febreiro 19, 2010

SIHL Suízo und (e) SIL Galego: os pobos da Europa

As obrigas laborais leváronme estes días pasados á cidade Suíza de Zürich onde fun sorprendido, alén de por moitas outras cousas, polo nome dun dos ríos que travesa unha parte desta cidade: SIHL. Decontado o meu pensamento bateu no río que co mesmo nome, SIL, está situado na Gallaecia histórica (o SIL travesa as agora chamadas provincias de León, Lugo e Ourense). Axiña pensei na lingua xermánica, concretamente na Suizo-alemá, que se fala neste cantón do país centroeuropeo, parente da que trouxeran con eles á Gallaecia romana os Suevos aló polo ano 411 da nosa era. Disque este pobo xermánico atravesara outro río, o RIHN (curioso o H colocado tamén entre a vogal e maila consonante para estes dous hidrónimos), na procura dun territorio onde asentar cando o imperio romano entraba de cheo no seu devalo. Roma entregáralles daquela a través dun pacto o territorio do noroeste da Hispania, a provincia que os mesmos romanos consolidaran como espazo diferenciado aló polo 285 d.C dándolle o nome de Gallaecia, sendo nesta provincia romana onde os Suevos fundaran a primeira entidade política diferenciada dentro do anterior imperio. O Reino Suevo tería sido deste xeito o primeiro estado emergullado e constituído no proceso de devalo e posterior desfeita do imperio romano. Disque os Suevos na Gallaecia trocaron as armas polos arados, a súa lingua polo latín e mesmo a relixión propia polo cristianismo. Debéronse sentir de tal xeito integrados que terían optado en moitos aspectos pola asimilación na daquela xa diferenciada nacionalidade galega. Porén, deixáronnos algunhas pegadas importantes. Velaí as toponímicas, ou neste caso hidronímicas, cal é o caso do SIHL, e tamén as xurídicas –mantiveron estruturas xurídicas propias que non proviñan do dereito romano- que foron sustento da independencia política que consolidaron case ao longo de dous séculos – serían completamente asimilados polos visigodos aló polo 585 d.C-. E no plano sentimental deixáronnos a posibilidade de sentirnos profundamente europeos polos trazos que podemos achar xunguíndonos a estes pobos fundadores do vello continente, dos cales nós tamén por historia e tradición formamos parte, sendo ademais pioneiros na península ibérica.

xaneiro 31, 2010

Paradoxos políticos e particulares

Nunca pensei que o actual presidente da Xunta de Galicia puidese facer tanto a prol do galego. Non somos poucos os que pensamos que máis ca normativas e decretos o que precisamos é dunha maior conciencia. E velaí que Feijoo está a contribuír na formación, en distintos graos, dunha conciencia cidadá a prol da defensa da lingua propia de Galiza. Paradoxos políticos. En menos dun ano de mandato, o presidente conta con algo insólito na historia da democracia galega: tres manifestacións, na capital do país, de milleiros de persoas en contra do seu propósito linguicida. Estamos de boa nova. De termos dado continuidade ao bipartito de seguro que o que tería acontecido no terreo lingüístico sería, chisco arriba chisco abaixo, máis do mesmo dos últimos trinta anos, ben que sen retroceso normativo como agora se pretende. Pero nestas chegou Feijoo e, como raposo no galiñeiro, alborotou a gaiola dándolle un protagonismo á lingua que dificilmente lle tería dado calquera outro partido do abano parlamentario. A lingua está agora no centro, no debate. Detractores e defensores, postulantes intermedios, moderados, radicais, etc. Hai debate verbo da lingua galega, e isto é bo con independencia da orixe do mesmo. Grazas daremos a Galicia Bilingüe -organización na que os seus membros practican o bilingüísmo só falando en castelán-, e grazas daremos a que o entón candidato á Xunta Feijoo precisaba de arrepañar votos de debaixo das pedras. E por se fose pouco, alén de darlle cohesión e unidade á oposición coa política lingüística que pretende implantar, resulta que na propia casa as boinas están a rexeitar tamén a postura marxinalizante do galego que tenta botar adiante, e todo mentres afortalan o seu poder – estes días Baltar fillo foi encumiado como novo Rei PP de Ourense: quen dixo que en Galiza non hai aristocracia ?. E aínda por riba, sendo presidente o dos Peares, chega un soberanista de esquerdas a presidir a Real Academia Galega. Dígovos que a cousa promete. A lingua continuará a ser protagonista, e nós case que teriamos que pensar, aínda e que moremos nas antípodas ideolóxicas: ¡ Feijoo, que ben que viñeches!

