Asistimos estes días de eleccións á recuperación dos debates televisivos entre os candidatos á presidencia do goberno español despois dunha boa presa de anos sen eles. No caso galego a devandita recuperación producírase hai un tempo despois da segunda longa noite de pedra, a chamada por algúns: Pax Fraguiana. Demasida expectativa para tan pouco resultado. Porque o primeiro destes encontros, celebrado a finais deste febreiro, foi todo menos un debate. Cada un dos candidatos, Zapatero e Rajoy, fixo un mitin político. Que ti falas de inmigración, eu falo de matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Que ti falas de terrorismo, eu falo de lei de dependencia. E así case todo. Practicamente non houbo intercambio de ideas, refutacións, retruques ás palabras do contrario. Até as metáforas empregadas por un dos candidatos; estou pensando na nena da que falou Rajoy na intervención final non foi aproveitada por Zapatero, e mira que daba pé. Que cousa máis pobre dende o punto de vista dialéctico e ideolóxico. Que cousa máis morna. Meus Deus! Escoitamos uns días despois o debate galego: Touriño, Quintana e Feijoo. O peor sen dúbida o presidente, todo o tempo lendo dos papeis. ¿é que non poden artellar discurso sen ter os papeis diante? ¿é que non controlan e teñen presentes os datos daquelo que gobernan? Se é así, entón: ¿qué fan de gobernantes?. Estivo máis brillante Feijoo ca Touriño. Amosáronse unha vez máis as eivas dialécticas que ten o presidente, por non falar do seu galego. Quintana defendeu a posición nacional: as cousas feitas dende Galiza e para Galiza, niso centrou o seu discurso e digamos que aprobou. O peor é que tampouco houbo debate real: moita lectura, moi poucas ideas e menos aínda novidosas. ¿son estes os políticos que merecemos? SE CADRA SON.
Ningún comentario:
Publicar un comentario