marzo 30, 2006
Cos pés espidos
Anda cos pés espidos. Todo mundo ve que anda sen zapatos. Porque non os ten, non por outra cousa. Ten a pel negra, ben negriña. É un neno famélico a quen a fame lle tirou o sorriso da cara. Unha fame longa e continuada que fixo del alguén desgraciado e sen esperanza. Por esperar nin espera vivir moitos máis anos. Agora percorre o vertedoiro, onde a cidade botou os rastrollos sobrantes. Un cachiño dalgo para comer, un anaco de cousa que lle vai quitar a fame por un intre a cambio de encherlle a barriga de vermes, de máis vermes dos que xa ten. Namentres no outro lado do grande mar alguén decidiu que ía comezar unha guerra e mandou miles de homes ao deserto de oriente. E morreron mulleres, homes e nenos. Nenos ben pequenos. Pequenos de máis para ter morto. Nalgún outro lugar descoñecido para este relato alguén berra pola xustiza que nunca chegara. Namentres el, no vertedoiro, nas aforas da cidade, no arrabaldo de chabolos, no centro do continente esquecido segue a buscar, cos seus pés espidos, un anaco de calquera cousa que lle quite a fame. E se cadra despois de comer algo botara un sono.
marzo 17, 2006
Pensión Palmita
Algunha vez nalgún outro lugar deberon escribir que no centro de Caracas as rúas non teñen nomes. Téñeno, en troques, as esquinas. Na esquina de Pinto había unha parillada onde se mercaban uns pratiños de cartón con anacos de carne e iuca. Máis adiante estaba a Cervezería Hércules, onde ademais de cerveixas había mulleres que sentaban nas mesas cos homes e bicaban neles. Na outra esquina, a chamada de Viento, estaba o quiosco, onde se mercaban as chucherías. De Pinto a Viento, número 43. Unha casa ateigada de xente. Unha pensión. Si, unha pensión. Unha pensión que tiña, despois dunha ampliación que lle fixeran, nada menos que 37 cuartos. E como se pode supoñer cada un deses cuartos tiña a súa historia. Eran 37 historias. Case demasiado xuntas para que todas trascorresen cunha certa normalidade. Había, digamos, interferencias. É decir, que algunhas desas historias mesturábanse coas outras. Eles eran, entre outros. Un universitario enganchado. Unha exiliada cubana con lembranzas dun amor imposible na figura do cantante Juan Legido. Un home aragonés que tiña, ademais dunha distribuidora de café, moitas noivas. Un, dous, tres, ... venezolanos do interior que gustaban do boxeo, o béisbol e mailo tabaco mascado, e un xogo de cartas que lle chamaban o truco. Unha fermosa portuguesa co seu fillo e o seu noivo de color. Un, dous, tres, ... galegos de diferentes lugares que gustaban de sentirse xuntos e xogar ao subastado. A comezos dos anos setenta, nunha casa colonial do século XIX reconvertida en pensión, habitan, entre outros, galegos emigrados. Xúntanse para botar a partida. Un neno achégase a súa mesa. Véios. Escóitaos. Un día, dous, tres, catro centos, cinco centos días. Até que interioriza aquelas voces, aquel sentir, aquela diferenza e faise con ela. Trinta anos despois. A penas trinta anos máis tarde vai ler Sempre en Galiza. E daquela entenderá mellor a fotografía que na súa memoria lle llembra a un neno escoitando aquelas voces diferentes de catro homes que están a botar un subastado, indiferentes á presenza do cativo, nunha pensión do centro de Caracas. Ah, esquecía. Na entrada había un letreiro, se cadra con publicidade de coca-cola, onde poñía: Pensión Palmita.
febreiro 26, 2006
Non a esquezades que morre
Non teñades a afouteza de esquecer certas cousas. Sobre todo certas palabras. As palabras son as que sustentan este universo tecido e entretecido de novo. Este espazo refeito, rexurdido das nosas mans, que son a nosa forza, pero sobre todo da nosa memoria que non é outra cousa que unha rede de palabras. Así que reparade ben no que vos vou explicar: prepararemos a masa para os feixós. Se cadra vos chamádeslles filloas. O importante nisto dos feixós-filloas é que a masa debe quedar lelda, sen burbullas, quere dicir ben mesturada e no seu punto. Tamén podiamos ter preparado na artesa, como non, a masa para o pan. De centeo ? De trigo ? Tanto ten. O importante é que a masa saia lelda porque senón o pan non vale. Home valer vale, comerémolo igual, pero non será o mesmo. Xa está. Paseivos a palabra. Non a esquezades que morre. Lembrade que este universo de memoria, botado aquí na rede telemática, depende de que estas e outras palabras non sexan esquecidas. Así que depende de nós, da nosa rede, unha rede de memoria que constrúe, de vagar, a conciencia dun país marxinado e esquecido que é a nosa patria.