xaneiro 16, 2010

Feijoo e o galego

Non é ousado pensar que algunha mañá ao erguer da cama Feijoo debeu desexar ter nacido nun lugar do territorio hispánico onde non haxa que facer eses equilibrios incómodos nin crear consensos entre dúas linguas oficiais. Mágoa, nacérono nos Peares, como adoita a recordarnos. Despois do visto se cadra lle gustaría ter escollido outro lugar. Mais agora ¿ quen lle ha desfacer o nobelo que el mesmo teceu ? Nin sabemos, nin parece doado. Polo pronto a promesa que contraera co sector galegófobo na campaña electoral ( cántas veces se terá acordado o presidente de Rosa Díez, presente na manifestación de Galicia Bilingüe en Santiago antes das eleccións ) estao levando ao que semella ser un calellón sen saída. Tanto así que mesmo foxe dos focos e da prensa: presentou o borrador do novo decreto en plenas vacacións escolares e cando aínda o persoal estaba dixerindo os turróns: o 30 de decembro. ¡ Ficade tranquilos que se trata dun borrador !. Nel estabelécese a presenza dun terzo para cada lingua ¿pero non tiñamos dúas? Si pero Feijoo é moderno e tráenos tamén o inglés. Non sabemos cantos profesores de ensino non universitario en Galiza poderán dar aulas de materias troncais na lingua mundial dos negocios, mais antóllasenos que moi poucos (chegarán ao 2% ? ao 3% ?). Xa que logo, a introdución do inglés como lingua vehicular xunto coas oficiais ábrelle, a efectos prácticos, a porta sobre todo ao castelán que lle manducaría terreo ao galego: cando non haxa dispoñibilidade docente en inglés o colexio decide como se ocupa esa porcentaxe. E non é difícil agoirar que no xeneralizado contexto de inferioridade que vive o galego na maioría dos casos o terreo baleiro deixado polo inglés será ocupado pola lingua preeminente. O goberno da Xunta desenténdese da súa obriga de protexer ao galego. Porén, non parece que Feijoo o vaia a ter fácil. Á marxe da posible ilegalidade da proposta, a sociedade galega a través da plataforma Queremos Galego, que arestora aglutina a máis de cincocentas entidades de tipo moi diverso, está a plantarlle cara ao aldraxe á lingua propia. Se cadra a conciencia cívica que está a despertar esta agresión sexa unha boa semente de futuro. Salvando as distancias, tamén Aznar contribuíu a que Catalunya recuperase o soberanismo como opción política. O tempo será xuíz.

xaneiro 05, 2010

A cuestión do "Decreto"


Casi imposible non manifestar aquí a nosa opinión respecto do borrador do "Decreto" que ha regular a presenza do galego ( e, xa que logo, do castelán ) no ensino non universitario en Galiza. Nembargantes ás veces atópase un cun artigo na prensa escrita ( e arestora tamén dixital ) que sintetiza boa parte do noso pensamento. Así que, qué mellor que botar aquí a ligazón para que o lean ( quen o escribe, Justo Beramendi, é un catedrático da USC), velaí volo deixo : Feijoo e o galego: si pero non

decembro 24, 2009

Joaquim Pinto da Silva, galego-portugués



Velaí o nome deste portugués-galego ou galego-portugués avanzado ao pensamento corrente sobre a verdadeira dimensión histórica da cuestión galaico-portuguesa. Tal e como Joaquim encabeza no seu artigo: "Portugal e Galiza, do interdito ao crucial - um texto incómodo (a Norte e Sul do Minho) de cultura, de política -". A incomodidade dun texto nos contextos culturais e, sobre todo, nos políticos soe ser proporcional ás interpelacións que xorden do mesmo, ben en forma de pregunta, ben de verdade silenciada. Destes dous tipos hai moito na cuestión galego-portuguesa.

decembro 16, 2009

Cidadáns sen estado

Os estados teñen a obriga, ou deberían tela, de defender os dereitos dos seus cidadáns e en calquera caso, se eses dereitos non están aínda recoñecidos nas cartas constitucionais ou na orde xurídico-política, deberían pular para que o estean; é dicir, actuar na dirección de ampliar eses dereitos. Mais acontece a miúdo todo o contrario. Dous exemplos que apareceron estes días nos xornais, o primeiro de eles moi mediático, o segundo non tanto, aínda que ben importante.


Aminatou Haidar. Unha activista que loita polo recoñecemento dos dereitos do seu pobo, o saharauí, dende hai máis de vinte anos. Aminatou leva arestora preto de trinta días en folga de fame para denunciar o súa situación de apátrida: as autoridades do estado Marroquí non a deixan regresar a El Aaiún, onde reside coa súa familia. Segundo lemos na prensa a Aminatu ocorréuselle escribir nos impresos da Aduana e de inmigración o nome do seu país, República Árabe Saharauí Democrática, en troques do nome do estado que lle concede a cidadanía: Marrocos. Tal é o delito que este último lle retira o pasaporte e a obriga a pedirlle desculpas ao Rei Mohamed VI para que lle sexa tramitada a documentación que lle permitiría regresar ao seu lugar de nacemento. Velaí como o estado antepón os seus intereses aos dereitos dunha súa cidadá que simplemente desexa volver ao territorio onde naceu. Atenta Aminatou contra o estado por querer chamarlle ao seu país polo seu nome.

