O pasado 5 de Xuño presentouse na Facultade de Filoloxía (UB) Ruído de Trens, primeiro poemario da autoría de Eduard del Castillo Velasco, membro e colaborador de ERGaC, e que recibe edición pública grazas a ter obtido no 2014 o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Cómpre non esquecer que o devandito é extensión dun outro co que gañara o III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Xa que logo, son dous tribunais os que confirman a cualidade deste traballo literario.
A
presentación correu a cargo da profesora Sabela Labraña, quen
iniciara a Eduard na alfabetización da lingua galega hai xa máis
dunha década na mesma UB – Tempus
Fugit ! -,
e que a carón dela contou coa presenza física do autor -arestora
domiciliado en Compostela- e dun inesperado hóspede, o fillo duns
meses do poeta que o acompañou na cirimonia durmindo envurullado
nunha tea sobre o seu peito.
O
poemario que mesmo o autor encadra nos poemas de amor antóllasenos
percorrendo tamén, e non en menor grao, outros espazos: a
identidade, o paso do tempo, ... valla senón como proba un botón:
“Entregarnos é a única saída. / Aceptar con fervor que hai que
ir morrendo, / que é o decoroso a vida e o pracer”. Tal é cando
se entende o amor en senso amplo, apertando ás outras dimensións
presentes e necesarias da existencia, como non pode ser doutro xeito.
Unha apreciación esta que no prólogo de Ruído
de Trens,
o crítico Isaac Lourido resolve como: “tensión entre a nostalxia
do lugar que non existe ( orixe, pertenza, identidade ) e a
propensión conflituosa e reconfortante do amor”. No mesmo prólogo
e nunha outra apreciación apuntada polo crítico, refírese a como o
autor “opta polo tránsito e os corpos, que é tanto como dizer
pola inestabilidade e a carne”. Velaí, que outra cousa habita nas
nosas vidas máis que o tránsito, o decorrer dunha vida corpórea
que escoa entre as fendas do tempo. O home / A muller diante do río
imprevisible, inestable do decorrer da vida e do tempo. Porque en
Ruído
de Trens
as palabras estoupan na procura dunha realidade transitoria e carnal
que endexamais serán quen de apreixar – perquè
la paraula mai arriba a copsar del tot allò que esdevé! -.
A
Eduard Velasco, agora co nome literario, acompañámolo na
presentación ao redor dunha cincuentena de amigos e coñecidos que
puidemos descubrir que Ruído
de Trens é
unha enorme boa nova para a lingua e cultura de Galiza, nembargantes
vén de ircorporarse a elas de xeito público e notorio alguén que,
sen ter a orixe nos territorios e familias nadas no país, é quen de
coñecer no fondo, tanto no campo como na academia, o respirar dos
días de Galiza, cal é dicir, o sentir, pensar, expresar e amar da
súa cultura incardinada na vida das persoas do pobo, as mesmas que
habitaran o lugar-territorio, a Casa de Cereixa, convertido agora en
espazo literario dun amor que dá pé a uns poemas reveladores de
“que a natureza / - por sorte para todos-/ segue a estar por riba
da cultura/ á marxe do aparato co que visitamos a existencia”.
Eduard imprímelle a estes poemas de Ruído
de Trens
a elegancia da métrica, do léxico, do dominio dunha liguaxe ricaz
que eleva os estouridos das palabras á súa máxima expresión.
Porque el, que di non ter aldea, ten xa moitas aldeas e forma parte,
de corazón e con toda a súa bagaxe, da Nación dos galegos.
Excusádeme o repetido: Boa nova para Galiza e a súa literatura!
Benvido Eduard, sexa ésta tan só a primeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario