que por parte do estado e da cidadanía español-falante así se faga. Do mesmo xeito que, entendo, lles debería parecer ben que nós fagamos a celebración da lingua galega, neste caso de xeito dabondo máis humilde en medios e capacidades xusto un mes e un día antes: 17 de maio. Un día e ano que cada vez adicamos a unha figura das nosas letras; desta tocoulle a Lois Pereiro, posuidor dunha suxerinte e inquietante voz poética.

A nosa festa das letras parte da consciencia de que as nosas capacidades son menores, pero non así a dignidade e altura do que celebramos, porque unha lingua-cultura non se mide nin polo orzamento do que dispón, nin polo número de persoas que abrangue, senón pola consciencia, a paixón e o amor dos seus celebrantes. Vén aquí a conto, se me permitides, a parábola cristiá: "Onde dous ou tres se reunen no meu nome, alí estou eu no medio deles" (Mt 18,20). Xa que logo, habémonos seguir xuntando; a vindeira, o 25 de xullo, para celebrarmos a lingua-cultura política, o día da nación política necesaria da que precisamos para consolidármonos como país na súa plenitude. Ese mesmo día tamén se celebra o patrón das Españas, e aínda que en parte concibido de xeito contrario aos nosos intereses habémolo respectar, entre outras cousas, porque aspiramos tamén a ser respectados na reivindicación e celebración da nosa patria.

abril 21, 2011

Ser ou Ter: Prazas de Touros e Centro Comerciais.


Disque cada tempo ten os seus templos, espazos onde a xente acode a celebrar os ritos. Hoxe o rito por excelencia chámase consumo, e os templos centros comerciais. A que outrora fora a Praza de Touros das Arenas de Barcelona é agora un moderno e xenuíno centro comercial. Hai trinta ou corenta anos nese espazo a xente dábase cita para experimentar as sensacións e sentimentos que nela espertaba o enfrontamento entre un home, o toureiro, e un animal, o touro de lida. Un rito convertido en espectáculo que recreaba en parte o home que tivemos que ser nun tempo anterior, cando a loita contra o animal era central na subsistencia. Un rito, o taurino, ao que só lle pode recriminar, ao meu entender, o sufrimento co que se asoballa ao animal durante a lida, nin tan sequera a morte que tamén se dá, por mor das esixencias subsistenciais humanas e outras non tan necesarias pero si para os mercados, en moitas e variadas especies en moitos e diversos lugares.

No rito do consumo celébrase o inmediato posuír, a merca do obxecto que debería producir a satisfacción e o benestar da necesidade –real ou creada- cumprida. No rito da lida celébrase o inmediato sentir: as sensacións e sentimentos que producen a expectación diante do risco mortal, en combinación coas formas estéticas, da lida do home fronte á besta. Sentir, que como ben podemos entender, vai máis vencellado a Ser ca Ter. ¿Ter ou Ser? (To Have or to Be?), título do ensaio onde sobre as diferenzas psicolóxicas e psicosociais de ambos os dous conceptos reflexionara aló polo 1976 Erich Fromm. Arestora o rito do consumo reempraza calquera outro rito, tamén o da lida dos touros; é o rei e señor de todos os cerimoniais, unha celebración constante amparada no mito da felicidade fornecida pola lóxica do posuír. Velaí o nacemento dun novo home para o quen o centro da súa vida xira ao redor das cousas que poida mercar; ao redor do que poida posuír. Ao novo home cúmprenlle novos templos: velaí os centros comerciais.