O goberno Francés rexeita crear unha lei de linguas. O ministro francés de Identidade Nacional ( ¿Alguén cre que non existen os nacionalismos de estado ? ) confirmou estes días que o goberno do cal forma parte rexeitará finalmente botar adiante unha lei que promova os dereitos dos cidadáns que falan bretón, éuscaro, corso ou catalán, argumentando que isto chocaría contra os “principios de indivisibilidade da República”. Non nos trabuquemos, tanto no miolo de Europa como en África hai cidadáns sen estado porque este, lonxe de protexer os seus dereitos e ter vontade de ampliarllos, pula por llelos esmagar.

decembro 02, 2009

La dignitat de Catalunya


Velaí encabezando esta entrega o título do editorial conxunto que publicaron o pasado 26 de novembro unha boa présa de xornais de Catalunya: Avui, Diari de Girona, Diari de Sabadell, Diari de Tarragona, Diari de Terrassa, El 9 Nou, El Periódico de Catalunya, La Vanguardia, Regio 7, Segre, El Punt. Un editorial onde as correspondentes direccións destes medios da prensa escrita se poñen de acordo para expresaren a súa inquedanza diante do posible inminente fallo do Tribunal Constitucional (TC) sobre o novo “Estatut  de Catalunya”, salientando, tal e como din no mesmo editorial, que este se está a producir despois “... de case tres anos de lenta deliberación e continuas tácticas que feriron a cohesión e erosionaron o seu prestixio”. A sensación do Pobo Catalán é, como ben  se pode entender, de fartura. No seu día, hai tres anos, os cataláns referendaran un Estatuto que anteriormente xa fora retallado nunha xogada de Zapatero, previo pacto con CiU –que sempre vendeu ao país polo seu prato de lentellas-, para facer que pasase polas Cortes Españolas sen o desgusto do PSOE máis rancio. Esa versión light foi a aprobada en Cortes e a que volveu de novo a Catalunya para ser referendada, aínda que contando cun apoio menor por mor da petición de voto en contra de ERC, o cal influira non só no voto contrario senón tamén na abstención.  Agora, disque outra institución do Estado (o TC) o pode recortar aínda máis: o fallo deste tribunal podería deixar o Estatuto catalán moi mermado nos avances esenciais respecto do punto de partida: o anterior estatuto de 1979. De se dar este caso: ¿qué outra vía de avance lle quedaría ao Pobo Catalán ? Hai uns meses escribira neste espazo sobre o nada desprezable medre do independentismo en Catalunya: segundo algúns estudos sociolóxicos case o 20% da poboación se amosa favorable á fundación dun estado propio. Son xa máis de 100 os municipios cataláns que farán consulta sobre a independencia para o vindeiro 13 de decembro. Todo apunta a que hai unha fenda entre Catalunya e o Estado que se abre cada vez máis porque a primeira demanda a dignidade que o segundo é incapaz de fornecerlle.

novembro 16, 2009

Feijoo en Barcelona, impresións dunha visita


O pasado sábado 14 de novembro, aproveitando a convención nacional do PP na cidade de Barcelona o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo pasou polo Centro Galego de Barcelona. Nunha primeira parte dese encontro coa comunidade galega de Barcelona Feijoo ofreceu, ao meu entender, un discurso aos presentes recorrente aos tópicos. Relembra a súa nenez nos Peares para dicir que vivía nunha provincia (Ourense) e ía á escola noutra (Lugo), e así sinalar que o importante non son as partes senón o todo. Trátase de unir, esa é a miña idea de Galicia, afirmaba diante dun auditorio propicio a este tipo de verbo populista. Dicía Feijoo: “Galiza ten tres aeroportos pero o importante non é cal dos tres uses senón se o destino é Galicia”, claro que digo eu que usar un o outro tamén dependerá de se vas á Mariña Luguesa ou ao Condado, por poñer un exemplo). “Galicia ten tres universidades pero hai só unha universidade galega“, claro que digo eu que tamén de xeito individual e especializándose poden cumprir unha función complementaria. Alén do populismo empregado, do cal son unha mostra as anteriores frases, o peor é cando Feijoo comete erros de coñecemento dos datos estatísticos básicos e tamén dos históricos referentes á realidade do país. Por exemplo, acertou cando dixo que en Galiza hai 2 millóns 700 mil habitantes pero errou cando dixo que había 400 mil galegos fóra da Galicia territorial (Sr. Feijoo son eses 400 mil multiplicados por 3) ¡Ai a diáspora galega, esa gran descoñecida! Outro erro, neste caso histórico, cando situou o achado do restos do Apóstolo no século VI. De calquera xeito ao tipo de público asistente o que lle chega e esa mensaxe de “eu son un dos vosos”, nacín nos Peares e estou aquí para unir a todos os galegos, os de dentro e os de fora, somos coma os “Irlandeses ou como os Xudeus” (¡ que máis quixeramos ! ). Electoralismo puro e duro, baleira mensaxe de país. E claro como nós en Barcelona non lle podemos votar fíxose acompañar doutro Alberto (Fernández Díaz) representante do PP no concello de Barcelona. Na segunda parte da visita Feijoo reuniuse con representantes das entidades e asociacións de Catalunya. Ás preguntas relevantes non respondeu ( ¿Ten pensado poñer en marcha unha Institución para a promoción exterior da Cultura Galega ?, ¿Para cando unha Delegación Institucional da Xunta en Barcelona e noutras cidades clave da diáspora galega ?) e aproveitou outras para espertar os aplausos dos máis reaccionarios: ¿se hai convenio para que os rapaces dos Institutos de Catalunya poidan estudar, nunha materia de libre elección, o galego,  pensan cumprir o convenio respecto do catalán nos Institutos Galegos ?: os nenos galegos deben estudar antes inglés ca catalán. Unha resposta que ninguén pon en cuestión, pero a pregunta obviamente non era esta. Novamente o Sr. Feijoo botaba man do populismo que tanto alimenta á nosa xente. No medio do rebumbio un sentía un profundo estrañamento, calado e sen saber que dicir.

