Os membros do Foro Cívico Galego de Barcelona (FCGB) participantes no acto a prol da soberanía de Catalunya, celebrado o 10 de setembro na Plaça Sòller de Barcelona (#AdianteCatalunya) e presentes tamén na manifestación da Diada, “Via Lliure de la Meridiana”, queremos manifestar o seguinte:
1) Galiza foi e segue a ser unha colonia do Estado do Reino de España. No século XXI, o Partido Popular e as súas elites-satélite procuran manter este status a través da práctica de políticas clientelares que nos negan o que é noso na Nosa propia Terra e nos empurran a marchar lonxe dela. Os emigradores bótannos fóra, si! Mais, ás veces, lémbranse de nós, enfeitizados, e son quen de viaxar aos diferentes lugares de acollida pra vixiar a marcha dos seus negocios e intereses. E así foi como o 12 de setembro de 2015, no Saló del Tinell de Barcelona, unha grea de membros do neofranquismo e do neofraguismo do PP visitáronnos para declarar que seguen a conspirar sobre como vampirizar o sangue dos emigrantes zugándolles o único que non son quen de pisparlles sen a súa vontade: o voto.
2) Na devandita xuntanza, estes garantes da “unidad de España” confabuláronse para seguir a afogar a vida dos pobos das Hespañas, e a súa auténtica biodiversidade e pluralismo: nacional, cultural, lingüístico e económico, por medio da intimidación e da propaganda anticatalá. Mesmo na súa quenda o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como voceiro, advertiu que “Catalunya está metida en un tenebroso túnel sin salida porque está en la ilegalidad”. Namentres el dirixe, raposeiro, dende a “autonosúa” constitucional, o afundimento de Galiza na miseria moral, na anomía identitaria, na ruína económica e na intemperie histórica.
3) Trátase dos mesmos que pretenden que os que nos definimos e sentimos galego-cataláns nos manteñamos no gueto galego-español, construíndo así valados na sociedade catalá, coa pretensión de perpetuarnos como servos do estado imperial que destruíu e destrúe a nosa identidade de orixe, a galega, e a nosa identidade de acollida, a catalá. En consonancia co exposto, queremos denunciar as declaracións do actual presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, (“Es una obligación que te imponen cada día: o eres unionista o eres independentista. La palabra que nadie dice, pero que todo el mundo piensa es “sobráis”), declaracións que nos avergoñan como galego-cataláns ao facerse carrete de transmisión das mentiras ideolóxicas dos seus mentores do PP. Asemade, denunciamos que se instrumentalice de xeito tan ruín o CGB, a entidade máis veterana da comunidade galega en Catalunya, póndoa ao servizo dos adversarios tanto da liberdade e identidade catalás como dos cidadáns galego-cataláns que facemos parte activa, orgullosa e responsábel desta sociedade que nos soubo acoller.
Por todo o devandito, o Foro Cívico Galego de Barcelona declara a súa oposición á política electoralista, oligárquica e imperial do Partido Popular en Catalunya pois ren do que din e fan aquí, como alí onde gobernan, é verdadeiro, honesto, nin xusto. Polo que, como galego-cataláns, manifestamos, meridianamente: Non no noso nome!
Barcelona, 21 de setembro de 2015
FORO CÍVICO GALEGO DE BARCELONA - rngredaccion@gmail.com
32 asinantes: Camilo Fernández, Celso Díaz, Montserrat Cachafeiro, Suso Mon, Francisco Castro, Antonio Argibay, Xosé Fernández, Lorena Lorenzo, Mercè Pinyol, Xosé Carlos Fernández, Iolanda Tosar, José López, Antón F. Escuredo, Rosa Alvarez, Jose A. González, Jénnifer Alfonso, Judit Jané, Andreu Roig, Rosario Uriach, Francesc Solá, Jesús Jané, Xoel González, Violeta Roig, Marta Carbonell, Sergi Jané, Lluc Roig, Tamara Díaz, Ismael Calvet, Xiana Díaz, Silvia Rotger, Anna Mas e Paula Ventura.