novembro 03, 2009

Hai un galego en Santa Coloma



O tópico di que hai un galego na lúa, pretendendo recoller o feito de que case podes atopar un en calquera lugar: velaí que tamén hai un na trama de corrupción de Sta. Coloma de Gramanet. Chámase Manuel Dobarco Touriño, un pontevedrés que emigrou a Catalunya nos anos sesenta dende o municipio de Cotobade. Ao parecer Dobarco traballou primeiro na Seat, como moitos outros conterráneos, pero segundo lemos na prensa destes días, axiña se incorporou ao sindicato, supomos que guiado pola súa vocación ao servizo público (isto dígoo porque llo teño escoitado a moita xente cando tentan explicar porque son sindicalistas ou políticos), e do sindicato guindouse ao concello de Santa Coloma.

Comezaba o soño catalán de Dobarco. E facemos suposición, que non ficción, e imaxinamos que Manuel, pasiño a pasiño, á galega, pondo un pé aquí e outro acolá, facendo un favorciño por aquí e servindo un lacón ou unha mariscada acolá ( ¡ Cántos favores lles deben algúns galegos á gastronomía patria ! ), foi mellorando a súa posición para facerse finalmente coa concellería de urbanismo de Sta. Coloma, unha cidade que, para que teñan unha idea, arestora ten 117 mil habitantes; é dicir, como Ourense ou Lugo (vaia que pequena non é, así que os cartos se moven). Como concelleiro de urbanismo exercía a presidencia de Gramepark SA, a empresa municipal de promoción inmobiliaria que o xuíz Garzón sitúa como matriz dunha trama de corrupción inmobiliaria. Esta semana pasada, despois de sete anos de investigación e escoitas a altos cargos do municipio, a chamada operación Pretoria tomaba corpo cando o xuíz ordenaba a detención de nove políticos vinculados a PSC e CIU, e entre eles estaba o noso conterráneo Manuel Dobarco Touriño, para quen, de confirmarse as acusacións, debeu rematar o seu particular “soño catalán”.

Madeira de líder. Seguindo co noso exercicio de suposición, que non de ficción, cremos que Manuel non se debeu sentir nunca como un máis na súa comunidade de orixe emigrada á Catalunya industrial e desenvolvida, pola contra entendeuse como alguén dos chamados a representar e liderar aos seus conterráneos (aos paisanos, como diría el) no tecido asociativo que os galegos manteñen na sociedade catalá. Velaí que, alén da política municipal, Manuel é tamén –cando menos até hoxe- secretario do “Centro Cultural e Social Airiños dá Nosa Galicia” da mesma cidade na que exercía de concelleiro. ! Que maior prestixio para os de “Airiños da Nosa Galicia” que ter un directivo con tal cargo no concello! (ademais, xa se sabe, sempre pode caer algo). Ao parecer na tal entidade andan abraiados coa detención: "Simpático, humilde, de total confianza e moi boa xente", leo na prensa a opinión dos compañeiros da entidade verbo de Dobarco Touriño. Visto o furado de Gramepark SA (coido que da orde de 85 millóns de €) non sei se eu opinaría o mesmo.

Amizades perigosas. Como dicían nos debuxos animados ( ¡ quen nos dera facer uns con toda esta xentiña!), non se vaian que aínda hai máis. Pois ben o señor Manuel Dobarco Touriño ademais de secretario da antedita entidade “Cultural e Social” galega “Airiños da Nosa Galicia” sita en Santa Coloma é tamén secretario xeral da Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat) cuxo actual presidente, Ernesto Lagarón, fórao durante os dezaseis anos da PAX Fraguiana da Federación de Entidades Galegas en Catalunya (Fedelcat). Aconteceu que co defunto bipartito chegou tamén a alternancia á chamada Federación: Lagarón e compañía foron destronados. Aguantaron mecha até que chegou o salvador: Nuñez Feijoo. Sen posibilidade inmediata de asaltar o poder da Fedelcat en maio deste ano fundaron a Aegalcat, e catro días máis tarde da súa fundación trouxeron nin máis nin menos que ao mesmo presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, para que lles santificara o “chiringo” (supoño que aos lectores todos estes cogomelos de asociacións e federacións galegas en Catalunya lles lembran iso que precisamente reivindican os da Aegalcat no seu ideario fundacional: dar presenza ao feito galego; é dicir: ao minifundismo, o localismo, o clientelismo, o caciquismo, aos poderiños particulares, etc.). Velaí que primeira viaxe do presidente da Xunta de Galicia a Catalunya estivo marcada polo encontro con ese sector de galegos que fan de Galicia o seu negocio particular. Non visitou o presidente Nuñez Feijoo aos que están a traballar de xeito desinteresado pola lingua, a cultura e a presenza dunha Galiza digna no seo da sociedade catalá. Algúns dos galegos que residimos en Catalunya constatamos, con moita mágoa, que exista un grupo de conterráneos interesados en arrogarse para o seu propio beneficio a representatividade de Galicia, reproducindo para isto as lamentables estruturas que a veñen atrancando secularmente, e que lonxe de sumar e cohesionar, poñendo por riba o interese da comunidade, fagan a guerriña pola súa conta guiados única e exclusivamente polos seus cativos particulares intereses; e que sexan estes, aínda por riba, os que teñan o apoio institucional da Xunta que preside Nuñez Feijoo. Temos entendido que Manuel Dobarco Touriño e Ernesto Lagarón comparten dende hai tempo amizade, así como de certo comparten presidencia e secretaria na Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Aegalcat), preguntámonos si non compartirán algo máis; e tamén si Nuñez Feijoo, despois do acontecido en Santa Coloma, seguirá deixándose fotografar con Lagarón e compañía. Habemos ver.

3 comentarios:

Silvio Falcón dixo...

Ola Suso,

Concordo coa análise que fas. Deume por buscar en google o nome da AEGALCAT, para informame.

Aquí che poño a imaxe para que xulgues por ti mesmo, se non ten coña o choio.

http://lh5.ggpht.com/_A50WW_woECs/SvC3vqlm3GI/AAAAAAAAAjs/z2hX4Nk1n9M/s720/Sin%20t%C3%ADtulo.png

Apertas,

Xosé Manuel Fdez dixo...

A min tamén me colleu por sorpresa a noticia, aínda que con tanta corrupción destapada o que están conseguindo é que xa nos empezemos a inmunizar. Decepción. Eu coñezo a Manuel Dobarco, coincidín con el cando dirixía o programa de radio "Camiño da Terra" para a entidade galega "Airiños da nosa Galicia" na que sempre alternou diferentes postos na directiva. Ben situado no Concello e persoa de referencia no Centro Galego de Santa Coloma, popular e afable con todos, colaborador... E ao final chega a sorpresa en forma de decepción: Amor pola Terra (CAT-GZ)pero máis amor polo pecunio propio, entrar en política con vocación de servizo público para acabar servíndose do Público...
"Á Administración honrando e co cazo roubando". Unha mágoa

Lingua pacedora dixo...

Máis que "wanted" eu diría "Cachado". Aínda é presunto, pero... Como rin cando o vin polo telediario. Agora, xa pode mirar por riba do ombreiro a todos os seus compañeiros de edificio... cun pouco de sorte, fanlle unha cara nova!
Moi bo post!!!