novembro 03, 2009

Hai un galego en Santa Coloma



O tópico di que hai un galego na lúa, pretendendo recoller o feito de que case podes atopar un en calquera lugar: velaí que tamén hai un na trama de corrupción de Sta. Coloma de Gramanet. Chámase Manuel Dobarco Touriño, un pontevedrés que emigrou a Catalunya nos anos sesenta dende o municipio de Cotobade. Ao parecer Dobarco traballou primeiro na Seat, como moitos outros conterráneos, pero segundo lemos na prensa destes días, axiña se incorporou ao sindicato, supomos que guiado pola súa vocación ao servizo público (isto dígoo porque llo teño escoitado a moita xente cando tentan explicar porque son sindicalistas ou políticos), e do sindicato guindouse ao concello de Santa Coloma.

Comezaba o soño catalán de Dobarco. E facemos suposición, que non ficción, e imaxinamos que Manuel, pasiño a pasiño, á galega, pondo un pé aquí e outro acolá, facendo un favorciño por aquí e servindo un lacón ou unha mariscada acolá ( ¡ Cántos favores lles deben algúns galegos á gastronomía patria ! ), foi mellorando a súa posición para facerse finalmente coa concellería de urbanismo de Sta. Coloma, unha cidade que, para que teñan unha idea, arestora ten 117 mil habitantes; é dicir, como Ourense ou Lugo (vaia que pequena non é, así que os cartos se moven). Como concelleiro de urbanismo exercía a presidencia de Gramepark SA, a empresa municipal de promoción inmobiliaria que o xuíz Garzón sitúa como matriz dunha trama de corrupción inmobiliaria. Esta semana pasada, despois de sete anos de investigación e escoitas a altos cargos do municipio, a chamada operación Pretoria tomaba corpo cando o xuíz ordenaba a detención de nove políticos vinculados a PSC e CIU, e entre eles estaba o noso conterráneo Manuel Dobarco Touriño, para quen, de confirmarse as acusacións, debeu rematar o seu particular “soño catalán”.

Madeira de líder. Seguindo co noso exercicio de suposición, que non de ficción, cremos que Manuel non se debeu sentir nunca como un máis na súa comunidade de orixe emigrada á Catalunya industrial e desenvolvida, pola contra entendeuse como alguén dos chamados a representar e liderar aos seus conterráneos (aos paisanos, como diría el) no tecido asociativo que os galegos manteñen na sociedade catalá. Velaí que, alén da política municipal, Manuel é tamén –cando menos até hoxe- secretario do “Centro Cultural e Social Airiños dá Nosa Galicia” da mesma cidade na que exercía de concelleiro. ! Que maior prestixio para os de “Airiños da Nosa Galicia” que ter un directivo con tal cargo no concello! (ademais, xa se sabe, sempre pode caer algo). Ao parecer na tal entidade andan abraiados coa detención: "Simpático, humilde, de total confianza e moi boa xente", leo na prensa a opinión dos compañeiros da entidade verbo de Dobarco Touriño. Visto o furado de Gramepark SA (coido que da orde de 85 millóns de €) non sei se eu opinaría o mesmo.

Amizades perigosas. Como dicían nos debuxos animados ( ¡ quen nos dera facer uns con toda esta xentiña!), non se vaian que aínda hai máis. Pois ben o señor Manuel Dobarco Touriño ademais de secretario da antedita entidade “Cultural e Social” galega “Airiños da Nosa Galicia” sita en Santa Coloma é tamén secretario xeral da Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat) cuxo actual presidente, Ernesto Lagarón, fórao durante os dezaseis anos da PAX Fraguiana da Federación de Entidades Galegas en Catalunya (Fedelcat). Aconteceu que co defunto bipartito chegou tamén a alternancia á chamada Federación: Lagarón e compañía foron destronados. Aguantaron mecha até que chegou o salvador: Nuñez Feijoo. Sen posibilidade inmediata de asaltar o poder da Fedelcat en maio deste ano fundaron a Aegalcat, e catro días máis tarde da súa fundación trouxeron nin máis nin menos que ao mesmo presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, para que lles santificara o “chiringo” (supoño que aos lectores todos estes cogomelos de asociacións e federacións galegas en Catalunya lles lembran iso que precisamente reivindican os da Aegalcat no seu ideario fundacional: dar presenza ao feito galego; é dicir: ao minifundismo, o localismo, o clientelismo, o caciquismo, aos poderiños particulares, etc.). Velaí que primeira viaxe do presidente da Xunta de Galicia a Catalunya estivo marcada polo encontro con ese sector de galegos que fan de Galicia o seu negocio particular. Non visitou o presidente Nuñez Feijoo aos que están a traballar de xeito desinteresado pola lingua, a cultura e a presenza dunha Galiza digna no seo da sociedade catalá. Algúns dos galegos que residimos en Catalunya constatamos, con moita mágoa, que exista un grupo de conterráneos interesados en arrogarse para o seu propio beneficio a representatividade de Galicia, reproducindo para isto as lamentables estruturas que a veñen atrancando secularmente, e que lonxe de sumar e cohesionar, poñendo por riba o interese da comunidade, fagan a guerriña pola súa conta guiados única e exclusivamente polos seus cativos particulares intereses; e que sexan estes, aínda por riba, os que teñan o apoio institucional da Xunta que preside Nuñez Feijoo. Temos entendido que Manuel Dobarco Touriño e Ernesto Lagarón comparten dende hai tempo amizade, así como de certo comparten presidencia e secretaria na Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat), preguntámonos si non compartirán algo máis; e tamén si Nuñez Feijoo, despois do acontecido en Santa Coloma, seguirá deixándose fotografar con Lagarón e compañía. Habemos ver.