febreiro 23, 2006
A terra é rica e nós somos pobres
Axiña virán os tempos de marchar. Todo cando agora estamos a facer, toda esta loita titánica serrando madeira de sol a sol e día tras día non impedirá o inevitábel. Atrás quedarán os camiños percorridos, os fríos sentidos e os amores ostentados. Atrás o tempo adolescente e esta nosa fala enxebre. Todo ficará atrás, a penas atesourado nun recuncho da memoria. Axiña, aínda que non o pensemos, aínda que non o desexemos nin o soñemos, axiña virán os tempos de marchar. Todo empurra nesa dirección. Aquí o único que temos é unha terra e os nosos brazos. Nada e ninguén máis. Marcharemos, como xa levan feito centos, miles, millóns antes ca nós. Viviremos a ilusión de comezar de novo nalgún outro lugar, de gañar cartos e progresar. E despois, cando os anos teñan pasado, abordaranos unha estraña mágoa, unha dor de peito , un sentimento de perda irreversíbel por todo o tempo roubado, o tempo pasado fóra do noso espazo amado, do natural lugar ao que pertencemos. E daquela seremos seguramente vellos. Non quedará tempo de máis. A penas, se cadra, para comprender que a terra e nós somos fillos dunha inxustiza que ninguén endexamais reparará.
febreiro 17, 2006
No rosto dos días quéimanse os soños
Interminables e longas son as noites de inverno branco no medio do case ren. Alí na alta montaña onde os cumes son de pedra e as casas de lousa. Vai frío aló fóra, vai moito frío. A carón do lume interior os días están a pasar e pasar, sen dar conta de nada. O seu rosto e un baldeiro de nada, un lugar onde os soños xa foron queimados. Cando pase a invernía as flores chamarán pola primavera e despois será o vrao quen non deixe tempo mais que para preparar outro inverno branco, frío, baldeiro, grandísimo. Un tras outro os anos han ir pasando e deste xeito consumirase unha vida, e despois, despois outra. Se cadra unha visita familiar tirará, por un pouco, da tristeza que é caseira xa, se cadra nin iso. E despois, quero dicir, despois do despois da nada, sentirá unha antiga, fonda e persistente angunia no peito, aló no fondo, que non deixará de doer e doer, día tras día, noite tras noite do inverno branco, frío e escuro. Entón, cando sexa insoportable, cando chantada na alma para sempre non deixe abrollar luz algunha polo guiceiro da porta, será entón cando sinta que xa non lle paga a pena seguir vivindo.
febreiro 15, 2006
Cascudas para un futuro
Na noite anterior remexía nas bombonas, énchendoas con aquel líquido velenoso que malia a máscara dicía que lle rubía polo nariz para baixar despois pola gorxa para afundir e chantar nos pulmóns. Fumigando “cucarachas” e “chiripas” construía o seu soño futuro afastado daquel cheiro insoportable. Cando pechan os bares, os restaurantes, os chamados por el “negocios”. Nas últimas horas hai que andar por detrás das barras, dos armarios, dentro das gabetas e dos bauis: flish, flish, flish, espalla o líquido, císcao para darlles morte a aqueles insectos abondosos e excesivos, interminables no clima tropical. Lembranza dun cheiro indixerible con saudoso e querido recordo. Así é o tempo que fai que case todo sexa aprezado despois, nunca ou case nunca no seu momento, que é cando as cousas acontecen. Agora aquí relembrar o que se escoou entre os dedos dos anos pasados. A pensar en ti enchendo aquelas bombonas de gris lata para o día seguinte. Con aquel pulo, con aquela convicción que só teñen os que viven, coma ti sempre viviches, no futuro do teu tempo.
febreiro 14, 2006
Invando vagalumes
Arredados dos centros a nosa vida transcorre nas marxes, onde nada se decide e todo é marxinal. Só dispoñemos do tempo que pasa e non deixará de pasar. O tempo xusto que mide coa mesma vara a nosa estancia "marxinal" e aqueloutra "central". Se cadra imos camiño de algures ou, se cadra, mesmo de ningures. Nese espazo do ren abrimos a boca para invar os vagalumes que a noite ha parir na escuridade. Esas luciñas de esperanza que escintilan no medio do baleiro e do orballo da noite. As luciñas da esperanza para unha palabra, unha palabra perdida na boca dunha anciana ancaresa que partiu para o alén aló polos finais do anterior século deixándonos esta estraña e anterga herdencia: unha palabra, botada no ar, dita para quen se queira facer con ela. "Eu invo, que non teño dentamia". E agora nós, tirados pola fonda voz que a proferira botámola a andar neste imprevisible mar telemático para que non sexa esquecida. Xa que logo, convidados quedades a invar, mesmo que sexan vagalumes. Serán, se cadra, esas vellas da noite as que agochen a resposta deste misterio que chegado aos nosos días aínda non dixo a súa derradeira palabra.
febreiro 01, 2006
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