outubro 14, 2010

28 de Novembro

A data que encabeza a nosa columna foi a elixida polo actual president de la Generalitat, José Montilla, para celebrar os comicios que han decidir a composición do vindeiro Parlament de Catalunya. Ese mesmo día celébrase tamén o partido de maior importancia da liga de fútbol española: Barça vs. Real Madrid. Toda unha metáfora. Loita nas urnas e loita no campo. Porque unha parte esencial do que se decide nesas eleccións terá que ver coa futura relación entre Barcelona e Madrid, Catalunya e Espanya. A recuperación da autonomía para Catalunya foi comandada polo chamado Pujolismo, foron vinte e tres anos nos que valeu aquelo de ir a Madrid a arrepañar algunha cousa: unha transferencia, unha porcentaxe dos impostos do estado, etc. O tripartito abriu para Catalunya unha nova etapa marcada pola vontade e necesidade dun novo Estatut. Un esforzo colectivo que resultou excesivo visto o resultado final. O tripartito é o gran sacrificado do a priori fracaso do Estatut, que a posteriori, coidamos, porá a este país nun novo momento histórico. Cremos que o tempo ha facerlle a xustiza que agora non lle fai a este goberno de esquerdas, progresista e nacional. Arestora, as enquisas para o 28-N dan como gañador a Artur Mas, co que Convergència i Unió volverá a controlar o goberno autonómico. O poder de CiU poderá mesmo verse incrementado se consegue, como é previsible, o goberno da cidade de Barcelona. Pero a Mas e o seu partido non lle ha valer o modelo do Pujolismo, de andar a Madrid a pedir anacos de pan, terá que arriscar moito máis se quere ser quen canalice e acade todo o sentimento nacional de desafección cara a España, unha enxurrada que medra cada ano que pasa. Preguntámonos se Mas e o seu partido serán capaces de poñer a este país nos vieiros da soberanía política, con pasos prudentes pero firmes. Temos as nosas dúbidas porque os petos dos que habitan no Palau soen pesar máis cás conviccións. Mal presaxio que votaran en contra das touradas e a favor dos correbous. Ao carallo os principios, os que importan son os nosos intereses.

agosto 03, 2010

Tribunais, nacións e soberanías


A sentenza do Tribunal Internacional de Xustiza sobre a independencia de Kosovo sorprendeu a moitos, e máis aló de por declarar a legalidade da devandita por afirmar que non hai nada no ordenamento xurídico internacional que poida impedir un proceso independentista baseado na soberanía dun parlamento democrático e representativo. Bótanse abaixo os argumentos esgrimidos polos contrarios ao proceso - entre eles o propio estado español- do principio da unidade territorial, que declara a inviolabilidade das fronteiras do estado ( unha retórica que nos soa á “indivisible unidade da patria”, aludida en teimosía na sentenza do, neste caso, Tribunal Constitucional verbo do Estatut de Catalunya ), e tamén o da unilateralidade da declaración, segundo o cal o territorio secesionado ten a obriga de pactar co estado do que se separa. De xeito que é de esperar que xa nin unidade territorial, nin bilateralidade formen parte do ordenamento xurídico á hora de ditar sentenza en procesos semellantes. Aquí en Catalunya hai quen pensa que as vindeiras eleccións do outono ao Parlament de Catalunya serán as máis interesantes da recente historia democrática deste país porque delas podería saír unha forte representatividade do soberanismo (serán os votos de: solidaritat catalana, ERC e unha non desbotable parte de CiU). Habemos ver o que pasa. Ben é certo que Catalunya alancou nos últimos tempos de xeito considerable no proceso de emancipación contando para isto coa inestimable axuda do Constitucional e da dereita reaccionaria española que berra contra Catalunya cada vez que o seu parlamento decide calquera cousa. E tal foi o avance que hai enquisas que dan unha porcentaxe de ao redor do 40% dos cidadáns favorables á independencia -cando non se chegaba ao 20% hai escasos 5 anos-. E é que algúns mesmo intúen a República na vindeira lexislatura. A min dáme que a cousa aínda non dá para tal, pero como dixo aqueloutro o futuro sempre é impredicible.

xuño 29, 2010

Estatut e lingua

No anterior artigo deste espazo defendiamos a tese, que era tamén título: “Outra España non é posible”. A recente sentencia do Tribunal Constitucional verbo do Estatut de Catalunya de 2006 vén, coidamos, a corroborar a devandita tese: son 14 os preceptos declarados non constitucionais e 27 as interpretacións sinaladas para dar un total de 41 artigos “tocados”, que aínda que lonxe dos máis de 100 impugnados polo PP, deixan sen dúbida un Estatut á baixa. Ocórresenos dicir que “ficou ben puído” por se non tivese sido xa ben “cepillado”, empregando a expresión do que fora presidente da comisión de estatutos do parlamento español, Alfonso Guerra, en referencia ao primeiro recorte que a devandita comisión lle practicara. Segundo lemos na prensa a tesoirada entra nas competencias, no financiamento e mesmo no posible emprego do termo nación que non poderá ter, tal e como di a sentencia, “efectos xurídicos” -vamos, algo así como unha nación literaria. Non sei se lles acorda aquelo de nación de Breogán proposto no seu momento para o non nato novo estatuto galego. Porén, velaí que as tesoiras non entraron coa mesma intensidade no terreo da lingua. Apenas se desbota o termo “preferente” para o status que propuña o novo Estatut para a lingua catalá nas administracións públicas, mantendo o de lingua “normal”, e non se toca ren do modelo lingüístico do ensino público non universitario, da chamada inmersión lingüística en lingua catalá. Non sei o que opinarán ao respecto os membros de Galicia Bilingüe ou mesmo o propio presidente da Xunta, Feijoo. A sentencia do TC declara deste xeito a plena constitucionalidade do catalán como lingua vehicular do ensino público non universitario en Catalunya ¿ Por que o catalán si pode ser lingua vehicular e o galego non ? Que alguén lle pregunte ao señor Feijoo: ¿ por que el e o seu goberno lle impoñen ao galego un status inferior ao que lle concede ao catalán o TC ? ¿ Por que el e o seu goberno limitan os dereitos dos galegofalantes mesmo por debaixo do que o faría un tribunal do estado ?

