Despois do 1 de Marzo o país andou de resaca electoral. Voces que tentan explicar o porqué do cambio. Voces que agoiran tempos difíciles para a identidade do país: a lingua e cultura propias. Houbo até unha “proposición para refundar Galicia enteira”. Título co que o escritor Manuel Rivas ceibaba nun coñecido xornal, uns días despois da cita, a súa reflexión ao redor do acontecido. Aló literalmente dicía: “Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América. Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova.” Ou sexa que teremos máis do mesmo. É dicir do de sempre. A Touriño (e a Quintana tamén) acusárono de practicar o neo-fraguismo. Algúns afirman que ese foi o principal erro do bipartito: continuar no esencial coas mesmas prácticas e políticas do tempo da Pax-Fraguiana. Supúxose que dende o poder, co control dos medios, do CERA e dos orzamentos habería un novo réxime. Mais non. A xente decantouse pola alternancia, esencia da democracia, que dixera alguén. Supomos que a pretensión de converterse no novo réxime do país pasará polas cabezas dos novos ocupantes dos despachos de San Caetano. Habemos ver, se optan pola democracia ou polo réxime. Presunción de inocencia. Rivas remataba o seu artigo deste xeito “Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.” Eu matizo, o morto trouxérono eles, os que agora rexeran o futuro do país. Sabían que Castelao no cemiterio de Chacarita alimentaba máis a esperanza que soterrado en Bonaval. Ritualizar a utopía até desfacela é unha práctica necesaria para o réxime, liberala e darlle pulo sería alimentar a democracia. Habemos ver. Presunción de inocencia. O primeiro termómetro: a decisión sobre o decreto do galego. Os da mesa xa advertiron que, de non respectarse, se botarán á rúa. E é que non está a cousa como para perder o pouco que se acadara.
1 comentario:
Veño de descubrir o seu blog, e sobre todo, alguén que tamén coñece o verbo "invar" (que eu sempre pensei que era "imbar", protagonista dunha antiga anécdota familiar entre unha mestra gaditana transplantada ó Incio de hai un século e un alumno que tragou un pizarrillo. Ver o título do seu blog foi sentir o mesmo que cando ules un fento ou a herba seca: unha volta á infancia.
Publicar un comentario