febreiro 26, 2007

Retorno e desencontro


O que vive desposuído da cousa sentida está condenado a idealizala. E canto máis arredada no tempo -que é o espazo da memoria-, canto máis desposuído dela, maior é a idealización. Se cadra aplicaría unha fórmula física ao devandito sentir: a magnitude da idealización é proporcional á distancia temporal respecto da cousa mitificada. Por iso o reencontro é sempre unha experiencia de frustración. Unha neurose que cortada de súpeto non ten tempo para sandar. Quen habita entre pantasmas non se pode axeitar á realidade nun chisco de ollo. O retorno é sempre un desencontro. Nestes días soubemos que unha obra co título de “Psicopatoloxía do retorno” dos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, acadou o premio de ensaio Ramón Piñeiro. A obra fala diso: das pantasmas dos retornados, do seu desencontro, da súa neurose. Nunha entrevista a un dos autores lemos: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. E pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade que é allea á nacenza, construída a pulso arredados do lugar de orixe ”. Dicía o poeta que habitamos na nosa infancia e debemos ser, engado eu, da nosa madurez. Para quen a infancia está nun espazo diferente da madurez sempre haberá un desacougo, unha fractura, porque rehabitar a infancia é unha das irracionais arelas de todo humano. Pero cunha identidade e unha esencia diferentes é sempre unha desesperación. Se cadra, ao cabo, o mellor sexa seguir habitando para sempre entre pantasmas.

febreiro 17, 2007

Santa María do Castro


A consellaría de Cultura vén de publicar e pendurar na rede unha, penso que interesante e ben lograda, Guía de Castros de Galiza e Noroeste de Portugal . Tal e como afirman no limiar de presentación: "Por primeira vez pódense encontrar nunha única publicación castros a ambas as beiras da actual liña divisoria entre Galiza e Portugal. Nese senso supón un avance importante sobre outras publicacións precedentes por facer explícita de maneira conxunta a realidade cultural que, hai hoxe máis de 2000 anos, estaba presente nos nosos territorios." Demostrando este símbolo da cultura material o que xa sabiamos: que a Nación histórica, a vella Gallaecia remata onde remata tamén a cultura dos castros, polo sur no Douro e polo leste en territorio Asturiano, Leonés e Zamorano. Busquei nesa guía os castros da provincia de Lugo e atopei na páxina 27 o Castro de Santa María do Castro. Este castro non foi coñecido na súa etapa contemporánea até finais dos oitenta. Antes era só a parroquia do Castro (Santa María), do concello de Cervantes, coa súa Igrexa e o seu cemiterio. No ano 1966, xusto cando fixen unha longa viaxe dende a caribeña Caracas para ser bautizado nesta parroquia - alguén me trouxo pois eu non podía daquela facer viaxes tan longas-, comezou a contruísrse o novo cemiterio, con nichos de 3 andares. Daquela aínda nin rastro do Castro, agochado debaixo da terra. Lembro especialmente o 1974, camiñando dende a aldea, Bustelo, deica a Igrexa da man da miña a avoa, que levaba nos beizos o título deste blog. Porque ela non tragaba, senón que invaba despois de se quedar sen dentamia. Lembro tamén como aparecera o Castro, como xa dixen aló polos finais dos oitenta. Foi co gallo de facer una nova pista de entrada. Nunha presada de terra erguida apareceran as "casiñas". Mesmo como mo contara meu pai semellaba que estaban a falar de vivendas de ananiños. Agora sabemos que dende o mesmo século I, se cadra antes, houbo este asentamento. Sabemos que é cemiterio dende o XIV. E que dende ese máxico 1966 é un cemiterio de novos "departamentos" uns por riba dos outros. Moito do por min máis querido está soterrado neste máxico espazo que é para min o lugar máis sagrado da terra. Porque para a cultura celta -e castrexa- a terra é sagrada porque nela están soterrados os devanceiros. E, despois de todo, aínda latexa en nós o espírito celta, molde do que somos.