maio 29, 2010

Outra Catalunya si é posible

No seu poema Letanía de Galicia, Novoneyra remata cunha forte interpelación: “sabemos que ti podes ser outra cousa, sabemos que o home pode ser outra cousa”. Desexar e soñar o imposible fornece a necesaria enerxía para o posible. Velaí a función que cumpre a utopía, exercer tensión e marcarlle un camiño á realidade presente coa vontade de que sexa transformada ou superada. Titulabamos o anterior artigo publicado aquí: Outra España non é posible. Hai tempo que España, como realidade histórica, deixou de soñarse diferente, cambiante, transformadora e superándose a si mesma. Ela só desexa seguir sendo como é: non quere ser “outra cousa”. Mirándose cada día no espello só desexa que todo siga igual: antepón calquera ben á súa inmutabilidade. E sabemos que ese camiño só conduce á decadencia. Catalunya, pola contra, anda a soñarse diferente, a pensarse a si mesma noutras rutinas e espazos. A cidadanía catalá, non parece contenta co espello onde se mira España, e clama liberdade e soberanía para peitearse ao seu xeito e segundo os seus gustos e intereses. Despois da desfeita e insulto que supuxo, e aínda supón, o feito estatutario, e en plena crise das forzas progresistas, Catalunya está a refacerse dende a cidadanía civil. Parécenos que o seu momento, o de ser “outra cousa”, non está lonxe. Se as forzas políticas catalás saben ler e recoller este pulo soberano e liberador que está a abrollar na cidadanía, na dirección e cos pasos axeitados, os resultados poden ser mesmo con abraio dabondo inmediatos. Dicía o poeta deste país, Miquel Martí i Pol, que “tot està per fer i tot és possible”. E nós así o estamos a percibir: outra Catalunya si é posible. A partir do outono veremos se o elixido, arestora case completamente confirmado, é capaz de estar á altura do que lle demanda o país.

maio 06, 2010

Outra España non é posible

O título co que encabezamos o noso artigo xa o di todo: non hai outra España posible que non sexa a da hexemonía soberana e indivisible do pobo español. O resto, de pobos, son apéndices subalternos dunha realidade superior e mellor que se chama España. Velaí van algunhas das probas. Son catro os anos que o Estatut de Catalunya leva en mans dun Tribunal Constitucional politizado e inoperante, incapaz de dictar sentenza. Un tribunal de forma e composición que obedece aos que pensaron en deixalo todo “atado e ben atado”  para que ninguén atente contra a “indivisible unidade da patria”. Foros dez anos os anos de peche dun xornal, Egunkaria, nunha acusación que se fundara no  suposto vencello da lingua e culturas eukaldúns co mundo violento, e que á fin se demostrou falsa. Son trinta os anos de falta dunha efectiva política lingüística a prol do galego que agora no normativo recúa en favor do castelán. A Catalunya touréana nas institucións do estado, a Euskadi impóñenlle un estado de excepción encuberto e a Galiza simplemente posúena. Había esperanzas no ano 2004 cando a esquerda recuperou o poder do estado, no que prometía, segundo o discurso ata entón empregado, ser unha nova alianza entre as forzas progresistas e as periféricas de cara a converter o estado nun pacto federativo real, unha “nova” transición. O resultado foi xustmente o contrario, cidadáns e pobos de España están a ver cómo se lles recurtan de certo os dereitos e chanzos avanzados durante o curto período da cativa democracia española. Hai unha clara involución en todos os estamentos do estado, e así é porque a España governaa o PSOE pero coas ideas e prácticas que impón o PP. España é do PP, que dicía nun artigo o escritor catalán Xavier Bru de Sala. E sendo do PP, controlados todos os resortes do aparello estatal, outra España non é posible. Espérannos décadas desta abafante realidade que como único horizonte dinamizador dispón dunha Catalunya cada día máis afastada e distante disposta a artellar novas respostas dende a sociedade civil.   

