Ao parecer tan mal corren estes tempos de crise que algunha xente prefire vender a súa liberdade e a dos seus por uns poucos cartos. Enteirámonos estes días de fin de ano dando voltas por algún xornal dixital galego da seguinte nova: algúns centos de cidadáns letóns pídenlle ao multimillonario ruso Román Abramovich -propietario entre outros do club inglés de fútbol Chelsea- que merque o seu país ¡Vaiche boa, Vilaboa! Letonia é unha das chamadas repúblicas bálticas, xunto con Lituania e Estonia; un país que acadara a independencia despois da I guerra mundial (agosto de 1920), para ser de novo anexionada vinte anos máis tarde á Unión Soviética (xuño de 1940). Co caída do muro e o bloque comunista obtivo novamente a independencia (agosto de 1991). Trátase dun país co dobre da extensión galega (uns 60000 qmts2) e un chisco menos de poboación (2 millóns 300 mil). Non deixa de ser rechamante que un país masacrado ao longo da súa historia polos imperios veciños dominantes (alemáns e rusos) e despois de dezasete anos de soberanía recuperada dispoña dunha minoría, aínda que sexa pouco significada, que desexe volver á escravitude dependente dun amo poderoso ¿Será se cadra o síndrome do colonizado?, ou ¿será que os cartos son máis aprezados cá dignidade? ¿Terán presentes estes señores en demanda do amo Abramovich a ringleira de letóns que deixaron a súa vida para que eles fosen homes libres? Un comentario á noticia dicía: ”que pouco amor propio teñen estes letóns, calquera diría que son galegos...”. Pensei que o comentario era esaxerado e dixen para min que os galegos non venderiamos dese xeito o noso país. Pero despois púxenme a botar contas e analizando polo miúdo: litoral estragado polo urbanismo exacerbado, louseiras e canteiras nos espazos naturais, lingua e culturas propias deturpadas, etc. Pensei que en Galiza, como en Letonia ou calquera país do mundo, hai xente disposta a vender a dignidade ao mellor ofertante. E pensei que hai no fondo de todo isto unha constante e latente batalla ideolóxica que cómpre librar: “Hai cousas que non se venden. Non teñen prezo”. A liberdade dos cidadáns dun país, entre as primeiras.
1 comentario:
O poderoso dá seguridade a aquel que sempre estivo acostumbrado a ser patrón. Os marxistas sempre definiron estas cuestións nacionais en termos de obreiro-burgués e creo que é acertado no caso concreto do que falamos.
Moitas veces falamos de cultura galega (letona, por ex.) cando nos referimos ás nacións pero, indo máis aló deberíamonos cuestionar: ¿Qué gaña Touriño subxugándose a Zapatero?
Eu coido que nada, todo é froito dun centenario complexo de inferioridade do noso país, das nosas xentes.
Unha forte aperta, Suso
Publicar un comentario