febreiro 12, 2007

O país portátil e a Galicia global


Manuel Rivas faise eco neste artigo dese país potátil que moitos carrexamos connosco aló onde estamos. Unha frase entre moitas das que sobrancearía do artigo de Rivas: A Diáspora, por diante. Pensando o que non se pensa na Galicia "territorial". Somos díaspora, Galiza Global, levamos o país portátil na cabeza e, sobre todo, no corazón, e dende a nosa morada "exterior" estamos a pensar o país como non se pensa dende o "territorio" ¿ Para cando a superación desa fenda ?

febreiro 05, 2007

Escoitando atentamente ao presidente

Pasou hai un tempo polo Centro Galego de Barcelona o presidente da Xunta Pérez Touriño, e a dicir pola foto hai quen o escoitaba con toda atención. Mágoa que o presidente e maila súa comitiva, esposa incluída, non reparasen en quen máis de preto lle prestaba unha enorme atención. Se cadra, non o sei, se os presidentes estivesen máis pendentes dos máis cativos a todos nos iría mellor. Claro que Clara, como os outros nenos, non vota. E iso é moito incoveniente para que sexan visualizados.

xaneiro 31, 2007

Transduriana, outro nome para Galicia

Interesante artigo de Méndez Ferrín onde nos achega un feito histórico descoñecido por nós segundo o cal antes de terlle chamado os romanos definitivamente Gallaecia ao territorio teríanlle chamado Transduriana ("desde os gregos e os autores latinos máis antigos se chamou territorio de Gallaecia ou Callaecia -habitado polos Callaeci ou Gallaeci, en senso restrinxido ou lato- era chamado por Augusto: Transduriana Provincia ).

O nome recolle o feito histórico-xeográfico que concibía como unidade a terra de tras do Douro ("o nome Transduriana confírmanos que os límites xeopolíticos da Gallaecia polo Sul son os que marca o Río Douro, ou Durius. Alí remata o macizo galaicoduriense e alí termina, polo Sul, a cultura dos castros"). De ter triunfado este nome hoxe seriamos transdurianos. Case que penso que nisto a historia nos favoreceu. Galegos, soa mellor ¿non si?.

xaneiro 24, 2007

Pop Rosalía en Galician Tunes


Esta imaxe pop de Rosalía tirámola do web de Galician Tunes que dende aquí recomendamos para que lle botedes unha ollada e mesmo escoitedes algunhas das músicas.
Galician Tunes is a website dedicated to promoting Galician musical culture, with information about its history, from its origins to the present day. The web offers a selection of 46 tracks that can be listened to on line, and a complete directory of Galician music resources that includes artists, companies, festivals, professional associations, organisations and official music circuits.
Parabéns para a institución promotora que por fin nos pon no mundocomo merecemos.

xaneiro 11, 2007

reNOVA GALIza en Santiago e A Coruña

A revista reNOVA GALIza será presentada o vindeiro xoves 18 de xaneiro en Santiago e o venres 19 n'A Coruña. Ademais da presentación en si haberá senllas mesas redondas:
  • "A Galiza global no século XXI: desafíos da diáspora para a Galiza territorial" (en Santiago)
  • "Retos da integración na Galiza actual da cidadanía global galega" (n'A Coruña)

A cuestión da diáspora galega parece ser un elemento clave á hora de considerarmos o proxecto de construción da Galiza contemporánea e futura. En parte, cremos, o éxito do país dependerá en cómo artella e incropora toda esa enxurrada de galegos que non vivindo en Galiza (na Galiza territorial) si que están nela (de corazón e de nación). Sen dúbida todo un desafío.

xaneiro 03, 2007

Ferrol - Astano: Xosé Luís Méndez Ferrín


Interesante achega da intervención de X.L. Méndez Ferrín en Solidaridade cos traballadores de ASTANO, coido que aló polo 1986, se non estou trabucado, por mor da reconversión que impuxo dende Madrid o goberno do PSOE. As palabras de Ferrín poden nalgún aspecto resultar anacrónicas xa que, por exemplo, o socialismo real do que fala é a día de hoxe unha peza de museo. Agora ben teñen o seu valor histórico e de compromiso coa clase traballadora dun dos máis afamados escritores galegos que sempre ten afirmado, como fai neste video, que emancipación nacional e social deben ir da mao xuntas.