febreiro 19, 2010

SIHL Suízo und (e) SIL Galego: os pobos da Europa

As obrigas laborais leváronme estes días pasados á cidade Suíza de Zürich onde fun sorprendido, alén de por moitas outras cousas, polo nome dun dos ríos que travesa unha parte desta cidade: SIHL. Decontado o meu pensamento bateu no río que co mesmo nome, SIL, está situado na Gallaecia histórica (o SIL travesa as agora chamadas provincias de León, Lugo e Ourense). Axiña pensei na lingua xermánica, concretamente na Suizo-alemá, que se fala neste cantón do país centroeuropeo, parente da que trouxeran con eles á Gallaecia romana os Suevos aló polo ano 411 da nosa era. Disque este pobo xermánico atravesara outro río, o RIHN (curioso o H colocado tamén entre a vogal e maila consonante para estes dous hidrónimos), na procura dun territorio onde asentar cando o imperio romano entraba de cheo no seu devalo. Roma entregáralles daquela a través dun pacto o territorio do noroeste da Hispania, a provincia que os mesmos romanos consolidaran como espazo diferenciado aló polo 285 d.C dándolle o nome de Gallaecia, sendo nesta provincia romana onde os Suevos fundaran a primeira entidade política diferenciada dentro do anterior imperio. O Reino Suevo tería sido deste xeito o primeiro estado emergullado e constituído no proceso de devalo e posterior desfeita do imperio romano. Disque os Suevos na Gallaecia trocaron as armas polos arados, a súa lingua polo latín e mesmo a relixión propia polo cristianismo. Debéronse sentir de tal xeito integrados que terían optado en moitos aspectos pola asimilación na daquela xa diferenciada nacionalidade galega. Porén, deixáronnos algunhas pegadas importantes. Velaí as toponímicas, ou neste caso hidronímicas, cal é o caso do SIHL, e tamén as xurídicas –mantiveron estruturas xurídicas propias que non proviñan do dereito romano- que foron sustento da independencia política que consolidaron case ao longo de dous séculos – serían completamente asimilados polos visigodos aló polo 585 d.C-. E no plano sentimental deixáronnos a posibilidade de sentirnos profundamente europeos polos trazos que podemos achar xunguíndonos a estes pobos fundadores do vello continente, dos cales nós tamén por historia e tradición formamos parte, sendo ademais pioneiros na península ibérica.

xaneiro 31, 2010

Paradoxos políticos e particulares

Nunca pensei que o actual presidente da Xunta de Galicia puidese facer tanto a prol do galego. Non somos poucos os que pensamos que máis ca normativas e decretos o que precisamos é dunha maior conciencia. E velaí que Feijoo está a contribuír na formación, en distintos graos, dunha conciencia cidadá a prol da defensa da lingua propia de Galiza. Paradoxos políticos. En menos dun ano de mandato, o presidente conta con algo insólito na historia da democracia galega: tres manifestacións, na capital do país, de milleiros de persoas en contra do seu propósito linguicida. Estamos de boa nova. De termos dado continuidade ao bipartito de seguro que o que tería acontecido no terreo lingüístico sería, chisco arriba chisco abaixo, máis do mesmo dos últimos trinta anos, ben que sen retroceso normativo como agora se pretende. Pero nestas chegou Feijoo e, como raposo no galiñeiro, alborotou a gaiola dándolle un protagonismo á lingua que dificilmente lle tería dado calquera outro partido do abano parlamentario. A lingua está agora no centro, no debate. Detractores e defensores, postulantes intermedios, moderados, radicais, etc. Hai debate verbo da lingua galega, e isto é bo con independencia da orixe do mesmo. Grazas daremos a Galicia Bilingüe -organización na que os seus membros practican o bilingüísmo só falando en castelán-, e grazas daremos a que o entón candidato á Xunta Feijoo precisaba de arrepañar votos de debaixo das pedras. E por se fose pouco, alén de darlle cohesión e unidade á oposición coa política lingüística que pretende implantar, resulta que na propia casa as boinas están a rexeitar tamén a postura marxinalizante do galego que tenta botar adiante, e todo mentres afortalan o seu poder – estes días Baltar fillo foi encumiado como novo Rei PP de Ourense: quen dixo que en Galiza non hai aristocracia ?. E aínda por riba, sendo presidente o dos Peares, chega un soberanista de esquerdas a presidir a Real Academia Galega. Dígovos que a cousa promete. A lingua continuará a ser protagonista, e nós case que teriamos que pensar, aínda e que moremos nas antípodas ideolóxicas: ¡ Feijoo, que ben que viñeches!