outubro 12, 2009

Río de Xaneiro: ¿ oportunidade para Galiza ?



O pasado venres 2 de outubro había sesión no Comité Olímpico Internacional para decidir cal sería a cidade que ía organizar os Xogos Olímpicos do ano 2016. Diante doutras como Chicago, Tokio e Madrid a que fora capital do Brasil, e mesmo nalgún periplo do reino portugués, o Río de Xaneiro foi elixida polos representantes do COI como cidade sede olímpica. Supón este nomeamento un gran empurre para un dos grandes países emerxentes do século XXI, e tamén unha oportunidade para o subcontinente sudamericano de incorporarse ás dinámicas do chamado primeiro mundo.
Primeiras olimpíadas Galusófonas. No plano lingüístico e comunicativo han ser estas as primeiras olimpíadas que teñan como lingua de referencia o galaico-portugués (permítasenos o emprego do termo). E aí pensamos que pode ser tamén unha oportunidade para a póla galega do tronco lingüístico galusófono. Galegos e galegas poderemos percibir como, durante os arredor de vinte días de xogos, en todos os media do mundo soarán ou se verán, como eco de fondo, palabras galaico-portuguesas. Unha lingua acesa no altar do olimpismo e a comunicación mundial. Se cadra algúns dos aínda moitos que fican acomplexados, poidan entón tomar consciencia da magnitude internacional da lingua que posuímos.
Política galega para os xogos de 2016. Os xogos olímpicos do Río de Xaneiro poden ser, pola proximidade lingüística, cultural e social tamén unha oportunidade para Galiza. Pero para que así sexa han facer falta políticas axeitadas. Cómpre pensar cómo Galiza se pode subir ao carro dos xogos brasileiros para obter rendibilidade en todas as dimensións e, xa que logo, poñer en marcha as accións políticas consecuentes. Estou a pensar só nunha das múltiples posibilidades: Río de Xaneiro 2016 (ano olímpico) e Santiago de Compostela 2017 (ano xacobeo). Vencellar eses dous acontecementos, con toda a parafernalia de marqueting necesario, involucrando a persoas como Paulo Coelho, a quen vimos na delegación de representantes do Brasil, e fora quen introducira o camiño xacobeo no mundo brasileiro. Río de Xaneiro debe ser tamén unha oportunidade para Galiza.

outubro 06, 2009

Galeano e os galegos: patrias e colonialismo invisible

Pasou polas miñas mans o “Libro dos Abrazos” do escritor e xornalista uruguaio Eduardo Galeano. Débolle o achado a Martí Aviñoá, compañeiro e colaborador do programa de radio “Galiza algo máis” que se emite na emisora de http://www.sants3radio.cat/ da cidade de Barcelona. Neste profundo e pleno texto achei referencias directas a Galicia, e tamén reflexións aplicables a este país de noso.

O río do esquecemento. Deste xeito titula Galeano unha das súas curtas reflexións. Fai mención nela a que nunha ocasión visitara Galicia e contáranlle o motivo polo cal as tropas romanas non quixeran, nun primeiro contacto, travesar o río Limia (Lethes): o medo a perder a memoria, non saber quén es nin de ónde vés. Os galegos, que emigrados en latinoamérica poñían os nomes das súas aldeas e lugares de orixe aos seus negocios, di Galeano, despois de ficar sorprendido coa numerosa toponimia latinoamericana dos nomes das tabernas e bares, “de volta na súa terra de orixe nunca esqueceran nada. Nin cando marcharon, nin cando volveron; nunca esqueceran nada. Agora tiñan dúas memorias e tiñan dúas patrias”. Debe ser certo iso de que os galegos temos dúas, e tres, e até máis patrias. Somos uns saudosistas dos lugares onde moramos e que co tempo fican atrás. A todos os levamos no corazón. Se cadra é o panteísmo ancestral que corre polas nosas veas quen nos fai estimar a terra pisada e vivida. Mágoa que non lle tiremos a tan inestimable trazo antropolóxico unha rendibilidade política.
Colonialismo invisible. Como latinoamericano Eduardo Galeano entende ben de colonialismos. “O colonialismo visible mutílate sen disimulo: prohíbeche dicir, prohíbeche facer e prohíbeche ser. O colonialismo invisible, en troques, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza: convéncete de que non se pode dicir, non se pode facer, non se pode ser”. Para Galicia isto é: non se pode dicir nin facer en Galego, no se pode ser, por riba de todo e antes que nada, Galego. Ese colonialismo invisible, ese colonialismo interior, é a nosa gran doenza contemporánea, arestora e de novo instalada na máxima institución propia que dirixe o noso destino. Non nos damos desfeito del.