decembro 29, 2006

Ranchiños en Caracas

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Velaí unha foto ateigada de ranchiños en calquera dos moitos "cerros" que arrodean a cidade de Caracas. Fálase de millóns de presoas vivindo nestas casiñas feitas de calquera maneira unhas enriba das outras sen plan ningún nin cousa que se lle asemelle. Son os habitantes destes ranchiños aquí en Caracas e en toda Venezuela os que lle dan a vitoria a Chávez, porque aínda e que sexa para fornecelos de remendos foi o único presidente que se fixou neles. Ás veces gustaríame saír á fiestra e velos, como facía alá, porque forman parte tamén da miña paisaxe. Se cadra tanto como as verdes praderías de Ancares coas súas vacas rubias pacendo ¿ quen sabe ?

decembro 23, 2006

A Nazón de Breogán, versión "flamenco"

A polémica está servida. A interpretación do Himno de Galiza en versión flamenca alporizou a algúns dos membros do Parlamento Galego na celebración do 25 aniversario, sobre todo, aos deputados nacionalistas. Escoitado este anaquín da interpretación que alguén pendurou na rede parece que esta foi fermosa e sentida. Coido que debemos comezar outra fase do noso desenvolvemento nacional que pase por non arrepiarnos sempre que escoitemos ou cheiremos algo que teña que ver con España, porque as Nacións maduras e sensatas, que é o que debemos ser, tamén saben aprezar e empregar o bo que hai nas Nacións veciñas. Mesmo empregan iso que hai de bo e aprezable para recrear a identidade propia. Ao outro chámaselle "complexo de inferioridade". Claro que nós disto do "complexo" aínda levamos dabondo nas alfándegas.

decembro 19, 2006

O Berro extremo. Desacougo.

Quixen traer aquí este berro Edvard Munch porque é sen dúbida un dos máximos expoñentes do expresionismo e porque reflexa intensamente o desacougo. Esta palabra galega ten abondos matices que encadran na explicación da situación psíquica expresada neste cadro que co título de "Berro" pintara Munch en 1893. El mesmo describiu deste xeito a experiencia que o levou a pintar esta obra: "Eu camiñaba con dous amigos pola estrada, entón chegou o solpor; de súpero, o ceo tornouse vermello como o sangue. Detívenme, apoieime no valado, indiciblemente canso. Lapas de lume e sangue extendíanse sobre o fiordo negro azulado. Os meus amigos seguiron camiñando, mentres eu ficaba atrás tremendo co medo, e sentín o berro enorme, infinito, da natureza".

decembro 10, 2006

Anne Frank Huis


A casa de Ana Frank Anne Frank Huis é unha mostra máis do que a sociedade civil holandesa achega ao conxunto da memoria histórica de Europa, que tan falta está dela. Soubemos ademais da existencia do Diario de Ana Frank en galego, segundo nos din unha fermosa e moi coidada edición do diario que esta nena adolescente escribiu mentres estivo durante dous anos agochada dos nazis nunha casa da capital dos países baixos. Sabemos que a súa historia rematou na morte pero non pereceu en nós a idea e maila necesidade de seguir loitando, día a día, recuncho por recuncho, contra todas aquelas formas políticas que tentan facernos crer que hai "persoas máis persoas ca outras" polo feito de seren de raza, relixión ou calquera outra caracterización humana diferente. Despois de saber que o castiñeiro físico que Ana Frank vía dende a fiestra do seu agochadoiro, fonte de vida e alegría para ela naqueles momentos escuros e tristes, tamén pereceu podemos agora colocar a nosa folla no castiñeiro virtual dende o web do museo. E despois disto deberemos seguir ao axexo porque o fascismo pode abrollar en calquera lugar e momento da historia humana, seguramente nos máis inesperados.