xaneiro 16, 2010

Feijoo e o galego

Non é ousado pensar que algunha mañá ao erguer da cama Feijoo debeu desexar ter nacido nun lugar do territorio hispánico onde non haxa que facer eses equilibrios incómodos nin crear consensos entre dúas linguas oficiais. Mágoa, nacérono nos Peares, como adoita a recordarnos. Despois do visto se cadra lle gustaría ter escollido outro lugar. Mais agora ¿ quen lle ha desfacer o nobelo que el mesmo teceu ? Nin sabemos, nin parece doado. Polo pronto a promesa que contraera co sector galegófobo na campaña electoral ( cántas veces se terá acordado o presidente de Rosa Díez, presente na manifestación de Galicia Bilingüe en Santiago antes das eleccións ) estao levando ao que semella ser un calellón sen saída. Tanto así que mesmo foxe dos focos e da prensa: presentou o borrador do novo decreto en plenas vacacións escolares e cando aínda o persoal estaba dixerindo os turróns: o 30 de decembro. ¡ Ficade tranquilos que se trata dun borrador !. Nel estabelécese a presenza dun terzo para cada lingua ¿pero non tiñamos dúas? Si pero Feijoo é moderno e tráenos tamén o inglés. Non sabemos cantos profesores de ensino non universitario en Galiza poderán dar aulas de materias troncais na lingua mundial dos negocios, mais antóllasenos que moi poucos (chegarán ao 2% ? ao 3% ?). Xa que logo, a introdución do inglés como lingua vehicular xunto coas oficiais ábrelle, a efectos prácticos, a porta sobre todo ao castelán que lle manducaría terreo ao galego: cando non haxa dispoñibilidade docente en inglés o colexio decide como se ocupa esa porcentaxe. E non é difícil agoirar que no xeneralizado contexto de inferioridade que vive o galego na maioría dos casos o terreo baleiro deixado polo inglés será ocupado pola lingua preeminente. O goberno da Xunta desenténdese da súa obriga de protexer ao galego. Porén, non parece que Feijoo o vaia a ter fácil. Á marxe da posible ilegalidade da proposta, a sociedade galega a través da plataforma Queremos Galego, que arestora aglutina a máis de cincocentas entidades de tipo moi diverso, está a plantarlle cara ao aldraxe á lingua propia. Se cadra a conciencia cívica que está a despertar esta agresión sexa unha boa semente de futuro. Salvando as distancias, tamén Aznar contribuíu a que Catalunya recuperase o soberanismo como opción política. O tempo será xuíz.

xaneiro 05, 2010

A cuestión do "Decreto"


Casi imposible non manifestar aquí a nosa opinión respecto do borrador do "Decreto" que ha regular a presenza do galego ( e, xa que logo, do castelán ) no ensino non universitario en Galiza. Nembargantes ás veces atópase un cun artigo na prensa escrita ( e arestora tamén dixital ) que sintetiza boa parte do noso pensamento. Así que, qué mellor que botar aquí a ligazón para que o lean ( quen o escribe, Justo Beramendi, é un catedrático da USC), velaí volo deixo : Feijoo e o galego: si pero non

decembro 24, 2009

Joaquim Pinto da Silva, galego-portugués



Velaí o nome deste portugués-galego ou galego-portugués avanzado ao pensamento corrente sobre a verdadeira dimensión histórica da cuestión galaico-portuguesa. Tal e como Joaquim encabeza no seu artigo: "Portugal e Galiza, do interdito ao crucial - um texto incómodo (a Norte e Sul do Minho) de cultura, de política -". A incomodidade dun texto nos contextos culturais e, sobre todo, nos políticos soe ser proporcional ás interpelacións que xorden do mesmo, ben en forma de pregunta, ben de verdade silenciada. Destes dous tipos hai moito na cuestión galego-portuguesa.

decembro 16, 2009

Cidadáns sen estado

Os estados teñen a obriga, ou deberían tela, de defender os dereitos dos seus cidadáns e en calquera caso, se eses dereitos non están aínda recoñecidos nas cartas constitucionais ou na orde xurídico-política, deberían pular para que o estean; é dicir, actuar na dirección de ampliar eses dereitos. Mais acontece a miúdo todo o contrario. Dous exemplos que apareceron estes días nos xornais, o primeiro de eles moi mediático, o segundo non tanto, aínda que ben importante.