agosto 31, 2009

Solpor de verán

(Fotos de Galicia. Asociación Potiños. Fotos da Veracruz. Carballiño. / solpor J.L. Diz. 20/11/2004 )




Praia da lanzada. Vimos un vídeo, de suposta promoción de Galiza, onde Mariano Rajoy camiñaba pola praia da lanzada dando remate ao seu descanso estival. Nel o xefe da oposición amosaba con marcado orgullo unha camisola que levaba posta de apoio á candidatura de Madrid para organizar os xogos olímpicos de 2016. Mariano fala e di que sempre veranea en Galicia, lugar de orixe, preto desa praia que lle vale agora para o seu xogo mediático. Cedo, prosegue Don Mariano, viaxará a Copenhague para dar apoio á candidatura Madrileña. Aprendeu ben a lección dos predecesores (...,Leopoldo Calvo-Sotelo, Manuel Fraga): Galiza para descansar e Madrid para traballar e medrar. Colonia e Corte en perfecta sintonía.

A Touriño pasado. Nunha entrevista a Radio Nacional de España (RNE) de finais de agosto o ex-presidente da Xunta, Pérez Touriño, recoñecía a trabucada estratexia da campaña do 1 de Marzo. Nesa mesma desexáballe ao seu sucesor á fronte da Xunta, Núñez Feijoo, “o mellor” malia non compartir “valores, conviccións e comportamentos”. Sabemos o doado que é falar e xulgar a “touro pasado” aínda que tamén sabemos do valor que se recoñezan os erros e, sobre todo, que se signifique a distancia que afasta aos progresistas dos conservadores. Esperaremos os feitos: nunca unha reforma estatutaria de verniz.

A estratexia do silencio. Disque no estado español teremos crise para uns anos. A Feijoo nada lle escoitamos ao respecto das posibles medidas dende a Xunta. Tamén calou o ruxe ruxe que no seu día artellara o PP co gallo da modificación do proxecto da Cidade da Cultura. O único novo aquí foi sacar o termo “Nacional” para a biblioteca. Supomos que esta é agora implicitamente “Rexional”. E do financiamento nin palabra: Cataluña pode melloralo, entre outros porque ten nova lei estatutaria de seu. O novo goberno está ben adestrado: do problemático nin palabra, non vaia ser que a xente pense que mal ou nada facemos. ¡Así calquera che goberna! Non si?

xullo 15, 2009

Mentres marean a Perdiz






A opacidade das enquisas. O novo conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez, asegura que “hai moita xente traballando” no proceso de apertura e lectura das enquisas sobre as preferencias lingüísticas dos proxenitores sobre a (as) linguas que deben comandar o proceso educativo dos seus fillos. Non sabemos qué tipo de análise fará a consellería, nin qué preguntas serán as que teñan más peso, mesmo non sabemos qué decisións se han tomar en función das respostas. Unha grande opacidade xira ao redor de todo o proceso encetado pola nova Xunta, disque para asegurar a liberdade lingüística. Temos a sensación de que toda esta “baina” (en latinoamérica: cousa, conto, historia, etc) non serve máis que para marear a perdiz. E a saber o que matinan na retagarda.



Financiamento. O presidente da Xunta, Núñez Feijoo, pareceu manifestar desconformidade co modelo de financiamento estatal proposto dende o Ministerio de Economía e Facenda. Unha desconformidade que ten cheiro a dictame centralista: “as Comunidades Autónomas gobernadas polo PP absteranse na votación sobre o novo modelo de financiamento autonómico por orde da dirección estatal”. No seu momento Cataluña sacou adiante un novo Estatuto que lle permite agora mellorar o seu financiamento. Un tempo despois en Galiza as forzas progresistas tentaron facer o mesmo. Topáronse entón co insuperable valado do Sr. Feijoo que daquela fixo do debate nominalista, ¿ Nación si, Nación non ?, a coartada perfecta do inamovilismo. Xa dicía o poeta: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. E para que

siga sen se mover algúns seguirán a marear a perdiz.