novembro 21, 2006

Galiza é única

Intelixente xeito de amosar Galiza en España poñendo a identidade en valor. Parabéns á consallería. Recollo as palabras que se din no video: luscofusco, ribeira, badalada, carballeira, morriña. Por certo que o outro día descubrimos que carballo é unha palabra de orixe celta que neste caso fica galeguizada co sufixo -eira: carballeira. O mestre Méndez Ferrín di que falamos o romance latino con máis presenza de léxico celta. Palabras únicas, como di no anuncio. Outra razón para pensar que o galego é o meirande dos nosos tesouros colectivos.

novembro 14, 2006

reNOVA GALIza 2 na Orfeu-livraria de Bruxelas

11 de novembro de 2006.
Como alguén lembrou durante o acto era o día de San Martiño. De esquerda a dereita: Xavier Alcalá, Xabier Queipo, Ana Miranda, Camilo Valdehorras e Suso Mon. Diante o público que encheu a Orfeu-livraria de Bruxelas, un espazo galego-portugués na capital de europa. Algunhas das cousas que se dixeron na presentación foron:
-A diáspora debe ser arestora entendida non como emigración senón como cidadanía global galega.
- Co Monográfico estabamos apostando pola Galiza global e nacional a un tempo.
- A Galiza Global é un concepto que engloba a todos os galegos independentemente de se son cidadáns do territorio administrativo de Galiza ou de calquera outro país.
- A diáspora galega é imprescindible para colocar a Galiza no mundo no século XXI.
- Cómpre unha política que aposte pola diáspora en termos de dereitos e cidadanía.
A crónica de La Voz dá máis información de cómo trascorreu o acto.

novembro 07, 2006

Bruxelas: eu pasaba por alá

Se alguén vai pasar este sábado en Bruxelas entón recomendámoslle que se achegue á libraría Orfeu.
Presentación do número 2 da revista reNOVA GALIza
Sábado 11 de novembro de 2006 ás 18:00h
Orfeu - Livraria portuguesa e galega em Bruxelas
Rue du Taciturne, 431000 BRUXELLES- Belgique

outubro 26, 2006

Os Ancares, reserva da Biosfera



Ledicia ao sabermos a nova de que a Unesco vén de declarar que as nosas montañosas terras dos Ancares sexan Reserva da Biosfera. Para min Ancares é, entre outras moitísimas cousas, esta imaxe dun verde prado no medio das montañas. Na memoria aparecen entón: Caldela, Rubia, Morita e Parda, que eran as catro vacas da casa, e mais eu co meu paraugas facéndolles de pastor. De ida e de volta afaláballes: vaca vei, to vei to, veite vaca vei, etc...Toda unha linguaxe, todo un mundo, toda unha nación antiga bulindo polo meu ser.
Aquí podedes atopar máis información sobre a declaración da Unesco.

outubro 19, 2006

Reportagem sobre a língua galega na TV portuguesa

Interesante reportaxe sobre a lingua galega que se emitiu na TV Portuguesa. ¿como conseguirmos que os Portugueses coñezan mellor a parentela do Galego e mailo Portugués e a situación do Galego en Galiza? Seguramente que estes reportaxes son un bo camiño.

outubro 06, 2006

reNOVA GALIza no Café Tortoni de Bos Aires

No Café Tortoni de Bos Aires tivo lugar a presentación do monográfico do número 2 da reviststa reNOVA GALIza, A Galiza Global: os galegos e galegas no mundo (I). No Web do Foro Cívico de Barcelona atopamos máis fotos e información.

outubro 04, 2006

Lula e mailo "noso" Brasil

Estes días estamos a seguir o que acontece nese, ás veces tan preto e outras tan lonxe, país marabilloso que é o Brasil. Dicimos "noso" porqué forma parte do noso espazo cultural. Eu adícome estes días a escoitar Radio Globo do Río de Janeiro e decátome, "máis uma vez", da incríble proximidade do galego e mailo brasileiro. Despois boto unha ollada na Folha de Sao Paulo e pregunto: ¿ cando van ter de brasileiro aulas os nenos galegos ? Respóndome, cando Galiza saiba onde fica o seu lugar no mundo. Namentres eu a escoitar Radio Globo e a ler a Folha de Sao Paulo.