Aminatou Haidar. Unha activista que loita polo recoñecemento dos dereitos do seu pobo, o saharauí, dende hai máis de vinte anos. Aminatou leva arestora preto de trinta días en folga de fame para denunciar o súa situación de apátrida: as autoridades do estado Marroquí non a deixan regresar a El Aaiún, onde reside coa súa familia. Segundo lemos na prensa a Aminatu ocorréuselle escribir nos impresos da Aduana e de inmigración o nome do seu país, República Árabe Saharauí Democrática, en troques do nome do estado que lle concede a cidadanía: Marrocos. Tal é o delito que este último lle retira o pasaporte e a obriga a pedirlle desculpas ao Rei Mohamed VI para que lle sexa tramitada a documentación que lle permitiría regresar ao seu lugar de nacemento. Velaí como o estado antepón os seus intereses aos dereitos dunha súa cidadá que simplemente desexa volver ao territorio onde naceu. Atenta Aminatou contra o estado por querer chamarlle ao seu país polo seu nome.

O goberno Francés rexeita crear unha lei de linguas. O ministro francés de Identidade Nacional ( ¿Alguén cre que non existen os nacionalismos de estado ? ) confirmou estes días que o goberno do cal forma parte rexeitará finalmente botar adiante unha lei que promova os dereitos dos cidadáns que falan bretón, éuscaro, corso ou catalán, argumentando que isto chocaría contra os “principios de indivisibilidade da República”. Non nos trabuquemos, tanto no miolo de Europa como en África hai cidadáns sen estado porque este, lonxe de protexer os seus dereitos e ter vontade de ampliarllos, pula por llelos esmagar.

decembro 02, 2009

La dignitat de Catalunya


Velaí encabezando esta entrega o título do editorial conxunto que publicaron o pasado 26 de novembro unha boa présa de xornais de Catalunya: Avui, Diari de Girona, Diari de Sabadell, Diari de Tarragona, Diari de Terrassa, El 9 Nou, El Periódico de Catalunya, La Vanguardia, Regio 7, Segre, El Punt. Un editorial onde as correspondentes direccións destes medios da prensa escrita se poñen de acordo para expresaren a súa inquedanza diante do posible inminente fallo do Tribunal Constitucional (TC) sobre o novo “Estatut  de Catalunya”, salientando, tal e como din no mesmo editorial, que este se está a producir despois “... de case tres anos de lenta deliberación e continuas tácticas que feriron a cohesión e erosionaron o seu prestixio”. A sensación do Pobo Catalán é, como ben  se pode entender, de fartura. No seu día, hai tres anos, os cataláns referendaran un Estatuto que anteriormente xa fora retallado nunha xogada de Zapatero, previo pacto con CiU –que sempre vendeu ao país polo seu prato de lentellas-, para facer que pasase polas Cortes Españolas sen o desgusto do PSOE máis rancio. Esa versión light foi a aprobada en Cortes e a que volveu de novo a Catalunya para ser referendada, aínda que contando cun apoio menor por mor da petición de voto en contra de ERC, o cal influira non só no voto contrario senón tamén na abstención.  Agora, disque outra institución do Estado (o TC) o pode recortar aínda máis: o fallo deste tribunal podería deixar o Estatuto catalán moi mermado nos avances esenciais respecto do punto de partida: o anterior estatuto de 1979. De se dar este caso: ¿qué outra vía de avance lle quedaría ao Pobo Catalán ? Hai uns meses escribira neste espazo sobre o nada desprezable medre do independentismo en Catalunya: segundo algúns estudos sociolóxicos case o 20% da poboación se amosa favorable á fundación dun estado propio. Son xa máis de 100 os municipios cataláns que farán consulta sobre a independencia para o vindeiro 13 de decembro. Todo apunta a que hai unha fenda entre Catalunya e o Estado que se abre cada vez máis porque a primeira demanda a dignidade que o segundo é incapaz de fornecerlle.