xuño 29, 2009

No País Galego


En Trasalba. Xosé M. Beiras recolleu estes días o Premio Trasalba no homónimo Pazo-Museo, sito nos chaos de Amoeiro, un espazo sacro para a cultura e maila historia do País Galego. Seica Beiras se dirixiu ao espírito de Don Ramón, para el (e para moitos de nós) “querido e venerado” para confesarlle as súas dúbidas e interrogantes. Unha delas por riba de todas: o “ignorado” e “misterioso” porvir de Galicia. Afirmou o dirixente nacionalista que "Galicia non é o país dos ananos, pero os ananos proliferan e soben ao poder para destruír o país, pero non desertaremos, pois todo está por refacer nesta terra recuberta de cinsas". A cuestión de refacer en terra de cinsas sóanos á temática oteriana da resurrección. Se cadra se trata diso, morrer para nacermos de novo. Morte e resurreción. Asáltannos as dúbidas como a Beiras porque son moitos máis os enterradores cós resucitadores. De calquera xeito os resucitadores habitamos xa no país sen territorio da esperanza e de aí non nos movemos.
En San Domingos de Bonaval. Case ao mesmo tempo que Beiras recollía o premio en Trasalba, o presidente da Xunta entregaba en San Domingos de Bonaval as Medallas Castelao. Nese contexto Nuñez Feijoo afirmaba: "Para ser a alma do país, o gale­guismo actual ten que estar aber­to á pluralidade social, e ser maio­ritario. E o primeiro requisito para lograr eses obxectivos é un­ha cordialidade que permita, non só reafirmar os convencidos, se­nón incorporar os indiferentes e mesmo buscar a complicidade dos reticentes". Non sabemos se os reticentes dos que fala o señor Feijoo son os representados por Galicia Bilingüe, mais de entrada o presidente da Xunta, nun xesto de cordialidade lingüística, xa lles retirou a obriga de ter que facer os exames de acceso á función pública na lingua propia do país. Velaí o “galeguismo integrador” que predica e practica o presidente da Xunta: basicamente consiste en desgaleguizar o país. Lembren vostedes: sexan persoas cordiais e non amolen. ¡Non falen galego máis que na casa!

xuño 20, 2009

Asuntos de Feijoo e do PP


Consulta lingüística. Parece ser que o novo inquilino da Xunta aínda non se decatou de que a lingua galega é, de todas as do estado español, a que ten un maior retroceso neto de falantes. Non hai abandono lingüístico significativo nos que falan castelán, catalán e éuscaro falantes. Haino, e moito, nos galego falantes. Tampouco debe querer saber que o Plan de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004, establece como un dos seus obxectivos xerais conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e dálle prioridade á súa presenza en sectores estratéxicos, como é o caso do ensino non universitario. O único que sabe o actual presidente da Xunta é que lle debe dar xeito ao seu compromiso electoralista. Velaí que lle vai enviar enquisas aos pais e nais, disque son ao redor de 300 mil, para determinar cal ha ser a lingua vehicular. ¿u-lo a legalidade? ¿u-lo o rigor científico? Feijoo comeza alimentando un populismo que sabe ben é fonte de votos.
Con Mariano deica ao 2012. Rajoy gañou en Galiza e en Europa. As vitorias electorais do PP parecen consolidar a posición de Mariano Rajoy á fronte do partido, e a conquista de España semella algo máis achegada. Habemos ver. No bando socialista saben que estes son tempos malos, e para eles todo ben mentres os que se perdan sexan escanos no Far West da Iberia –entendan Galiza- ou aló no centro de Europa -entendan Bruxelas-. Os que realmente importan son os escanos da “Carrera de San Jerónimo”, os do poder real. E para estes aínda falta tempo de abondo como para que se apouvigue a crise, haxa financiamento para Catalunya etc. Así que con Mariano até o 2012. A cuestión entón para Feijoo será se Rajoy non entra na Moncloa: ¿quen lle percorrerá daquela as aldeas na campaña electoral ?

abril 29, 2009

Cambios políticos !!!


O PSdeG anuncia ter soterrado o “Touriñismo”. Os socialistas galegos celebraron congreso. O novo secretario xeral elixido foi Pachi Vázquez, ex-conselleiro de Medio Ambiente. Disque Vázquez, de quen o barón ourensán do PP Baltar en campaña electoral fixera mofa da súa orientación sexual, está decidido a soterrar o “Touriñismo”. Non sabemos de todo a que se refire con tal expresión o novo secretario. Ao parecer á deriva de coche oficial e afastamento, deriva presidencialista –lembremos o slogan de campaña: o Presidente-, na que entrara o executivo “Touriñense”. Por certo, algo do que tamén, segundo as bases do partido, padecera Quintana. A Rei morto, Rei posto. De xeito que pasados os dous efémeros “Touriñismo” e “Quintanismo” instalarase na Xunta o “Feixooismo” e no PSdeG o “Vazquismo” ( o de Pachi, que non o de Paco) e no BNG o “NonSeSabeAíndaismo”. ¡Cánta democracia de partido en Galiza! ¿Non si?

Feijoo, nomea o novo goberno. O recentemente elixido presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijoo, fixo pública a organización e composición do novo goberno. Feijoo xuntou as infraestruturas co medio ambiente e colocou a un xestor da construción á fronte desta consellaría (¡vaite medio ambiente!), tamén xuntou turismo e cultura (¡pobre cultura!, disque debe ser a cenoria que atraia ao turismo -o novo conselleiro dixit). A política lingüística Feijoo pechouna en educación, para que non amole moito. Creou una consellaría do mar e mantivo a de medio rural (antóllasenos que neste caso tería sido máis coherente xuntalas). Ente os altos cargos nomeados destaca o director xeral de administración local que dependerá de presidencia, José Norberto Uzal Tresandi, quen concorrera nunha candidatura de Falanxe Española Independente ás eleccións do Parlamento Europeo de 1994. Vaia, un demócrata de toda a vida. Baixo presidencia tamén colocou Feijoo a xustiza. ¡Hai que ter o importante ben atado!. Polo que se albisca: ¡Un auténtico goberno democrático e de progreso! Todo ben, en Galiza diso sabémosche moito.

abril 14, 2009

¡Volvendo ao rego !

O BNG irá ás europeas na coalición de Europa dos pobos. Pasadas as autonómicas o foco electoral vai parar ás eleccións europeas. Soubemos que o BNG deixa para esta convocatoria a alianza que mantiña con PNV e CiU na coalición Galeuscat para presentarse en coalición con ERC, Aralar e EA. Parece que a esnafrada do 1 de marzo fai recapacitar á forza nacionalista que volve cos seus, os das esquerdas, en detrimento do espazo nacionalista conservador. Antóllasenos que a decisión é axeitada cos tempos políticos e tamén coas ideas. Tamén soubemos que encabezará a lista nacionalista Ana Miranda, a candidata maioritariamente proposta dende as bases. Celebramos que a fronte nacionalista retome o camiño de seu, porque sen ser partidistas si que somos partidarios de que Galicia dispoña de voz propia e formada en Bruxelas.

Feijoo, confirmouse a política dos caranguexos. No seu discurso de investidura Feijoo dixo literalmente "Non vimos restaurar o pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores". Acto seguido fixo dous reproches, segundo el fundamentais, ao labor do goberno saínte: o concurso eólico e o decreto do galego no ensino. É dicir, reprochou o pouco bo que fixera o bipartito. ¡Vaiche boa Vilaboa! Ao respecto destes dous asuntos Feijoo realizou promesas específicas de revisión e derrogación, arrincando á vez os momentos de máis efusivo aplauso dende os escanos do seu partido. Confirmouse que o novo presidente da Xunta máis que conservador é regresionista. Axeitado entón para Galiza que, como os caranguexos, camiña cara atrás. ¡Mágoa de país!

O exilio, mal menor. Despois de escoitar a Feijoo un pensa que o exilio é un mal menor. Na Cataluña que habitamos a ninguén se lle ocorrería revisar e derrogar decretos que pretendían darlle pulo ao propio. Sabiamos que o mal dos colonizados é estimar máis o alleo có propio, e Feijoo semella padecelo a maiores.

marzo 30, 2009

¡Miña naiciña, como están as cousas !

Pactos en Euskadi. Os chamados grandes partidos do estado, PSOE e PP –a tal grandeza debe ser polo número de votantes-, guíndanse chuzos de punta cada vez que poden. Por pórse, nin se poñen de acordo co plano económico que nos haberá sacar da crise. Ora ben, se do que se trata é de botar fóra ao nacionalismo das institucións entón a concordanza entre eles funciona de marabilla. E iso que un deles sempre defendera que debe gobernar a lista máis votada. As alternancias son a saúde da democracia. Cumpríalle o cambio a Euskadi, mais este semella tan a contra corrente que non sabemos se pagará a pena (e todo sen contar os disque máis de 100 mil votos que non tiveron candidatura que os representase).
Castelao, Piñeiro, Risco. Nunha entrevista a Xesús Alonso Montero nun xornal dixital lémoslle que el di crer que Castelao non militaría en ningún dos partidos parlamentarios de Galiza. E pensamos: ¡Que mal andan as cousas da representatividade política no país atlántico!, ¿ non si ?. Na mesma o profesor di ser un gran Piñeirista pois Piñeiro era católico, anti-comunista e galeguista, tres cousas que Montero non profesa. Maila iso acaba de rematar un libro de amor a Piñeiro. A retranca quédase curta. E de Risco sorpréndenos dicindo: “Eu sempre digo que afortunadamente non fun gobernado por Vicente Risco, que fun gobernado por Franco, que estaba á esquerda de Risco”. ¡Caraches!, ¿así de “facha” sería Risco?
Coches, luxos e promesas. O vindeiro presidente da Xunta, Feijoo, acusou a Touriño de luxo asiático. O coche oficial do xa ex-presidente parecía custar máis de 400 mil. Unha barbaridade. Disque é o mesmo modelo de Fraga. Mais Feijoo afirma contundente que el será un xestor austero e promotor da economía do país. Polo pronto soubemos que o coche que utilizou nos últimos tres anos na oposición era un préstamo dunha marca que si fabrica en Vigo, malia que el non o declarara a facenda. Alén diso tamén soubemos que o seu coche particular, gardadiño no garaxe, é un da mesma marca do oficial da Xunta. ¡Ai, Feijoo!, ¿serán verdade todas esas promesas?